# Hashtag

Os Vintage: Rubén Docabo Otero

En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta entrega falamos con Rubén Docabo Otero, que foi xogador nas nosas competicións e tamén árbitro, chegando a dirixir varias tempadas na antiga Segunda B.

FutbolinGalicia (en adiante FIG): Cal foi o teu primeiro contacto co fútbol?

Rubén Docabo Otero (en adiante RDO): «Empecei xogando ao fútbol sala no colexio. En alevíns veume buscar o Pabellón e compaxinei as dúas disciplinas. Ao final desa tempada, o Pabellón fixo equipo de fútbol sala. Se quería seguir con eles tiña que deixar o equipo do colexio, situación que non me gustaba.»



«Xa en infantís viñéronme buscar do Atlético Ourense, no que estiven ata cadetes. A metade do segundo ano, xogando en Liga Galega, cruzóuseme o cable e deixeino.»

FIG: Falemos da túa faceta como árbitro. Cando comezaches a interesarte?

RDO: «Ao deixar de xogar tiña que buscar algo no que pasar a fin de semana. Meu pai era árbitro e decidín probar. Cando llo contei, el non quería que fose árbitro. Probablemente se me animara non tivera durado moito, mais ao non deixarme, animoume a continuar.»



FIG: En que categorías arbitraches?

RDO: «Pasei por tódalas categorías autonómicas. Ascendín ano a ano, pasando por fútbol base, Terceira, Segunda e Primeira Rexional, Rexional Preferente e Terceira División, onde estiven dous anos. Debutei en Segunda B con 22 anos e deixeino con 29 a metade de tempada.»

FIG: Algún partido ou tempada que recordes con especial agarimo?



RDO: «Teño moitos, tanto como árbitro principal coma na faceta como cuarto árbitro no fútbol profesional. Se tivera que quedar con algún quizais sería co último. Eu deixeino no mes de febreiro. En maio avisáronme que se quería pitar para despedirme a final da Copa Xunta, que ademais xogábase en Ourense, no Campo do Couto, entre o Celta e o Deportivo. Penso que tanto a nivel deportivo como emocional é un dos mellores recordos. Como cuarto árbitro, sen dúbida, quédome cun Atlético de Madrid contra Real Madrid, no desaparecido Vicente Calderón.»

Rubén Docabo exerceu de cuarto árbitro nun Atlético de Madrid – Real Madrid celebrado no Vicente Calderón

FIG: Que consideras que debe cambiar na sociedade para que o labor arbitral sexa máis sinxela?

RDO: «O árbitro é o escudo que teñen moitas das persoas que conforman o fútbol. Para un adestrador ou un xogador é máis sinxelo botarlle a culpa ao árbitro que facer autocrítica cando chega un mal resultado. Non coñezo ningún caso dun adestrador que ao rematar un partido saíse dicindo que gañaron grazas ao árbitro. Non fai falla dicir que o caso contrario é habitual neste fútbol que temos.»

«Se os propios integrantes deste deporte non son capaces de normalizar os erros dos colexiados, será moi difícil pedirllo aos seus seguidores.»

Retirada arbitral de Rubén Docabo e volta a sentirse futbolista

FIG: A que se debeu a retirada do labor arbitral e a volta a ser xogador, concretamente no Taboadela?



RDO: «Houbo un par de anos que estiven a piques de dar o salto ao fútbol profesional. Cando pasa o tren pola porta varias veces e por diferentes circunstancias non eres capaz de collelo, chega un momento en que todo cansa. Nunha reunión de metade de tempada, que faciamos na Cidade Deportiva das Rozas en Madrid, considerei que chegara o momento. Comuniqueilles tanto a Díaz Vega como a Sánchez Arminio a miña baixa.»

«Esa tempada estaba un primo meu xogando en Taboadela e empecei a adestrar con eles, sen ficha. Ao ano seguite comentáronme a posibilidade de facer ficha e retomei o fútbol de novo.»

FIG: 5 tempadas no Atletico Vilariño. Como foi a experiencia nel?

RDO: «A campaña no Taboadela non foi como esperaba e a miña intención era deixar o fútbol definitivamente. Nese momento chámame Carolo, que o coñecía porque estaba compaxinando a súa faceta de adestrador coa de árbitro. Eu penso que me chamou porque non daba conseguido xogadores (risas). A verdade é que foron anos moi bos, especialmente a nivel de vestuario, e pódese dicir que grazas ao Vilariño sentinme de novo futbolista.»

FIG: O Moreiras foi o teu último club antes da retirada. Que supón este equipo para ti?

RDO: «O Moreiras era unha familia. Chegamos uns quince xogadores, todos amigos. O equipo ía desaparecer. Non tiña nin directiva, que se formou coas mulleres, parellas e familiares dos xogadores. Tiñamos un cuadrante e cada partido na casa catro xogadores pintabamos o campo, varriamos as bancadas ou enchiamos as neveiras. Os fillos vendían as rifas. Foi unha experiencia inolvidable que durou ata que con 43 anos apareceu xente nova que quería coller o equipo. Decidimos apartar, que xa bastante aguantamos…»

FIG: Consideras que o nivel das nosas competicións vai aumentando ou decrecendo?

RDO: «Non sei se é por ser nostálxico mais miro os equipos que había na provincia de Ourense en Primeira Rexional hai 30 anos e vexo os de agora, e penso que o nivel é moito máis baixo agora. Hai 30 anos eu non xogaría en Primeira Rexional nin de coña (risas).»

FIG: Observas algunha diferenza significativa entre o fútbol actual e o de hai 15-20 anos?

RDO: «A principal diferenza que vexo son as instalacións. Antes había en Ourense dous ou tres campos de herba. A metade do ano eran barrizales e agora cada pobo ten un sintético, agás Moreiras precisamente.»

«Antes chegabas a casa coa roupa chea de barro e agora en moitísimos equipos proporcionan a roupa e lávana eles. Aínda así, e habendo cada vez máis escolas de fútbol base, aos rapaces novos cada vez cústalles máis seguir no fútbol unha vez saen de xuvenís.»

Os Vintage: Rubén Docabo Otero

A Rachón fichárono como lateral e acabou

Os Vintage: Rubén Docabo Otero

O terceiro tempo. Episodio 34

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *