# Hashtag

A Milagrosa ten 48 horas para decidir se ocupa a praza do Ribadavia

A Federación Galega de Fútbol concedeu un prazo de 48 horas á SDC Milagrosa para que o equipo lucense decida se cobre a vacante que deixou o Ribadavia Atlético no grupo 6 da Primeira Futgal. Os do Luis Gorgoso teñen ata as 14:00 horas do venres para comunicar o seu parecer. Con todo, fontes próximas ao club xa indicaron que non ven viable esta opción.

A menos de 20 días para o inicio da competición, seguen as dúbidas sobre a confección deste polémico grupo 6, que mesturaba 16 equipos da zona sur da provincia Pontevedra con dous ourensáns, Ribadavia Atlético e Arrabaldo. Ambos os dous renunciaron a saír nesta categoría polo incremento de distancias nos desprazamentos.

Agora, a Federación busca á desesperada un equipo que se inscriba para alcanzar a cifra dos 18, como no resto de grupos. A renuncia do Arrabaldo resolveuse sen problema. Ao ser un equipo acabado de ascender, rexeitaron dar o salto de categoría e seguirán na Segunda Futgal. O Arenteiro ‘B’, que perdera no play-off ante o club do Seixo, fíxose cargo da praza.



Cubrir o oco do Ribadavia, que xa competiu a pasada tempada na Primeira Galicia, non resulta tan doado. Segundo a Federación, os ourensáns presentaron «de forma expresa» este martes a súa renuncia, o que motivou unha xuntanza urxente do Comité de Competición e Disciplina.


Nela, acordaron ofrecer a praza á Milagrosa, por ser «o equipo con mellor dereito deportivo«. Hai que lembrar que os lugueses descenderon por arrastres, ao ser o peor cuarto pola cola dos cinco grupos que había a tempada pasada na categoría. O prazo para que comunique a súa decisión a Milagrosa é de 48 horas e corre dende as dúas da tarde deste mércores.

Así as cousas, fontes próximas ao club indican que no conxunto lucense non ven con bos ollos esta posibilidade. Desexan regresar a Primeira Galicia, pero nun principio non ven viable competir só ante rivais da zona sur de Pontevedra. As distancias que terían que percorrer dende a cidade da muralla son moi grandes. Estarían dispostos a asumir o oco do Ribadavia se iso lles dese acceso ao grupo no que participan os 18 equipos da provincia de Lugo.



Que pasa se a Milagrosa non quere a praza?

En caso de que finalmente a Milagrosa non se faga cargo da praza, a Federación seguirá ofrecendo ese oco en Primeira Futgal a outros clubs. A listaxe contempla uns 60. Foi confeccionada atendendo á «orde de clasificación das fases ou promocións de ascensos dependentes da categoría, división e grupo onde se produce dita vacante«. Neste caso, tiveron en conta equipos que competiron na Segunda Galicia.

Observadas as fases de ascenso e clasificacións da pasada tempada, sería outro conxunto lucense, o San Ciprián, o segundo na listaxe para aceptar a praza do Ribadavia Atlético. Isto débese a que, tras rematar a liga quintos (grupo norte de Lugo), no play-off gañaron dous de catro partidos e empataron outro (7 puntos). O coeficiente é de 1,75, superior ao Mazaricos (Costa), o Brollón (Lugo) e o Atlético Vilariño (Ourense).

O Agrón Barcala, Cebarca, Becerreá, Friol, Outes, Coles e Cire Melide están a continuación como candidatos á praza. Os seguintes son La Purísima, Urdilde, Meirás, Iberia, Porteo, Folgueiro, Toén, Rodeiro, Taboadela, Luaña, San Sadurniño, Sada, Xuventude Sanxenxo… Así ata alcanzar máis de 60 equipos.



Calendario xa definido

A RFGF deu a coñecer os calendarios de cada un dos seis grupos da Primeira Futgal. A competición, da que tes todos os detalles aquí, dará comezo a fin de semana do 7 e 8 de setembro e rematará o 11 de maio.

Aquí podes acceder ao calendario do grupo 1, grupo 2, grupo 3, grupo 4, grupo 5 e grupo 6.

A Milagrosa ten 48 horas para decidir se ocupa a praza do Ribadavia

Hugo García, Atlético Arnoia: «Teño claro que

A Milagrosa ten 48 horas para decidir se ocupa a praza do Ribadavia

Motores en marcha para os equipos galegos

2 Comentarios

  1. […] A Milagrosa ten 48 horas para decidir se […]

  2. […] A Milagrosa ten 48 horas para decidir se […]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *