A liga regular da tempada 2024/25 na Preferente Futgal conclúe esta fin de semana. Logo quedarán os play-off do ascenso, nos que non poderá participar o Sigüeiro, malia que vai rematar na terceira posición do grupo norte. O motivo é que o club de Oroso é filial da SD Compostela, que a pasada fin de semana confirmaba o seu descenso a Terceira RFEF. Polo tanto, esa relación de filialidade impide que Sigu e Compos poidan compartir categoría.
Os vermellos aceptan con resignación a realidade que lles toca vivir. “Os nosos xogadores non teñen opción de loitar polo ascenso. É unha mágoa”, escribían en redes sociais. A realidade é que o Sigüeiro vai rematar a liga no terceiro posto por segunda tempada consecutiva e vai volver quedar sen recompensa ao gran traballo realizado.
Hai que matizar que o ano pasado o sistema era diferente. Só ascendían dous equipos (que ao final foron o Noia e o Boiro) e non existían os play-off. Nin sequera o terceiro de cada grupo da Preferente xogada pola Copa do Rei como no pasado, senón que a Supercopa Galicia substituíu esa posibilidade.
Esta tempada 2024/25 o formato é diferente en Preferente. Ascende o primeiro de cada grupo e do segundo ao quinto xogan play-off. Neste caso, no grupo norte o sexto clasificado terá a posibilidade de xogar a fase de ascenso.
Outro gran curso do Sigüeiro
Pase o que pase na última xornada, o Sigüeiro rematará terceiro, con 61 puntos, ao sumar 17 vitorias, dez empates e seis derrotas en 33 partidos. Con todo, a tempada está a piques de rematar para eles.
“O equipo de mozos que soñou con todo na Preferente”, titulou FutbolinGalicia o pasado curso do Sigüeiro. Completaran unha boa tempada, cun grupo de xogadores moi novos e cargados de ilusión e ambición. Todos os futbolistas puideron ter o seu momento e demostrar.

O verán supuxo unha ampla reforma no cadro de xogadores. Continuaron unha decena de xogadores e chegaron unha ducia de reforzos. Os de Vecho conseguiron manter o nivel e volver pelexar o ascenso. O desdenso do Compostela impediullo.
Xornada (case) unificada
A Preferente despide esta fin de semana a liga regular cos todos os partidos nos que hai algo en xogo (xa sexa a loita polo play-off ou o descenso) fixados para o domingo ás 12:00 horas. No grupo norte, só hai dous fóra dese horario: o Órdenes – Pol e, precisamente, o Sigüeiro – Escairón.
No grupo sur, en cambio, aínda non se decidiu o campión e, polo tanto, o ascenso directo. Será o CD Barco no caso de que os valdeorreses gañen ou empaten ante o descendido Atlántida Matamá. Na Preferente Sur todos os encontros son o domingo a mediodía

.