# Hashtag

Os porteiros tamén marcan goles na Primeira Futgal

Os porteiros tamén saben marcar goles. Na Preferente Norte demostrouno Pablo Losada, gardameta do Lemos, que salvou un punto para os seus hai ben pouco cun gol na última xornada. Na Primeira Futgal tamén hai casos. Un deles, moi similar ao de Losada, deuse esta fin de semana no partido da Esteirana. Pero o porteiro que máis ve porta (a porta contraria, en concreto) está sen dúbida en Maside. Quixemos coñecer os seus protagonistas.

MJ salvou un punto no Xosé Luis Vara

A Esteirana empatou no engadido ante o Boimorto e foi grazas ao seu porteiro, Manuel José Trillo, máis coñecido como MJ. No desconto, Álex recolleu o rexeite dun córner para colgala á área de novo e aí apareceu MJ para rematar e poñer o 1-1. «Con algo de suspense, porque, aínda que entrou, foi ao pau antes», conta o gardameta da Esteirana, que foi un dos primeiros Diferenciais de FutbolinGalicia.

MJ sinala que celebrou o gol por todo o alto. Dende que xoga baixo paus nunca anotara, «nin estivera preto de facelo, así que foi unha experiencia nova que, por suposto, non me importaría repetir», relata entre risos. Recibiu moitas apertas e felicitacións, non só por marcar gol sendo porteiro, senón por conseguir o tanto do empate no desconto.



Un porteiro áxil e regular

MJ é natural de Esteiro. Criouse xogando na Esteirana, o equipo da súa vila, e, agás seis tempadas que xogou no Noia, a súa carreira está ligada ao conxunto do Xosé Luis Vara. É un porteiro áxil, con bos reflexos e que ofrece garantías no un para un, ademais dunha regularidade que tamén se valora.

Defende a portería dunha Esteirana que comezou moi ben a liga, preto dos postos de cabeza do grupo 2 da Primeira Futgal. Con todo, unha xeira negativa fixo que baixasen na táboa e na actualidade ocupan a duodécima posición. «O balón non acaba de entrar e erramos moito, pero agardamos que o partido do pasado domingo fose un punto de inflexión e volvamos sumar de tres canto antes», sianala MJ.

Pachi tira os penaltis no Maside

Se falamos de porteiros que marcan goles, merece un especial recoñecemento David García ‘Pachi’, o gardameta do Maside ourensán. Esta tempada, no grupo 4 da Primeira Futgal, leva xa dous goles, ambos os dous de penalti, e a pasada tempada anotara tamén outros dous tantos dende os once metros.



«A primeira vez que tirei un penalti foi co Arenteiro, na fase de ascenso a Terceira contra o Estradense. Era o sétimo lanzamento e ninguén quería tirar. Puiden deter dous penaltis e anotar un e conseguimos ascender. Dende aquela sempre me gustou tiralos e sempre os practiquei», apunta Pachi, un gardamallas seguro con bos reflexos.

Leva tres tempadas consecutivas marcando goles. Hai tres anos, iso si, puntualiza que xogou un partido como dianteiro e aí logrou anotar. A pasada tempada xa marcou de penalti coas luvas postas. Ao porteiro do Maside gústalle asumir responsabilidades. En canto aos penaltis, di que a clave é ir confiado e ter claro o lado ao que o vas tirar.

Case se converte en pichichi do equipo

Malia ser todo un experto nos lanzamentos dende os once metros, deuse a casualidade que a pasada xornada fallou un penalti. Tería sido o seu terceiro gol da tempada, o que o colocaría como o pichichi do equipo. Pero non houbo sorte.



«Só erra os penaltis quen os tira», lembra Pachi, que lamenta que o Maside tivo un inicio de liga «difícil», se ben ten claro que teñen un cadro de xogadores para aspirar a máis e confía en comezar a mellorar resultados axiña.

Os porteiros tamén marcan goles na Primeira Futgal

O Sofán aséntase nunha parte nobre moi

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *