O resultado sorpresa a pasada xornada na Preferente Futgal deuse no grupo norte. En concreto, no campo de San Pedro de Visma, na Coruña, onde o Montañeros (principal candidato ao ascenso) mallou sen piedade ao Club Lemos. O encontro rematou 9-0. Cómpre apuntar, iso si, que o conxunto monfortino acudiu en cadro ao duelo, cunha morea de baixas por lesión e dous xogadores titulares sancionados por quinta amarela, entre eles o porteiro, Pablo Losada.
O partido da pasada fin de semana quedara decidido ao descanso. Dous goles de Jorge Otero e un de Pape (3-0 no tempo de lecer) semellaban ter sentenciado o encontro. Con todo, poucos agardaban o ballón de goles que aínda estaba por chegar, con dobrete de Pape, hat-trick de Miguel Real e outro tanto de Álex Suárez.
O adestrador do Lemos, Edu Rodríguez, publicara nas súas redes tras o partido que era «momento de non agocharse, de dar a cara e asumir a máxima responsabilidade. A borrar o do domingo e poñer o foco no que vén. Imos a polos 10/18 e continuar coa boa xeira que levabamos«, escribiu. Ese obxectivo de sumar 10 puntos nas vindeiras seis xornadas comeza este domingo no campo da Pinguela, onde recibirán o Cidade de Ribeira, equipo de play-off.
Segundo 9-0 esta tempada na Preferente
Publica La Voz que para atopar unha derrota tan dolorosa do Lemos hai que remontarse 60 anos atrás, cando o cadro monfortino caera goleado ante o Fabril. Con todo, esta mesma tempada podemos atopar na Preferente Futgal outro 9-0. Neste caso, deuse no grupo sur, na xornada catro, a finais de setembro. O Pontevedra ‘B’ mallara o Rápido de Bouzas.
Nese caso, o marcador ao descanso era xa moito máis contundente (6-0), tras os dobretes de Manuel Galego e Tonio e os goles de Raul Gil e Anxo Llanos. Manuel Galego anotara outro dobrete na segunda metade e Sebastián Salgado completara a goleada.
O Rápido de Bouzas é, por moito, o equipo que máis goles en caixa da Preferente Futgal. Leva 91 dianas en contra en 23 partidos, dos que só gañou dous e perdeu o resto nun ano que está a ser un inferno para o cadro vigués, en Segunda División ‘B’ hai non moitas tempadas. O Bouzas, que semella desafiuzado dende hai meses, encaixou varios 6-0 e 5-0.

A tempada pasada non houbo resultados así
A pasada tempada ningún encontro rematou cunha diferenza de goles tan importante. No grupo norte, as malleiras máis grandes tiveran como responsables ao Noia e o Montañeros, que golearan 6-0 a Eume Deportivo e Sigüeiro, respectivamente. O Montañeros xa lle fixera 5 goles ao Lemos o curso pasado e o Noia fixera o propio ante o Dubra.
No grupo sur atopamos un 6-0 xa na segunda xornada, o que endosou o Ribadumia a un Antela que acabaría baixando no último momento. Polo demais, houbo varios partidos que remataron cunha diferenza no marcador de catro ou cinco tantos. Aínda que se falamos de goles, o maior espectáculo viuse na xornada 31, co empate 5-5 entre Villalonga e Valladares. Os dous equipos compiten esta tempada en Terceira RFEF.
