Repasamos os Diferenciais da Primeira Futgal de FutbolinGalicia tras unha xornada que engadiu emoción a algúns grupos da categoría. Por exemplo, no 1 houbo cambio de líder a falta de dúas xornadas por disputarse. Recupera a primeira posición o Victoria CF, que superou 1-4 ao Ural, sendo Oski o autor do primero gol das cebras.
A Cultural Maniños cae do liderado ao encadenar a segunda derrota consecutiva, tras perder 2-1 co Olímpico. Ray anotou os dous goles do equipo de Rutis, que suma os mesmos 58 puntos que o Orillamar, que está en play-off. Na loita pola permanencia, o Cedeira sumou un triunfo balsámico ante o Perlío para saír do descenso. Diego Quiza fixo o primeiro para os do Beco.
Tamén está todo aberto no grupo 2, con aínda seis puntos en xogo e moita emoción por chegar. O Dumbría segue líder, con 76 puntos, tras golar 4-0 á Esteirana, con dobrete incluído de Diego Estévez. Na segunda posición está o Carral (73 e coa golaveraxe gañada ao Dumbría), que mallou 6-1 ao San Lorenzo. No Castro viuse outro dobrete, o de Sergio Iglesias. E en terceira posición está o Club do Mar de Caión, que foi líder boa parte do curso, pero agora leva tres partidos sen coñecer a vitoria.
A xornada deixou outra goleada no grupo 2. O Boimorto superou 1-6 ao Vea, con Villaravid poñendo a súa sinatura a dous dos seis goles. O Vea, que leva dez xornadas sen sumar de tres, cae a descenso logo da vitoria do Agolada, que puido co Muxía (2-0). Dani Gavieiro anotaba o primeiro dos do Hospitalillo á volta do descanso.
A emoción pasa tamén pola Marosa
No grupo 3, o Burela está a un paso da Preferente Futgal. Os da Marosa só precisan un punto para acadar o ascenso tras superar 5-1 ao Racing Villalbés ‘B’ a pasada xornada. Jairo Campo, presidente e xogador, anotou dous dos goles.

Foi unha xornada de goleadas no grupo lucense. A Residencia (2º) meteulle seis ao Oural e Rois foi un dos Diferenciais, cun ‘hat trick’. A SD Chantada (4º) subiu a aposta e superou 8-2 ao Foz, sendo Michi o destacado. Finalmente, Marcos Burgo tamén marcou tres goles na malleira 7-0 do Monterroso ante o descendido San Lázaro.

O Tyde tamén pode ascender
Ao igual que o Burela, o Tyde só precisa colleitar un punto esta fin de semana ante o Mos para ser equipo de Preferente Futgal. Os de Tui superaron 2-0 ao Tomiño a pasada xornada no Álvarez Durán, que presentaba un grande ambiente e moita emoción con máis dun milleiro de afeccionados na bancada (na imaxe principal). Adrián González facía o primeiro do Tyde.
O único equipo que podería ameazar o ascenso do Tyde (en caso de que os de Tui perdan os últimos dous partidos) é o Alertanavia, que superou por todo o alto ao Guardés. Un 6-0 ao que David Somoza contribuíu con dous goles que o fan aínda máis pichichi deste grupo 6.
Ademais, un punto esta xornada servralle ao Gondomar para asegurar praza de play-off, tras ganar 4-2 ao Vila do Corpus con tres tantos de Hugo Rial. Xogaron nun campo das Gaiandas que foi protagonista por un triste episodio esta fin de semana. O Gondomar comunicou que o campo quedou precintado este martes e pendente de revisión, e non poderán empregalo ata que haxa un informe favorable.

Loita polo play-off nos grupos 4 e 5
Cos campións xa definidos (Antela e Puebla, respectivamente), os grupos 4 e 5 reparten nestas últimas xornadas postos de play-off. No caso do grupo ourensán, o Polígono accedeu á segunda praza e, salvo catástrofe, xogará promoción. Pato fixo dous dos tres goles dos amarelos. Perdeu o Celanova e tamén o Monterrei, superado 2-3 por un Muíños que confía no erro dos rivais para ter posibilidades. Brais Iglesias iniciou a remontada do Muíños.
No grupo 5, o Cordeiro xogará play-off seguro. Os de Valga venceron ao Dena 0-2 con tantos de Isaac Rodríguez e suman cinco vitorias seguidas (contado o aprazado). A outra praza de promoción está nestes momentos en posesión do Unión, que empatou, e só o Vilaboa, que perdeu, ameaza aos de Asados. Por abaixo, o descendido Soutomaior venceu ao SDV Cabo de Cruz, equipo ao que mete en problemas, aínda que depende de si mesmo. De la Torre anotou un dos goles do Soutomaior.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal énchenos de emoción e deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais da Primeira Futgal.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
