# Hashtag

Como lle está indo aos nosos emigrados na Segunda RFEF?

Nesta fin de semana onde a borrasca Herminia paralizou case todo o fútbol na nosa comunidade autónoma durante a xornada de domingo, en Futbolingalicia aproveitamos para poñer a lupa sobre os xogadores galegos que compiten en equipos do resto de España da Segunda RFEF. Un total de 32 futbolistas, con rendementos máis ou menos destacados, pasan pola nosa revisión.

Grupo I

No grupo dos galegos atopamos a cinco xogadores que defenden a camisola de equipos de fóra de Galicia. Tres deles xogan actualmente no Salamanca CF UDS, aínda que ningún dos tres logrou asentarse aínda como titular. O que máis minutos acumulou ata o momento é o boirense Jesús Ares, que disputou 613 minutos en 19 partidos (4 como titular) e anotou dous goles.

Óscar Lorenzo tamén acumula esa mesma cantidade de goles en 546 minutos repartidos en 16 partidos (5 como desde o inicio). O extremo ferrolán foi titular nos dous últimos encontros do cadro salmantino, ao igual que o lateral vigués Yago Rodríguez, que, acusado por unha lesión, tan só disputou 374 minutos en seis partidos (4 como titular).



A dous puntos do Salamanca CF UDS, e polo tanto da fase de ascenso, atópase o Valladolid Promesas, onde destaca o central Iago Parente. Nacido en Valladolid pero con ascendencia ourensá, este prometedor defensa acumula, a pesar dunha lesión que o apartou sete partidos, 788 minutos en doce partidos nos que tamén sumou un tanto.

Ao que peor lle están a ir as cousas é a Iago Parga. O central de Sarria milita na Ximnástica de Torrelavega, actual pechacancelas do grupo que se sitúa a dez puntos da salvación directa. O defensa galego acumula 999 minutos en catorce partidos (10 como titular).

Grupo II

Un dos últimos en cambiar de equipo foi Ces Cotos. O centrocampista con raíces venezolanas deixou o San Sebastián de los Reyes, onde só xogou 522 minutos, para recalar nun Utebo que actualmente é quinto na táboa. Esta fin de semana podería facer o seu debut. Outro que non está a ter moito protagonismo é o ferrolán Álex González, que milita no filial do Zaragoza e tan só disputou 551 minutos, sendo capaz de marcar un gol.



Neste grupo tamén se atopan dous porteiros que se están a alternar nos onces titulares dos seus respectivos equipos. Un é o coruñés Brais Suárez, que está cedido polo Deportivo no Calahorra e que suma once titularidades nesta tempada onde só encaixou oito goles. Con doce titularidades atopamos ao vilalbés Ángel Fraga, que está a vivir a súa terceira campaña fóra de Galicia. O porteiro do Izarra encaixou 21 goles e non é tan indiscutible como o curso pasado no conxunto vasco.

Un dos galegos máis destacados é Gabri Palmás. O futbolista moañés suma tres goles, un deles en Copa ao Valencia, en 1147 minutos no Ejea. O ex xogador de Compostela e Ourense CF, entre outros, disputou dezasete partidos (12 deles como titular). Outro dos xogadores que está a ter moita presenza é Alex Barba no Gernika. O centrocampista coruñés acumula 1519 minutos en 19 partidos e tan só saíu desde o banco en dous deles. O que foi capitán do Fabril tamén suma tres goles nun equipo que agora mesmo evitaría o descenso.

Grupo III

Neste grupo atópanse catro xogadores galegos, aínda que dous deles debutaron fai poucos partidos. É o caso do central vigués Alberto Trapero, que debutou na xornada 18 co Sabadell e que acumula tres titularidades consecutivas desde esa data cun equipo que está a loitar polo ascenso. 



O outro futbolista nesta situación é o ourensán Diego Martínez, que abandonou o Talavera do grupo V, onde era indiscutible e sumaba máis de 1500 minutos en 18 partidos, para chegar ao Torrent da Comunidade Valenciana, unha terra onde xa tiña experiencia. A pasada fin de semana, o defensa xa debutou coa súa nova camisola.

O terceiro futbolista galego neste grupo é Javi Hermelo. O defensa cangués recuperou no Andratx o protagonismo que perdeu a tempada pasada no Pontevedra. Tres goles en dezanove partidos, todos eles como titular, expoñen a importancia deste futbolista galego nun equipo que se atopa en postos de descenso. O central vilalbés Kiko González pecha esta lista con 938 minutos en catorce partidos (10 como titular) nas filas da Peña Deportiva.

Grupo IV

Ata sete galegos xogan neste grupo, un dos máis competidos da categoría. Antón Quindimil está a ser un dos máis destacados da liga, xa que forma parte da revelación do grupo, La Unión Atlético, que é o terceiro clasificado. O central de Abegondo non se perdeu ningún partido e xa roza os 2000 minutos no conxunto murciano, ao que chegou en xaneiro de 2024 procedente do Somozas.

Nos postos altos da táboa tamén se atopa o Xerez CD, onde o lucense Iago Díaz é unha das referencias ofensivas. O ex xogador de Lugo ou Almería suma 1113 minutos en quince partidos e anotou un gol. Na outra cara da moeda está Juampa Barros, que, acusado por unha importante lesión, tan só suma 302 minutos en sete partidos. O extremo de ascendencia arxentina só puido ser titular en tres ocasións.

Outro dos galegos con raíces arxentinas é Matías Vesprini. O central zurdo comezou a tempada no CD Móstoles URJC, no que acumulou 627 minutos e un gol, pero no mercado de inverno cambiou de aires para chegar ao Don Benito extremeño, onde xa disputou tres partidos completos. Nese mesmo equipo, e cedido polo Lugo, está o lucense David Rosón, que non está a ter moito protagonismo e só suma 587 minutos repartidos en quince partidos, cinco deles como titular nun club que pecha a táboa clasificatoria do grupo.



Ademais de Quindimil, outro dos destacados deste grupo é Diego Mirapeix. O defensa compostelano de 24 anos, que se formou na canteira do Racing de Santander, suma 1735 minutos e dous goles no Estepona, co que foi titular en dezanove ocasións. A lista péchaa o lateral coruñés Blas Alonso, que por terceira campaña consecutiva defende a camisola do Águilas. Neste curso xa pasa dos mil minutos en doce titularidades.

Grupo V

Este grupo é o que máis galegos ten xogando. Xunto co Salamanca, o equipo con máis representación da nosa terra é o Talavera, onde tres xogadores forman a pequena irmandiña. O máis destacado está a ser o centrocampista vigués Pitu Doncel, que xa suma 1600 minutos e un gol nas filas do terceiro clasificado. O antigos xogadores do Compostela, Parapar e Riki Mangana, están a ter menos protagonismo e tan só acumulan uns 850 minutos neste primeiro tramo de tempada.

Un posto por diante do Talavera está o Cacereño, cuxa principal figura goleadora é o coruñés Christian Martínez. O dianteiro de 24 anos é o noso emigrado máis destacado nesta primeira volta, posto que xa foi capaz de furar redes en dez ocasións, unha delas ao Atlético de Madrid na Copa. 

En posición de fase de ascenso tamén está o filial do Tenerife, ao que o lateral burelao Pol Bassa chegou este verán. O canteirán do Deportivo acumula 1054 minutos este curso repartidos en catorce partidos (11 como titular).

Outro lateral con pasado na Coruña  é Isra Pérez, que este ano está a vivir a súa primeira experiencia lonxe de Galicia. O coruñés é un dos indiscutibles da Unión Adarve, onde disputou todos os minutos posibles agás un encontro. Ao conxunto do barrio do Pilar chegou a o ferrolán Hugo García a principios de  2025 en calidade de cedido desde o Rayo Majadahonda.

Precisamente nese equipo madrileño atópase Pedro Mosquera, que o ano pasado competía en Segunda División co Alcorcón, e firmou polo Rayo Majadahonda este verán co obxectivo de recuperar a categoría. O coruñés suma 1009 minutos en trece partidos e, polo de agora, tan só puido axudar ao seu equipo a ser sexto.

Outro centrocampista con cartel na categoría é Yago Gandoy, que, tras unha boa tempada no Navalcarnero, recalou esta campaña no San Sebastián de los Reyes, onde compartía equipo con Ces Cotos e cun Pablo Brea que neste mercado abandonou o club e está sen equipo tras disputar quince partidos no cadro madrileño. O centrocampista coruñés disputou todos os partidos (16 como titular) do equipo e acumula 1531 minutos. 

Como lle está indo aos nosos emigrados na Segunda RFEF?

O temporal deixou 270 partidos suspendidos nas

Como lle está indo aos nosos emigrados na Segunda RFEF?

O club das invictas: os 6 equipos

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *