O vindeiro 2 de outubro disputaranse as semifinais da edición número 90 da Copa Vigo. Neste torneo, que comezou a celebrarse en 1933, poden participar clubs do Concello de Vigo de Primeira, Segunda ou Terceira Futgal. Desta volta, inscribíronse 15 equipos e xa só quedan catro con opcións de erguer un título que o ano pasado foi parar ás vitrinas do Atlántida Matamá.
A Copa Vigo ten unha longa historia. O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, referírase a ela como «un referente do fútbol modesto» e «unha tradición que moi poucos poden exhibir«. A primeira edición masculina tivo lugar en 1933, o que convirte este trofeo no máis antigo de Galicia. A Copa Vigo feminina incorporouse en 2013.
Un ollo ao pasado da Copa Vigo
Segundo o foro Fame Celeste, houbo algunha paréntese na súa celebración e mesmo chegou a ser cancelada por falta de campos. Ninguén quería perdela e, por exemplo, a final da edición de 1946 acabou por celebrase catro anos e unha chea de recursos despois.
En 1947, unha pequena crónica nas páxinas de La Voz de Galicia indicaba que máis de 8.000 persoas acudiran a presenciar a final deste trofeo. Levarao daquela o Atlátida Matamá, que venceu 1-0 ao Rápido de Pereiró nun partido «emocionante«. «O xúbilo entre os de Matamá foi tan intenso que os afeccionados acompañaron aos xogadores ata a súa barriada con bandas de música, gaitas do país, foguetes, etc«, púidose ler no texto.
Os vencedores das últimas dez edicións foron os seguintes: Alertanavia (2013, 2014 e 2021), Coia (2015), Gran Peña (2016 e 2017 -na imaxe sobre estas liñas-), Candeán (2018), Racing Castrelos (2019), Rápido de Bouzas B (2022) e Atlántida Matamá (2023).
Catro equipos na pelexa
A UD Santa Mariña, que foi finalista en varias das últimas edicións, ergueu a súa primeira Copa Vigo en 1966. Chegaran ao partido decisivo logo dunha accidentada semifinal ante o Vulcano, que rematou con altercados e sancións. O encontro de volta repetírase e o Santa Mariña impuxérase con claridade.
Agora, a UD Santa Mariña, que compite en Primeira Futgal, volve a estar preto da final. Para alcanzala, deberán superar ao Casablanca, de Terceira, o vindeiro 2 de outubro. O adestrador do equipo de Cotogrande, Xacobe Varela, salienta «o cadro de xogadores que formarmos». En xeral, di que os equipos de Vigo e arredores da Primeira «adoitan ter xogadores con bo nivel e experiencia na categoría e en categorías superiores».
A outra semifinal disputarana o Racing Castrelos, que compite tamén no grupo 6 da Primeira Futgal, e o CD La Guía, da Terceira Futgal. O presidente deste último club, Manuel Simón, cre que hai «diferenzas moi grandes entre os equipos dunhas categoría e doutras e para os de Terceira é moi complicado avanzar. Seguramente, por equipos e lóxica, cheguen os de Primeira á final, pero tomarémolo como un partido para gañar. Ao ser principio de temporada custa algo máis, porque falta rodaxe».
Imaxe: RFGF