O Atlético Arteixo deu o primeiro paso cara á final estatal polo ascenso á Segunda RFEF tras superar por 2-1 á SD Compostela nun intenso partido disputado no Municipal Ponte dos Brozos. O conxunto albivermello, impulsado pola súa fe e a valentía amosada durante toda a tempada, foi quen de remontar o tanto inicial dos santiagueses e defenderá unha mínima vantaxe o próximo domingo no Vero Boquete de San Lázaro.
A primeira metade foi igualada, con alternativas constantes e ocasións para ambos equipos. O Compostela intentou facer dano á contra, aproveitando a velocidade das súas bandas, mentres o Arteixo apostou por unha presión alta que provocou varias perdas perigosas na saída de balón visitante.
A mellor ocasión dese primeiro tempo foi para os locais, cun man a man de Pablo Martínez que resolveu de maneira brillante Álex Cobo. O cadro santiagués tamén ameazou en varias accións de Parapar e Samu, deixando claro que a eliminatoria vai decidirse por detalles.
Uns detalles que apareceron no segundo tempo. No minuto 55, Samu Rodríguez filtrou un pase milimétrico ás costas da defensa e Parapar definiu a sangue frío para poñer o 0-1.
Porén, a reacción do Arteixo foi case inmediata. Un erro de Valín nun pase atrás acabou nos pés de Jota, que aproveitou o agasallo para empatar no 67 ante a desesperación visitante. O tanto cambiou completamente o partido. O Compostela perdeu seguridade e os locais medraron impulsados pola bancada e pola sensación de que podían facer moito dano.
No tramo final apareceu o goleador Adrián Otero. O dianteiro gañoulle a partida á defensa e, no minuto 85, sacou un disparo potentísimo desde fóra da área que sorprendeu a Cobo. Un gran tanto -nada menos que o cuarto que lle mete aos picheleiros este curso- que desatou a tolemia en Ponte dos Brozos e deixa ao Arteixo cunha pequena pero valiosa renda para a volta. O gran favorito ao ascenso, castigado polas desatencións defensivas, terá agora que remontar se quere seguir soñando co ascenso.
























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































