A Primeira Futgal deu pé a historias emotivas e desde FutbolinGalicia queremos debullar algunhas un pouco máis. Houbo grandes fazañas, pero ningunha como proclamarse campións de liga e lograr o tan ansiado ascenso a Preferente. Ao longo destas semanas, repasaremos convosco o curso futbolístico daqueles equipos que se alzaron co título en cada un dos grupos da categoría: os planteis máis Diferenciais.
Ouveando nunha noite longa
Foron anos duros no Sangoñedo, quedando en moitas ocasións ás portas do obxectivo. Pero o Chantada e a súa afección xa poden dicir que volven ser un equipo de Preferente Futgal. E ademais, fixérono por todo o grande, cantando o alirón a falta de catro xornadas para o remate da competición.
A fazaña do combinado dirixido por ‘Traste‘ non se xestou dun día para outro, senón todo o contrario. Desde a chegada do adestrador, os chantadeses volvéronse un habitual nos postos da zona alta do grupo 3, chegando a desputar os play-off de ascenso en varias ocasións. Con todo, sempre quedaban ás portas dos éxitos futbolísticos, como se acusaran unha especie de meigallo. No 2023 foron derrotados polo Flavia, mentres que ao ano seguinte, o Atlético Escairón exerceu como o seu verdugo por partida dobre. E é que os do Saviñao bateron ao Chantada na eliminatoria por subir de categoría e tamén na final da Copa Deputación de Lugo.
Foi entón cando, na tempada seguinte -a 2024/25- lograron rachar coa súa mala xeira ao levarse a Copa Deputación fronte ao Taboada.
A confianza que faltaba
A vitoria no torneo do K.O. lucense acabou coa presión na ribeira do Asma. Desta vez, ía saír. ‘Traste’ confiou de novo na súa xente: un plantel integrado por xogadores de todas as idades cunha característica en común: proceder da comarca de Chantada e os seus arredores. O ano non puido comezar mellor, asinando un balance de seis vitorias nos seis primeiros encontros do curso futbolístico. Ninguén puido igualarlles o ritmo. Nin tan sequera a Residencia, que durante boa parte do campionato foi o seu máximo rival pola cabeza da táboa clasificatoria.
Á veteranía de Kadete ou Fornas uníuselle a xuventude e o talento de Sergio, Povis, Pedro e, sobre todo, Pablo Iglesias. O canteirán demostrou o seu arsenal de recursos ofensivos e selou unha fantástica campaña a nivel individual, anotando 21 tantos entre todas as competicións. Joserra (10) e Pedro (9) completaron o podio de máximos goleadores dun Chantada que tamén tivo entre as súas filas ao ‘Zamora’ da liga: Moncho, quen encaixou menos dianas que partidos xogados.

Bo grupo e mellores futbolistas. Dous ingredientes chave para asegurar o éxito. Só faltaba amosar regularidade durante todo o ano, e vaia se se amosou. A escuadra vermella só caeu unha vez en toda a primeira volta -fronte ao Santaballés– e, por se fora pouco, venceu a todos os seus contrincantes por facerse co primeiro posto. Non deixaron de pisar o acelerador e así chegaron a abril, coa posibilidade de proclamarse campións do grupo 3 se tombaban ao Foz no Martínez Otero. Porén, o destino non quixo que o Chantada certificara o ascenso fóra da casa e os pupilos de ‘Traste’ caeron por dous goles a un fronte ao cadro mariñán.
Desta vez non volveron as pantasmas
Todo Chantada respondeu á chamada da SD. Os escaparates dos negocios enchéronse de camisolas vermellas e mensaxes de apoio ao clube, esperando con ilusión a que chegase o domingo e acudir a Sangoñedo. Tocaba derrotar ao Castro para acadar o obxectivo. Pablo, primeiro, e Joserra, no treito final, encargáronse de furar as redes chairegas para darlle os tres puntos aos seus e desatar a tolemia en toda a vila.

Non era para menos pois, con esa vitoria, o Chantada lograba ouvear na Preferente Futgal nove anos despois.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































