Os equipos das ligas nacionais xa teñen o futuro marcado
Queda só unha xornada en Segunda e Terceira Federación e os equipos galegos xa perfilan o seu destino para o curso 2026/27. Repasamos onde competirán a vindeira tempada.
O derbi As Celtas-Dépor B verase a vindeira temporada
As viguesas tiñan un reto complicado nestas últimas xornadas: rematar segundas de grupo para poder ascender e, ademais, facer posible que o filial tivera opcións de optar tamén ao ascenso. Porén, as derrotas fronte ao Bizkerre (2-1) e ao Real Sporting de Gijón (3-1) foron afastando esa posibilidade.
A falta dun partido, as celestes son cuartas con 47 puntos tras gañar 14 encontros, empatar 5 e perder 6. A mesma puntuación ten o Racing de Santander, terceiro clasificado. Como máximo, as de Vicky Vázquez poden aspirar a recuperar o posto de bronce se gañan ao Burgos e as racinguistas non o fan contra a Real Sociedade B, segundo con 52 puntos. Con todo, mesmo rematando neste posto non entrarían na promoción de ascenso, xa que non poden alcanzar a condición de mellor terceiro da categoría, a última praza que da acceso ao playoff.
Mentres que o Celta pensaba no ascenso o filial do Deportivo loitaba pola permanencia. A vitoria do pasado domingo ante o Eibar B (0-3) colócaas décimas con 28 puntos, deixando o descenso a seis. Nesta categoría descenden os tres últimos, postos que ocupan o Real Avilés, o Olímpico de León e o Atlético Villalonga.
As branquiazuis levaban máis de dous meses sen gañar, desde o 7 de febreiro, cando superaron ao Racing de Santander, ata o 11 de abril, cando venceron ao Atlético Villalonga (6-0). Recuperaron así a dinámica de sumar de tres, un impulso decisivo para selar a permanencia e seguir na Segunda Federación a vindeira tempada.
As coruñesas gañaron 7 encontros, empataron outros 7 e perderon 11 esta tempada, uns resultados que aínda non sendo os mellores, son suficientes para permanecer na categoría.

O Atlético Villalonga perde a categoría
Tras unha temporada un tanto convulsa, , o conxunto pontevedrés tivo que reinventarse e configurar un equipo practicamente de cero, xa que son poucas as xogadoras que continúan do curso pasado. Desde as primeiras xornadas ocupou o último lugar da clasificación e non puido remontar.
Nin a chegada de Fran Doval puido salvar ao equipo este ano, que descenderá tras catro tempadas no terceiro chanzo estatal. Xogará por primeira vez na Terceira Federación, despois de competir primeiro en Primeira Nacional e, desde a reestruturación de 2022, na Segunda Federación.
Xa hai un mes que o equipo está descendido. Foi no partido ante o Eibar B cando un empate no minuto 80 as afastou tanto da zona de permanencia, 14 puntos, que xa non había marxe, pois só quedaban 12 puntos por disputar.

Dende as redes o club expresa: «Os resultados non estiveron á altura do esforzo, do compromiso e do traballo das nosas xogadoras, corpo técnico e club. O descenso é unha realidade que asumimos con responsabilidade, autocrítica e determinación de aprender de cada paso dado».
O punto de mira está agora en volver a ser un equipo competitivo. » Este equipo non se rende, este club non se detén e desde hoxe comezamos a construír o futuro. Volveremos a levantarnos, volveremos traballar con máis forza, con máis unión e con máis ambición. Porque temos claro quen somos, e cara onde imos».

A loita polo ascenso na Terceira Federación
Con As Celtas fóra, o filial, que xa é campión da Terceira non poderá optar ao ascenso, polo queda a vacante no aire.
O principal candidato é o Victoria CF, segundo con 45 puntos. O problema é que o seguen de preto o Lóstrego e o Friol, con 44 puntos cada un. Todo se decidirá na última xornada.
As cebras teñen que gañar ante o Victoria FC neste último encontro para depender só de si mesmas. Se non, terán que esperar que Lóstrego e Friol non sumen fronte ao Orzán e ao Bergantiños, respectivamente.

Se as coruñesas ascenden, abriríase unha porta para o segundo equipo, líder da Primeira Galicia con 65 puntos, seis por riba do Rosalía.
Aínda non se sabe que provincia acadará o ascenso, pero si están máis definidos os descensos en Pontevedra, onde tanto o Domaio como o Sárdoma son os equipos con menos puntos.
O Domaio, que ascendeu este ano para ocupar a praza do Lugo, volverá á Primeira Galicia. Esta tempada só puido sumar 9 puntos, tras gañar dous partidos e empatar tres, o que o deixa penúltimo.
O equipo que pecha a clasificación é o Sárdoma. O ano pasado chegou a disputar o playoff a Segunda, categoría na que tamén militou na tempada 2022-23. Agora o seu destino está dúas categorías máis abaixo. O cadro vigués tamén afrontou unha importante perda de talento respecto ao curso pasado, coa saída de varias xogadoras cara a proxectos como o Lóstrego ou As Celtas, un factor que tamén puido condicionar a súa tempada.
Na Primeira Galicia está o seu filial. O ano pasado salváranse por un punto, e este ano están a tres da permanencia, posto que ocupa o Pastoriza con 13 puntos. Tanto o Sárdoma B como o Sporting Burgo, os dous descendidos actualmente, teñen 10 puntos, polo que aínda terían marxe nas cinco xornadas que quedan.
Porén, o descenso do primeiro equipo consuma directamente o do filial, xa que ambos conxuntos non poden competir na mesma categoría. Así, tamén quedaría definido a primeira caída na Primeira Galicia.
























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































