# Tags

Montañeros, Sigüeiro e Lalín abren a tempada pola porta grande

Botou a andar a Preferente Norte e fíxoo cun Atlético Coruña Montañeros estelar. O equipo de Jairo Arias pasou por riba de todo un San Tirso grazas á actuación insuperable do dianteiro Pape, autor dos catro goles (dous na primeira e dous na segunda metade) do conxunto herculino.

O futbolista senegalés chegou ao Monta a pasada tempada, procedente do Riotorto, onde xa anotara unha boa cifra de goles nos meses que pasou no conxunto mariñano. Recalara alí dende as filas do Laracha. O pasado curso xa puxo a súa sinatura a 25 goles e esta tempada semella que vai polo mesmo camiño. Na primeira xornada deixou toda unha declaración de intencións.

Pola súa banda, o San Tirso, candidato a estar arriba, viuse superado nesta primera xornada. O conxunto de Mabegondo viña de erguer o título da Supercopa Galicia e agora agarda rival para xogar a eliminatoria previa da Copa do Rei. Se gaña ese partido, os de Fabio Rodríguez mediranse a un equipo de Primeira División.



Bo inicio de Sigüeiro e Lalín

Tamén comezou o curso pola porta grande o Sigüeiro. Os de Vecho dominaron o encontro de principio a fin e pasaron por riba dun Lemos que debe ofrecer unha mellor versión se quere cumprir o obxectivo da permanencia. A mocidade e ambición dos xogadores do Sigu quedou reflectida no marcador, un contundente 0-3. Os vermellos xa remataron a pasada tempada nos postos altos, e queren repetir e, se é posible, mesmo mellorar.

No Manuel Anxo Cortizo, o Lalín lembrou que quere estar entre os favoritos este curso , como xa adiantara a FutbolinGalicia o seu presidente. Os de Toño González abriron a liga con vitoria (3-1) sobre a SD O Val, equipo que acaba de ascender. Vila, Santi Garrido e Chiño fixeron os goles.


Nesta primeira xornada da Preferente Norte venceron pola mínima tres equipos. O Sofán sacou ouro da Pedreira cun gol solitario de Fabián no minuto 62. O Miño adiantouse nos primeiros instantes de partido na súa visita a Ribadeo e o electrónico xa non se movería. No Juan Baleato ocorreu todo o contrario: o Dubra de Bardanca retivo os puntos cun tanto no último suspiro diante do Cidade de Ribeira.



Empates de Arzúa e Paiosaco

Os dous equipos descendidos o pasado curso dende a Terceira RFEF non conseguiron pasar do empate. O Arzúa puido comprobar no Viso a ambición dunha SD Pol que se estrena na Preferente. O equipo de Rati viu como os visitantes se adiantaban en dúas ocasións e foi no 83 de xogo cando anotaron o 2-2 definitivo.

Mentres, o partido do Paiosaco e o Negreira na Porta Santa rematou sen goles. No encontro xa tivo minutos Iván Amor, dianteiro clásico do conxunto verdiblanco que foi a última renovación comunicada polo club. Tamén rematou con reparto de puntos o duelo entre dous equipos que regresaban a esta categoría, o Órdenes e o Atlético Escairón.

Foto: RRSS AC Montañeros



Montañeros, Sigüeiro e Lalín abren a tempada pola porta grande

Antonio López, Silva: «Queda esa espiña de

Montañeros, Sigüeiro e Lalín abren a tempada pola porta grande

Pablo Arnosi, Porriño Industrial: «No club hai

Leave a comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *