A ida das semifinais da fase autonómica do play-off de ascenso a Segunda RFEF saldouse con dous encontros repletos de tensión, igualdade e emoción, deixando todo aberto para a volta. Os catro equipos, Noia, Estradense, Villalbés e Sarriana, amosaron un gran nivel, con marcadores axustados que reflicten a igualdade existente nesta fase do campionato.
O primeiro encontro, entre Noia (5º) e Estradense (2º), disputouse o sábado ao mediodía e acabou en empate a un (1-1). Facu abriu o marcador para os locais cun gol olímpico no 27′. Na segunda parte, o Estradense tomou o mando e conseguiu igualar a falta de quince minutos, cun disparo de Porrúa tras unha boa conducción. Os visitantes tiveron máis ocasións para facerse coa vitoria; a mellor, cun disparo de Elías ao pau. Finalmente, os equipos asinaron táboas, deixando todo por decidir.
⚽️ Primeira eliminatoria de ascenso a Segunda Fed.
⚔️ @CFNOIA 1-1 @CD_Estradense
👉 O empate deixa aberta a eliminatoria para a volta
👉 O Noia precisa gañar
👉 Ao Estradense válelle un empate ao remate da prórroga pic.twitter.com/gNqwPZdKtC
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) May 19, 2025
Máis aló do puramente futbolístico, o espectacular ambiente vivido dentro e fóra do Julio Mato foi unha das grandes imaxes da xornada. Numerosos afeccionados do Estradense desprazáronse ata a vila de Noia para apoiar ao seu equipo, tinguindo de vermello boa parte das bancadas. Mesmo na previa, recibiron o autobús do equipo con bengalas.
O derbi lucense entre Villalbés (4º) e Sarriana (3º) xogouse o domingo no estadio da Magdalena. Neste caso, o conxunto visitante logrou a vitoria pola mínima (0-1). O único tanto do encontro chegou no minuto 20 da segunda metade, cando Millán -16 goles esta tempada xa- aproveitou un rexeite de Santomé tras un disparo de Sané, precedido por un gran pase ao espazo de Azael.
⚽️ Primeira eliminatoria de ascenso a Segunda Fed.
⚔️ @racingvillalbes 0-1 @SDSarriana
👉 Os de Sarria traduciron o seu dominio en varias fases do partido nun triunfo cun gol de Millán, xa na segunda metade
👉 Á Sarriana sérvelle unha derrota mínima despois da prórroga pic.twitter.com/qz4aHlz8vz
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) May 19, 2025
Eliminatorias de play-off de ascenso a Segunda RFEF abertas
Desta maneira, as eliminatorias quedan completamente abertas para os encontros de volta, que se disputarán o vindeiro domingo. O Estradense recibirá ao Noia ás 12:00 horas no municipal da Estrada. Aos de Manuti sérvelles outro empate para avanzar, grazas á súa mellor posición na liga, o que obrigará ao Noia a buscar a vitoria dende o primeiro minuto.
Pola súa banda, a Ribela acollerá ás 17.00 horas o desenlace entre Sarriana e Villalbés. Os locais tamén partirán coa vantaxe clasificatoria, polo que un empate á conclusión da prórroga bastaríalles para selar o seu pase á final autonómica.
O Rácing Villalbés facilita un autobús para a afección
Consciente da importancia do choque, o Villalbés quere facilitar a viaxe da súa afección e puxo ao dispor dos racinguistas un autobús para acompañar o equipo en Sarria. O servizo será gratuíto para os socios do club, mentres que o resto de interesados poderán reservar a súa praza abonando 5 euros. Todos os interesados deberán inscribirse antes do xoves 22 ás 20:00 horas.

Imaxe de portada: TVG