# Hashtag

O último baile dos Diferenciais (P. II)

Ninguén o desexou, pero chegou o final. A Primeira Futgal asinou nesta xornada, no Día das Letras Galegas, un desenlace que será lembrado durante moitos anos. Malleiras, ascensos, salvacións agónicas… Moitos afeccionados derramaron bágoas, ben sexa de ledicia ou de tristura, neste último baile da temporada. Unha danza onde os Diferenciais brillaron coma sempre, despedindo coa súa maxia este magnífico curso futbolístico.

Misión: salvación

Cando a oportunidade de garantir a permanencia se reduce a 90 minutos, máis vale estar preparado para dalo todo.

Con esa mentalidade, o Brollón sacou adiante o seu compromiso desta fin de semana e venceu por un gol a dous a La Purísima. Aos de Chura bastáronlle vinte minutos para tomar vantaxe nunha boa xogada culminada por Isma. Non contento con iso, o killer dos Medos sumou outra anotación a súa conta particular, pechando o partido para os vermellos. E é que a pesar de reducir a diferenza, La Purísima non logrou rescatar un punto do seu propio feudo. Así e todo, a tarde rematou ben para os verdes, pois os resultados do grupo ourensán fóronlles favorables e puideron selar a permanencia ao igual que o seu rival.



Tamén salvaron os mobles na Valboa, onde o Francelos acadou a salvación ao impoñerse ao Monterrei por 3 a 0. Logo dunha primeira media hora gris e trabada, os ribeiráns meteron unha marcha máis e abriron a lata grazas a Damián. A cousa non quedou aí e seguiron a insistir sobre a meta do Val, conseguindo un segundo tanto antes de chegar ao tempo de lecer. Á volta da caseta, Damián apareceu novamente para selar un dobrete e poñerlle o poñerlle o peche ao duelo.

Pero, sen dúbida, o partido da xornada foi o MeliasSporting Carballiño (3-4). A primeira parte pasou sen pena nin gloria, caso contrario á segunda, na cal se viron os sete goles do enfrontamento. A pesar de non xogarse nada, os de Pereiro de Aguiar regresaron da pausa dispostos a dalo todo e, vaia se o conseguiron! Chegaron a poñerse dous tantos por diante, pero Isra estragoulles a festa con outros catro, un no reinicio e os outros tres para darlle a volta á situación no treito final.

Como Diferencial de Honra, cómpre citar ao capitán do Verín, Hugo Domínguez, quen se retirou cun dobrete no José Arjiz.   



Fixeron os deberes

Cumprir co papel que se che asigna na Primeira Futgal pode ser algo complicado, pero non hai nada como logralo e probar a túa valía futbolística como equipo.

Saúden ao campión, porque o Ribadumia xa está aquí! Os de amarelo e negro non tiveron problema no seu compromiso desta xornada e deixaron na cuneta ao Agolada (0-3). A diferenza na táboa clasificatoria non se notou e os dezanos levaron ao seu rival ata a desesperación. Iso si, a resistencia duroulles máis ben pouco, pois os visitantes chegaron a golpear en dúas ocasións no primeiro tempo. E, xa no segundo, Eloy Fariña puxo a guinda do pastel para facerse cun meritorio ascenso.

Sport Team Estrada e Amanecer asinaron o mesmo marcador e os do Grove puideron certificar a súa permanencia polo momento ao gañar por cero goles a tres. Conscientes da grande necesidade de sumar, os homes de Lino González saíron ao terreo de xogo con moito ritmo e lograron adiantarse grazas a Brayan López. O volume de ocasións non baixou e ampliaron a renda dúas veces máis, unha delas novamente baixo o selo dun Brayan que sempre contribúe cando está no campo, ben sexa como titular como suplente.



Malia non coarse nos play off, o Cordeiro endosoulle un 1 a 5 ao Unión Dena e púxolle así o broche de ouro á temporada. Apertado e parello como poucos, o duelo entrou nos seus últimos 45 minutos sen un claro dominador. Foi entón cando apareceu Moisés e, como se dun súper heroe se tratase, inventouse tres goles para sentenciar o devir do encontro. Dianas que lle permitiron, por certo, converterse no máximo goleador do grupo 5 desta emocionante Primeira Futgal.

A mellor despedida

Cando toca baixar a tela da temporada, un non pode evitar botar un ollo atrás e emocionarse un chisco con todo o camiño que se percorreu. E máis aínda cando se pecha así o ano…

Porque o Atlántida Matamá coroouse como campión do grupo 6 nesta última data, na que bateu por 0 a 3 ao Ribera. Na mente dos vigueses só había un obxectivo, e ese era facer os deberes canto antes. Foi así como, aos vinte minutos, conseguiron furar as redes rosaleiras nunha boa xogada colectiva. Os homes de André González non deixaron de acelerar e aumentaron a diferenza con dous tantos de Defran, un deles desde os 11 metros. Cos tres puntos no peto e a noticia do que ocorrera nas Gaiandas, o Matamá comezou a celebrar por todo o alto o seu regreso á Preferente Futgal un ano despois.

Os xogadores do Atlántida Matamá celebraron o ascenso por todo o alto. FOTO: ATLÁNTIDA MATAMÁ

Boa parte de culpa tivo o Gondomar, pois a escuadra do Val Miñor mallou no Xuvenil de Ponteareas (1-5), facéndose co segundo posto e relegando aos do Condado ao terceiro. Iso si, primeiro deberon remontar a diana dos albivermellos, que foron os primeiros en coller vantaxe. A igualada do Gondomar chegou antes do tempo de lecer e, no seu regreso ao terreo de xogo, Abdu declinou a balanza a prol dos branquiazuis. Pouco despois, o atacante volveu ver porta, acabando con toda opción de remontada por parte do plantel visitante.

O Sporting Guardés non tivo problema no seu compromiso e derrotou por un gol a cinco ao Mos. A pesar do avultado do resultado, o combinado amarelo e negro non se distanciou do seu contrincante ata ben entrada a segunda metade. Nese momento, Borja dos Santos, quen estaba a xogar o seu primeiro encontro como titular, asinou un dobrete para selar a vitoria dun Sporting Guardés que remata a temporada na cuarta posición.



Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



O último baile dos Diferenciais (P. II)

O último baile dos Diferenciais

O último baile dos Diferenciais (P. II)

O último baile dos Diferenciais (P. II)