# Hashtag

Así se reforzaron os catro equipos ascendidos á Terceira RFEF

Ascender a Terceira RFEF sempre obriga a tomar decisións. Hai que elevar o nivel do cadro de xogadores, pero tamén acertar co tipo de futbolistas que poden facer competitivo a un equipo que chega desde unha categoría inferior. Lalín, Portonovo, Antela e Pontevedra B afrontan ese reto con modelos diferentes.

O Lalín é o gran protagonista do mercado entre os catro ascendidos. O equipo do Manuel Anxo Cortizo realizou 12 fichaxes, unha máis que o Portonovo e cinco máis que o Antela. Pero máis que a cantidade, chama a atención a variedade da aposta dezá.

Na portería recupera a Brais Vázquez, coñecido da casa que se formou no Lugo e que conta con experiencia en Segunda RFEF. Na defensa incorpora a David Marqués, lateral procedente do Pontevedra B e con capacidade para incorporarse ao ataque; a Santi Prado, central formado no Celta e con pasado na UD Ourense; Iván Vázquez, procedente do Arteixo; o lateral Óscar López, que levaba anos no Estradense, e Brais Vidal, tamén procedente do conxunto da Estrada.



No medio aparece Carletto, ademais de Adrián Núñez, que chega desde o Compostela de División de Honra. E arriba hai pólvora: Mesfin, con pasado na UD Ourense, que logo marchou á canteira do Levante e agora procede do Guijuelo, e Manu Galego, futbolista de Lalín que asinou 20 goles a pasada temporada. Hugo Padín e Xabi Castiñeiras completan unha lista na que o club mestura futbolistas coñecidos do fútbol galego, experiencia e talento ofensivo.

Caras novas en Baltar

Se o Lalín aposta por ampliar moito a plantilla, o Portonovo queda a só unha fichaxe, con 11 incorporacións. Minso terá á súa disposición un grupo con varios futbolistas moi novos e con marxe de crecemento.

Yoel Crespo e Pedro Rey teñen só 20 anos, mentres que Hugo Caride ten 19. O primeiro chega desde o Arousa, o segundo desde o Sigueiro e Caride desde o Pontevedra B. Tamén son novos outros dos reforzos, como o porteiro Yeray Vázquez, procedente do Compostela xuvenil e con pasado no Sigueiro.



O Portonovo pescou a outro xogador no Sigüeiro, Iván Varela. Pedro Arufe chega desde o Noia, Bruno García desde o Beluso, Martín Lago e Diego Cantero desde o Gran Peña e Iker Escudero desde a Sarriana. Cantero achega precisamente o contrapunto á xuventude: é un futbolista experimentado que regresa a Baltar. Para a punta, o club incorpora ademais ao brasileiro Vicente Schneider, procedente do Viveiro.

Ilusión polas nubes na Limia

No Antela, o mercado é máis curto: sete incorporacións. Pero tamén é o proxecto que presenta algunhas das historias máis curiosas. O equipo da Moreira pescou fóra de Galicia. Bernardo chega do Gouveia portugués, aínda que se formou no Chaves. Pola súa banda, Bellido procede de terras aragonesas e é canteirán do Teruel.

Na portería chega Dani Selas, de orixe brasileira, que xa sabe o que é xogar en Terceira RFEF despois do seu paso polo Barbadás. E se hai un nome que xera expectativas é o de Gastón: o chileno pode actuar como central ou lateral, pero o seu gran aval está no último curso, no que marcou 25 goles no Piñeira Seca.



O Antela tamén fichou na Queixeira. Sandro Raposeiras chega desde o Arnoia, club no que tamén militaba Tumbeiro, que regresa ao Antela dous anos despois. Raúl Gallego, outro futbolista ourensán, completa as incorporacións.

A canteira granate en Terceira

E despois está o Pontevedra B, que presenta o número máis baixo de fichaxes dos catro: oito. O filial pode apoiarse na propia estrutura de canteira. De feito, Manu Campos promociona desde o xuvenil.

Entre as incorporacións aparece Amet Barrios, extremo procedente do Gran Peña, e David Conde, porteiro de Catoria con pasado no Arousa. O equipo tamén incorpora a Noel Chaves, Marcos Monterroso, Fer Iglesias, Dani Nieto e Isma Lawal, neste último caso para reforzar o centro do campo. Dani Nieto, central, chega co aval do seu paso polo Boiro.

Así se reforzaron os catro equipos ascendidos á Terceira RFEF

Silvia Sampayo pon voz ao ascenso histórico

Así se reforzaron os catro equipos ascendidos á Terceira RFEF

Así se reforzaron os catro equipos ascendidos