# Hashtag

Millán, Sarriana: «Estou tendo a continuidade que necesitaba»

Alejandro Millán Coutiño, Millán, (Vigo, 2001) saíu de terras viguesas o pasado verán para recalar na Sarriana, a opción coa que «máis identificado se sentiu» das que tiña enriba da mesa. O extremo esquerdo atende a FutbolinGalicia despois do seu hat-trick contra o Somozas, o primeiro na súa curta carreira sénior, e xusto a semana na que regresará ao Municipal de Barreiro para enfrontarse ao seu exequipo, o Gran Peña, do que garda moi bos recordos.

Habilidoso, rápido e pouco dubitativo, define o seu xogo como «vertical»: gústalle buscar os laterales, o un contra un continuo e «tentar levalos ao máximo para acabar as accións». Un xogador, en definitiva, dos máis peloteiros da Terceira RFEF.

FutbolinGalicia: O primeiro, parabéns pola última vitoria e pola parte que che toca, ese hat-trick.



Millán: «Moitas grazas. Estou contento, nunca metera un hat-trick nesta categoría».

FIG: Méteste de cheo na loita polo pichichi. No aspecto goleador, o salto neste curso está sendo importante. É algo que está na túa mente?

M: «A miña mellor tempada ata o momento fora a anterior, co Gran Peña, tanto a nivel goleador como colectivo. Pero nesta aínda o está sendo máis. Non meto en todos os partidos, pero nos que meto… Pois un hat-trick, un doblete… Está sendo moi boa».



FIG: Os adestradores están confiando en ti: levas 17 titularidades de 22 posibles. Algo estarás facendo ben.

M: «Non é doado. Cando chega un novo adestrador sempre tes dúbidas, pensas se vai cambiar a idea de xogo que había ou non… Pero, por sorte, estou tendo minutos e a continuidade que necesitaba. Porque o ano pasado xoguei bastante, case todo o play-off, pero non cheguei a ter tantos minutos».

«Jaime Paz implantounos unha idea de xogo clara e grazas a iso estamos aí arriba»

FIG: Jaime Paz, Guille Oriol, José Antonio Rodríguez… Entendo que non está sendo fácil tanto cambio e aínda así o equipo mantense arriba. Como describirías isto?



M: «Si, está sendo algo atípico. Ao final, cando vas nos postos altos da clasificación non é normal cambiar tanto de adestrador. Sería ao contrario, noutras situacións. Ao comezo, Jaime implantounos unha idea de xogo moi clara e penso que iso, continuar con ese modelo, é o que nos está levando a estar aí arriba. Polo perfil de xogadores que temos, nós debemos xogar así. Non podemos facelo coma outros equipos, máis defensivos, que tratan de impoñer outro estilo, aproveitar as contras… A nós non nos beneficiaría en absoluto. Somos un equipo de toque».

FIG: Que tal os primeiros días con José Antonio?

M: «Moi ben, a verdade é que caeu de pé coa vitoria. É moi próximo a todos e sabe o que ten que facer, implantando os seus detalles, pero tamén seguindo na liña do que estabamos facendo. As cousas que van ben é mellor non cambialas, pero nós tamén nos temos que ir acostumando para mellorar. Só acaba de comezar.

FIG: E que destacarías dos teus compañeiros?

M: «Todos os vestuarios nos que estiven foron moi bos. Adáptome bastante ben a todos. Neste caso, levámonos todos moi ben e iso nótase no campo. Estamos xuntos, e hai moi bo rollo, tanto nos adestramentos coma antes dos partidos… Iso, ao final, é o que suma no día a día».



FIG: A idade media do conxunto é baixa, pero tedes unha boa combinación, con xuventude e tamén con xente máis veterana que leva moitos anos nesta categoría ou noutras mesmo superiores.

M: «Así é, temos de todo. Somos xogadores novos e tamén os hai máis veteranos, que ás veces nos teñen que poñer as pilas. A clave é ter un pouco de todo».

FIG: Como se deu a túa fichaxe pola Sarriana? Xusto xogaras contra o teu actual equipo no último play-off.

M: «Xogamos contra eles, sí. Na ida, aquí en Sarria, xoguei 20 minutos ou así, e na volta fun titular e fixen un moi bo partido. No verán, a verdade é que eu agardaba unha proposta de superior categoría, pero non chegou. Coas opcións que tiña en Terceira, decanteime pola Sarriana. Estiven falando con Jacobo, do que quería o club, dos obxectivos que tiña, e foi o equipo co que máis identificado me sentín».

FIG: Como é a túa vida en Sarria? Val Miñor, Alondras, Rápido de Bouzas, Gran Peña… É a primeira vez na túa carreira que saes da comarca de Vigo.

M: «É a primeira vez que saio e a primeira vez que vou vivir só. Ao principio costoume tomar a decisión, pero xa tocaba saír algún ano e, por agora, todo ben. Cos compañeiros de piso estou moi a gusto e, como che dixen, o grupo moi ben. Lévome moito con Javi Piay [foron compañeiros no Gran Peña]. Sempre estou con el e con algún máis. Estou moi ben na vila».

«Eramos todos rapaciños e fixemos un ano magnífico […] Era unha piña, o Gran Piña

FIG: Volverás a Barreiro esta vindeira xornada. Tes un bo recordo da túa etapa alí, vestindo as cores do Celta, non?

M: «Foi a mellor etapa da miña carreira. Foi incrible. Un grupo impresionante. Eramos todos rapaciños e fixemos un ano magnífico, peleando co Bergan polo título. Eles fixeron un ano incrible e aínda así nós estivemos aí, loitando, ata as últimas cinco xornadas. Eu xa xogara outros play-off, pero nunca chegara tan lonxe e quizais esa é a espiña que nos quedou. Penso que poderíamos ter ascendido polos partidos que fixemos contra o Salamanca. Pero eu lémbrome sobre todo do grupo, do ben que nos levabamos todos, xogando máis ou menos cada un, e fóramos a onde fóramos. Era unha piña, o Gran Piña! (sorrisos)».

FIG: Que agardas do que resta de tempada? Estades arriba, pero non será doado.

M: «A estas alturas, cando te ves aí, superado o ecuador da tempada, a primeira volta… A mirada está posta no ascenso porque estamos a tan só tres puntos da UD Ourense e teñen que vir eles e mais o Estradense [outro dos rivais directos] a Sarria. Certo é que nós temos que ir a Villalba, así que o tempo dirá. Iremos partido a partido e se podemos asegurar a promoción canto antes, mellor. O importante é seguir a pouca distancia do liderado porque cando veñan á Ribela a presión de gañar será deles».

FIG: Se segues así, non tardarán en chegar ofertas. Onde estará o Millán do futuro?

M: «Non as descarto, non. Pero agora estou centrado nesta tempada, no equipo e tamén en marcar os máximos goles posibles. Levo dez e haberá que meter algún outro para chamar máis a atención. Estou traballando para que poida chegar algo de máis categoría».

Foto de portada: Tania Martínez

Millán, Sarriana: «Estou tendo a continuidade que necesitaba»

Os Diferenciais da Primeira Futgal nunha xornada

Millán, Sarriana: «Estou tendo a continuidade que necesitaba»

David Portas, Atlántida de Matamá: «O fútbol

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *