# Hashtag
#Primeira Galicia

O Castro e a Residencia, rivais a bater no Grupo 3 da Primeira Futgal

A Primeira Futgal está a ser unha das categorías das que máis se fala no verán. A reestruturación dos grupos trouxo consigo un debate que aínda se mantén sobre as distancias e os desprazamentos que teñen que asumir os clubes. Porén, na campaña 2024/2025, o Grupo 3 mantense inmutable: todos os conxuntos que o integran pertencen á provincia de Lugo. Os equipos máis fortes do grupo serán, sobre o papel, os recén descendidos da Preferente: Residencia e Castro dan continuidade aos seus cadros para retornar o antes posible á categoría perdida.

Un club afeito aos longos desprazamentos e que tamén foi noticia estes meses é o Xove. Os mariñáns aseguran que «queremos sentar as bases para un proxecto a catro anos vista, con xogadores da comarca e sen renunciar a nada». É unha idea similar á dos seus veciños de Burela, que parten como un dos equipos con máis opcións de ascenso. O seu presidente e capitán Jairo Campo afirmou que «o obxectivo é que o proxecto siga medrando con xente da casa. Este ano temos máis equipos que nunca na base, así que queremos que os rapaces de Burela sigan apretando e asentándose».

O Grupo 3 da Primeira Futgal aglutina equipos desde Xove ata Chantada

A tónica mantense na Mariña cun CD Foz que leva anos apostando pola xente da contorna. Desde a entidade albivermella aseguraron que «queremos acadar a permanencia e antes posible e disfrutar da categoría». Os focenses vivirán un ano máis o derbi contra un Lourenzá que destaca por ser un cadro moi familiar, e que buscará «crear un modelo de xogo equilibrado e competir xornada a xornada por medio do bo traballo colectivo. Temos un gran cadro de xogadores, moi novos e con ambición, pero sempre con humildade».



O obxectivo dos laurentinos é compartido co recén ascendido Pastoricense, onde a unión do vestiario é chave, tal e como afirmou o seu técnico Basi. «O obxectivo é salvarse despois de estar tan só un ano na Segunda Galicia. Pero é certo que esta categoría ten moito nivel, así que vai haber que traballar».

Preto da Pastoriza, o Meira de Manolo García tamén procura «consolidarse na categoría e facer as cousas ben semanalmente». Na Terra Chá, Freire pretende outra temporada tranquila para o seu Santaballés, como sinalou o propio preparador: «ao igual que o ano pasado, manternos en competición o máximo tempo posible e dentro das nosas posibilidades traballar o mellor posible para estar satisfeitos a fin de temporada». Os seus veciños do Racing Villalbés ‘B‘, logo de dous ascensos consecutivos, procurarán estabilizarse na categoría. «Manter a categoría e, sobre todo, preparar aos xogadores para dar o salto ao primeiro equipo» son as principais ambicións dun Iván Lamas que segue nos mandos do filial chairego.

Castro e Residencia queren saír da Primeira o antes posible

Porén, un club que quere saír da categoría o antes posible é o Castro. Dumi deixou o verde e pasou ao banco para devolver aos do Arturo Pereiro á Preferente, pois asegurou que a idea é «estar o máis arriba posible, tratar de estar entre os tres primeiros toda a temporada». No concello veciño de Outeiro de Rei continúa Adrián Vázquez, que completou unha gran temporada o pasado curso. Agora, o de Monterroso busca «estar máis preto dos mellores que o curso pasado, pero temos que estar preparados para calquera situación que se poda dar. Mantemos gran parte do grupo e estamos contentos, pero a competición poñerá a cada un no seu sitio».



A tranquilidade, porén, rexeitase na Cheda, pois a Residencia quere aproveitar a súa boa xeración de futbolistas para «acadar o obxectivo, que é o ascenso». Pola súa banda, o outro club da capital, o San Lázaro, ten obxectivos ben diferentes. «Desfrutar da categoría e competir partido a partido, para procurar acadar a salvación e asentarnos na categoría», en verbas do seu preparador Nico Longhini, son as súas pretensións. Do mesmo modo que o Guntín, aínda que os de Seoane e Mourelos teñen papeletas para ser unha das revelacións da categoría. O cadro laranxa pide «darlle un empurrón ao equipo e asentarnos na categoría. Queremos representar ao pobo por toda a provincia e dar unha boa imaxe sempre».

Moita rivalidade na zona sur da provincia de Lugo

O recén ascendido Oural quere consolidarse nunha categoría complicada, pero son conscientes da «dificultade da categoría, pois somos os recén ascendidos e hai que ser realistas. Pero tamén ambiciosos, procuraremos competir a bon nivel e ver a onde podemos chegar». Xa máis ao sir, Monterroso e Taboada continuarán co seu particular pulso. Os de Cerdeiriños procurarán «competir e gozar en cada partido co 100% da xente da casa e da base», mentres que os de Martín Murado buscarán «mellorar o feito o ano pasado, pois temos ambición e xogadores con capacidade para facelo» e, por suposto, gañar os derbis.

Tamén se manterá o derbi do Sangoñedo entre unha SD Chantada que quere sacar o sabor amargo da temporada pasada e un Chantada Atlético que promete moitas alegrías. Logo da non-fusión de ambos cadros, os de Traste «competir igual que os últimos dous anos, aínda que perdemos mordente na dianteira mantemos o traballo e a alma deste equipo. Ogallá que a forza do grupo nos permita estar na zona alta e que a nosa numerosa afección desfrute coma sempre », mentres que os «Atléticos» queren seguir disfrutando dunha categoría moi ilusionante.



O Castro e a Residencia, rivais a bater no Grupo 3 da Primeira Futgal

Victoria e As Pontes, chamados ao ascenso

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *