# Hashtag

Hugo García, Atlético Arnoia: «Teño claro que este equipo vai dar moito que falar»

Con 35 anos, a lenda do gol Hugo García recalou este verán na Queixeira para vestir a camiseta do Atlético Arnoia e volver preto de casa. O dianteiro, formado nas categorías inferiores de Deportivo, Real Madrid ou Valladolid, estará baixo as ordes de Manel Vázquez nun equipo que promete dar moita guerra e moito que falar.

Hoxe, Hugo García atende a Futbolingalicia para repasar as primeiras sensacións da pretemporada, as últimas tempadas no Lalín e no Verín, a súa retirada, os obxectivos deste ano ou o que significa a UD Ourense para el.

Futbolingalicia: Asinaches polo Atlético Arnoia este verán, cales son as primeiras sensacións neste club durante a pretemporada?



Hugo García: Pois a verdade é que as sensacións están a ser moi positivas, tanto a nivel de directiva e corpo técnico como a nivel de compañeiros. Ata agora cúmprese todo o que me contaran deste club e estou moi contento nestes primeiros días que levamos adestrando xuntos. Quedan tres semanas para comezar a liga pero, polo momento, atópome moi satisfeito.

FIG: Que motivos fixeron que asinaras polo equipo da Queixeira?

HG: A principal razón foi a primeira conversa que tiven co adestrador, onde me explicou a idea que tiña para este ano, que era a de facer unha mistura entre xogadores mozos con moito potencial e outros xogadores con máis experiencia. Nesa primeira conversa puxéronseme as cousas moi fáciles para decidirme e, ademais, na miña cabeza tiña a idea de volver a xogar na casa tras dous anos un pouco máis lonxe. Apetecíame volver a estar por aquí.



FIG: Vés dun ano no Verín e outro no Lalín. Como valoras esas dúas etapas?

HG: Foron dous anos moi diferentes. O ano do Verín foi complicado desde o principio a nivel deportivo porque os resultados non saíron e penso que o club tiña unhas expectativas que, desde o meu punto de vista, non eran reais. Ao final estivemos todo o ano loitando por salvarnos e non fomos quen de conseguilo. Tivemos moitos trocos de adestrador e fíxose difícil, pese a que tiñamos un grupo de xogadores que nos levábamos moi ben. Foi un ano moi complicado.

HG: O ano en Lalín foi distinto porque cheguei a un sitio onde non coñecía a ninguén. Ía coa incerteza do que me ía atopar alí pero estiven moi ben desde o principio. As expectativas eran diferentes ás do ano anterior porque eramos un equipo recentemente ascendido e a idea era facer unha boa tempada e competir todos os partidos. Logramos facelo e acabamos quedando quintos, loitando nos postos altos ata o final. Estiven moi a gusto e custoume non seguir alí porque estaba moi ben, pero a idea era volver á casa porque eran desprazamentos todos os días e o ano faise longo.



FIG: Completaches seis tempadas na UD Ourense. É o lugar máis especial onde xogaches?

HG: Si, sen dúbida. A miña etapa na UD Ourense foi a máis especial da miña carreira deportiva xunto cos catro anos que pasei no Deportivo en xuvenís e nos primeiros anos como sénior. Pero si me tivese que quedar cunha etapa, quedaría coa da UD Ourense. Foron seis anos nos que tivemos alegrías e algunha pena. Sempre me sentín moi querido por toda a afección e foi moi complicado saír. Unha vez que botas alí tantos anos, nada volta a ser igual. Recordo esa etapa con moito cariño e calquera persoa que me coñece sabe que iso é así.

FIG: Que futuro lle auguras á entidade ourensá?

HG: Despois de dúas tempadas caendo na fase de ascenso e quedando ás portas do ascenso, creo que conseguilo é máis que necesario para o club porque ao final teñen algo que é moi importante como é a afección. Todo o mundo sabe o que é a afección da UD Ourense e iso non se compra con diñeiro porque é algo que o club ten e que sempre vai ter. Pero a nivel deportivo fai falta seguir ascendendo de categorías porque, ao final, a xente esixe esas cousas. Agora comezará unha nova tempada e seguro que tratarán a volver a intentalo. Eu deséxolle o mellor e ogallá que sexa este ano o do ascenso para, a partir de aí, seguir crecendo.

FIG: Volvendo ao Atlético Arnoia, para que cres que está este equipo na Preferente Sur?



HG: Pois creo que aínda é cedo para saber onde pode estar este Atlético Arnoia. Pero si que é certo que vendo como adestra o equipo, sumado ás ganas da xente moza que temos, seremos un dos conxuntos cunha idade media máis baixa, e á experiencia dos veteranos, creo que todo iso pode ser unha gran combinación para o club. Penso que seremos un equipo que non vai regalar nada e, a medida que pasen os partidos, veremos onde podemos estar, mais vendo o nivel que pode dar este equipo, creo que imos dar moita guerra. Isto é fútbol e a min non me gusta dicir que temos que estar arriba ou abaixo porque ao final as cousas non son o que un espera, pero si que teño claro que este equipo vai dar moito que falar.

FIG: Márcaste algún obxectivo individual?

HG: O meu obxectivo será o de todos os anos, é dicir, contribuír o máximo posible ao equipo sempre que as lesións respecten, algo que a min e a calquera xogador sempre preocupa, aínda que eu dou as grazas porque nunca tiven unha lesión grave e espero seguir así. O resto dos obxectivos xa se verán. Aos dianteiros sempre nos gusta marcar goles pero eu tampouco son de facer 15 ou 20 goles por tempada. Intento achegar outras cousas ao conxunto e os goles que cheguen pois serán benvidos. Non é algo que me obsesione, xa que o máis importante é estar sempre dispoñible para cando o adestrador o precise.

FIG: Cantos anos máis seguirá xogando Hugo García?

HG: É unha pregunta que algunha vez me fixen porque, ao final, un vai cumprindo anos e sabe que o fútbol ten unha data de caducidade. Ata agora é algo que non teño decidido e creo que deixarei de xogar o día que non teña ilusión por ir adestrar ou por competir na fin de semana. Nese momento será hora de deixalo. Agora mesmo non sinto esa necesidade e xa veremos o que vai pasando. A min gústame gozar deste deporte e intentaremos que este ano sexa así.

Imaxe: Miguel Ángel (La Región)

Hugo García, Atlético Arnoia: «Teño claro que este equipo vai dar moito que falar»

As claves da Primeira Futgal na tempada

Hugo García, Atlético Arnoia: «Teño claro que este equipo vai dar moito que falar»

A Milagrosa ten 48 horas para decidir

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *