# Hashtag

Héctor (Villalbés), preparador físico: «O noso rol é cada vez máis importante»

Nisto do fútbol os que adoitan ter o privilexio de que o seu nome saia nas conversacións dos afeccionados son os xogadores e os primeiros adestradores. Pero hai figuras que pasan máis desapercibidas e cuxa función é indispensable para que un equipo acade os seus obxectivos. Héctor Fernández García é un recoñecido preparador físico na provincia de Lugo e máis alá dela. Vilalbés, Residencia, Viveiro, Sarriana e as seleccións galegas sub-12, sub-14 e sub- 16, son os conxuntos nos que prestou os seus servizos antes de regresar de novo a Vilalba este mesmo verán. Tamén exerce de mestre e ten titulacións noutros deportes coma o piragüismo.

Falamos con el de temas que lle incumben no seu día a día e das súas experiencias, tales como: a importancia da preparación física, o equilibrio que esta parte debe ter coas ideas do resto do corpo técnico, o seu paso por varios clubs da provincia de Lugo; e moito máis. A continuación as palabras do protagonista, que transmite un coñecemento e unha paixón que abraian.

Valoración da figura do preparador físico

«O rol é cada vez máis importante. Os clubs profesionais teñen varios e nos semiprofesionais tamén podemos ver xa figuras coma o preparador físico de campo ou o preparador físico que está especializado en readaptación de lesións. En Terceira RFEF e en Preferente creo que xa todos, ou case todos, os clubs teñen un preparador físico titulado. Tamén os hai en Primeira Futgal e en categorías de base, alégrame un montón que así sexa. Custou que todo isto fose posible xa que durante tempo foi unha parcela con pouca importancia no fútbol posto que non había unha preparación física específica para este deporte. Quíxose traer a preparación do atletismo. Non é que fora un error, é que non tiñamos outra cousa!«



«Grazas ao traballo de moitos compañeiros foise creando teoría específica sobre o que necesita un futbolista a través da preparación física. Isto ten tradución en que vemos que nos últimos 15 anos o fútbol é cada vez máis físico: os xogadores son cada vez máis fortes, máis potentes, saltan máis, fan máis metros a alta velocidade… Todo é consecuencia da inversión e investigación no apartado da preparación física, xunto tamén a nutrición, que é clave para que as carreiras deportivas sexan moito máis longas. O aspecto psicolóxico tamén é importante.»

«Todo está a crecer e cada vez hai máis esixencia e intensidade física nos partidos. Tamén é certo que algún club aínda pon en dúbida a nosa figura xa sexa por non invertir ou por descoñecer a importancia deste traballo nos xogadores. Grazas a deus cada vez é menos frecuente esta situación.«

Funcións do preparador físico

«Realizamos varias durante toda a campaña. Moita xente pensa que unicamente facemos o quencemento, poñemos aos xogadores a correr e mandámoslles facer estiramentos. Esta perspectiva prodúceme rabia e non ten nada que ver coa realidade. Nós realizamos moitas tarefas complexas, sempre en consonancia co que quere o técnico. Facemos tarefas a nivel individual e grupal. Tamén están as tarefas que realizamos na casa, coma toda a planificación, análise e evaluación. Con todo isto tentamos tomar decisións.«



«Unha das funcións máis importantes é a monitorización da carga: planificar e programar as cargas de adestramento, evalualas e a partir de aí tomar decisións: que día haberá máis esixencia, que día estará máis orientado a determinadas demandas fisiolóxicas ou mecánicas, os tempos e espazos de traballo, cando podemos ou é necesario meter un día de recuperación, como podemos facer cos xogadores que gozan de menos minutos para compensar as demandas que ten un partido e eles non disfrutaron… todo isto facémolo con diferentes ferramentas como cuestionarios individualizados a xogadores ou con análise de GPS, que xa é algo máis avanzado e menos rudimentario. En pretempada realizamos moitas evaluacións e tests para ver puntos débiles e posibles asimetrías e a partir de aí facer aos xogadores rutinas de traballo e intentar correxir eses pequenos problemas que poden derivar en lesións.»

«Outro apartado importante é educar progresivamente ao xogador. Darlles información para que eles poidan atopar, fóra do adestramento co grupo e onde xa non estamos nós, ferramentas para sacar o seu máximo rendemento, recuperarse e cuidarse. De vez en cando realizo infografías que coloco no vestiario e explico rapidamente en cinco minutos ou preparo pequenas presentacións de dez minutos sobre os aspectos do adestramento invisible, influencia do noso, etc. Con isto pretendo convencer ao xogador de instaurar ditos hábitos.»

«No fútbol non profesional non temos tantas figuras no corpo técnico. Por exemplo eu non teño quen me faga a recuperación final dun xogador tras lesión. Entre o fisio e eu imos preparando todo o traballo: el encárgase da rehabilitación e despois coordinámonos para o traballo técnico e táctico de cara a que ese xogador se incorpore ao grupo de maneira óptima. Algún ano, para botarlle un cable ao adestrador, tamén teño visualizado vídeos de partidos por falta de segundo adestrador ou analista. As funcións que podemos realizar son moitas



«Todas estas funcións teñen dous obxectivos. O primeiro é conseguir que o míster teña o maior número posible de xogadores nos adestramentos, moi importante para teñan calidade. O segundo fin é sacar o máximo rendemento a cada xogador, que é o tarefa máis clásico do preparador físico. Céntrome en traballar a forza e as mecánicas de movemento; a forma de acelerar, chocar, frenar, saltar. Á forza, que é o máis importante no fútbol, é ao que máis tempo lle dedico nas sesións «

Comezos na profesión

«Acabei a universidade en Coruña e mudeime a Lugo. Aos poucos meses puxéronme a botarlle unha man na Residencia a Pablo Cascudo no infantil B e no cadete A. Eu exercía de segundo e aprendía. Cando se enteraron de que son graduado preguntáronme dende o club se me vía capacitado para levar a preparación física do primeiro equipo en Primeira Rexional e non dubidei en aceptar. Non tiña experiencia pero si os coñecementos e collín a oportunidade. Cando comezamos co equipo, este non ía moi ben, mais conseguimos salvarnos na última xornada.»

«Renovei unha tempada máis na Residencia, que foi a campaña na que chegou Páez. Os dous primeiros anos foron de ensaio e erro: o que aprendín na universidade tiña que ser posto na práctica no campo. Foi un proceso de formación continua, no que ademais de estar na Residencia eduqueime en prevención e readaptación de lesións ou alto rendemento. Viaxei a Madrid para sacar máis cursos e post-grados. Así realizaría mellor o meu traballo. Falaba con docentes da facultade que traballaban no ámbito do fútbol, coma Manuel Pombo, preparador físico que se movía con Fernando Vázquez. Eu entraba no seu despacho a preguntarlle dúbidas sobre o noso traballo.»

«Foron anos de ter moitas ganas de aprender, probablemente cometendo erros ou levando a cabo cousas que agora faría doutra maneira, mais todo vai evolucionando. Gardo un gran recordo desta etapa

¿Cambia moito a preparación dun sénior con respecto ao dun equipo de fútbol base?

«Ás poucas semanas de empezar no mundo de fútbol xa fun preparador físico de sénior. No fútbol base estiven pouco; dous anos no xuvenil A da Residencia e no xuvenil A do RC Villalbés. Nesta categoría adéstrase practicamente como nun primeiro equipo, sen olvidarnos de que é a etapa final de formación.»



«En seleccións galegas sub-12, sub-14 e sub-16 era o preparador físico pero non realizaba ningún tipo de adestramento para mellorar o físico deses xogadores. Adestrabamos unha vez cada quince días e cando se acercaba o campionato de España subiamos a unha sesión semanal. Son xogadores que na súa gran maioría veñen de grandes clubs ou de canteiras importantes: Celta, Lugo, Pontevedra, Deportivo, Racing de Ferrol ou Compos.»

Héctor na súa etapa cos equipos de base da selección galega Cedida polo protagonista

«Viñan de adestrar tres ou catro días cos seus equipos tendo os seus adestradores e os seus preparadores físicos. A nivel de selección preocupábame de preparalos para a sesión de adestramento: facerlles unhas boas activacións, algún tipo de actividade que implicase velocidade de reacción, axilidade ou xogos para que se coñezan e facilitar un gran ambiente. Ao final das sesións faciamos unha volta a calma con actividades de relaxación ou estiramentos. No propio campionato nacional encargábame dos quencementos ou activacións pre-partido. Dado que nun fin de semana xogabamos varios partidos, se tiñamos os medios disponibles diseñaba unha sesión de recuperación con exercicios de movilidade ou CORE entre outros.»

Moitos anos na Residencia. Foi aí onde atopaches estabilidade?

«Na Residencia botei moito tempo. De pequeno xogara alí sendo infantil e cadete. Cando entrei no club como adestrador sentín que estaba regresando a casa e fun recibido cos brazos abertos. Estiven unha tempada e media e despois surxiu a opción de ir a Vilalba, onde traballei un ano. Ao ano seguinte unicamente estaba inmerso no mundo do piragüismo, sendo profesor no Fluvial de Lugo. Ata que recibín unha chamada de Meilán. Quería saber se podía botar un cable para intentar salvar ao primeiro equipo da Residencia do descenso. Estivemos catro partidos e non o logramos. Acabamos descendendo a Primeira Rexional por arrastres.»

«Ofrecéronme renovar e a miña resposta foi afirmativa. Con Álvaro Meilán traballaba moi cómodo. Tanto el coma o presi Julio cuidábanme moitísimo e apostaron por mi facilitándome sempre as cousas. Teño un gran recordo deles. Na época en que estaba a formarme en post-grados e ía a Madrid ou País Vasco, tiña que faltar a algún partido ou non chegaba os venres para o adestramento e nunca houbo problema. Todo eran facilidades. Insistían en que non me preocupase e que me centrase na formación, que ademais entendían que lles beneficiaba como club. Sempre apostaron pola figura do preparador físico. É un lugar no que se traballa moi ben. Un ano e medio estiven preparando a oposición de profesor de educación física en secundaria, deixando o Fluvial, e conseguina aprobar. Nos momentos de máis estrés, de máis estudio e máis apretar na biblioteca polas noites, nunca tiven un problema, nin pedían explicacións.»

«Ía a deixar o club cando marchou Meilán. Eran moitos anos, os mesmos xogadores e tocaba un cambio de ciclo. O da Residencia é dos mellores vestiarios dos que formei parte, sempre unidos, conseguindo fitos importantes sendo amigos. Finalmente aguantei porque entrou Dani Galán e chamábame moito a atención ter a oportunidade de traballar con el. Foron poucos meses xa que en novembro saíu a opción de Viveiro con Páez e para alí marchei. Xa coincidín con el nas seleccións e era un momento de cambio de aires, unha ambición de volver a Terceira División.»

Un curso complicado no Viveiro

«Foi a tempada máis dura en tódolos aspectos. Eu traballaba en Lalín como profesor dun ciclo superior e queda a máis dunha hora de Lugo. Comía, á tarde preparaba os adestramentos e marchaba cos xogadores de Lugo a Viveiro. Se chegabamos de volta a casa ás 23:30 era un éxito. Quedaba cear e o día seguinte o espertador soaba moi cedo para chegar a tempo ao instituto.»

«O equipo estaba abaixo na clasificación e os resultados tardaban en conseguirse. Chegamos en novembro pero non logramos estabilidade deportiva ata xaneiro. Existían dificultades a nivel vestiario que foron solucionadas, ademais de problemas extradeportivos que perduraron toda a tempada. Ese ano tamén estabamos coas seleccións, poñendo os adestramentos desta en días que librabamos en Viveiro. Entón había días de adestrar en Vigo que comezaban para min indo a Lalin a mañá, viaxar pola tarde a Vigo, adestrar aos cativos das seleccións galegas e subir de volta a Lugo.»

Celebrando unha victoria co Viveiro Cedida por Héctor

«Acabou a tempada e conseguimos o obxectivo, que é o que máis gocei e do que máis orgulloso estou. Os xogadores traballaban moito. Xente como Marino, Tichu, Edgar ou Nico Madero daban todo no campo; a chegada de Berrocal deu un salto de calidade enorme ao equipo. Era imposible adestrar máis e mellor do que estaban a facer e tivemos unha serie de trece partidos sen perder. A derrota chegou na última xornada pero xa tiñamos a permanencia asegurada. O desgaste foi tan alto esa tempada que decidín aparcar momentaneamente o fútbol. Comuniquei a Federación que non seguía nas seleccións e a Páez transmitinlle que non quería continuar. Houbo un pequeno parón sen adestrar

Dous anos intensos en Sarria: ascenso a Terceira RFEF e play-off a Segunda RFEF

«O parón que comentei na cuestión anterior durou pouco. Brais Prados púxose en contacto conmigo cando o ficharon como adestrador da Sarriana. Nunca traballamos xuntos no pasado pero decidín aceptar a súa proposta. Traballei en todo momento moi cómodo con el. Ademais tiñamos como axudante a Álex Vázquez, unha gran persoa e un xenial adestrador. Foi un ano bonito, pero con presión. Sentímola durante todo o ano a pesar de ter un gran equipo. No fútbol todos os equipos poden dificultarte, podes perder puntos, a finais de tempada custa máis meter gol… O cadro de xogadores era moi bo e o proxecto era ambicioso mais a presión por detrás finalmente tivo unha boa saída e logramos un histórico ascenso. Era o meu primeiro a Terceira RFEF e foi na casa, na Ribela. Vivín está situación con moita intensidade.»

Héctor, Brais Prados e Álex Vázquez coincidiron na Sarriana Cedida por Héctor

«Ao ano seguinte (é dicir na tempada que rematou en xuño deste ano) houbo cambios no corpo técnico. Chegaron Jorge Cuesta e Dani a Sarria. Jorge viña de China, con pasado na canteira do Celta, un club profesional. Motivábame traballar con alguén dese perfil. Comezamos a tempada, mantendo o bloque e tendo como obxectivo a permanencia. Mais co equipo que fomos facendo e coas ideas que o míster soubo transmitir aos xogadores en base ao seu modelo de xogo vimos que podiamos aspirar a máis, coma estar nunha zona de maior tranquilidade na clasificación e mirando cara arriba.«

«Tivemos algún baixón pero tamén dinámicas boas. Os xogadores tiñan as ideas moi claras e moita calidade. Atopamos o ritmo e encaixamos todas as pezas. Acabamos a tempada moi ben, dando a cara en todo momento e especialmente na segunda volta. Unha pena o play-off, no que creo que mereciamos algo máis pero non puido ser. O Gran Peña empatounos en Sarria e ganounos no seu feudo, polo que foron xustos vencedores a pesar de que competimos e por momentos fomos mellores, coma nalgún tramo do partido de volta.»

«En resumo foron dous anos moi bonitos e de grandes éxitos a nivel deportivo. Houbo un pouco de desgaste pola presión do ascenso na primeira tempada e pola presión de manter a categoría na segunda. Mais a situación non se levou mal. No vestiario había unión. Para esta campaña a Sarriana está a facer un gran proxecto. O once titular que poden sacar pinta moi ben. A ver a profundidade de banco que poden ter. Penso que serán un equipo de novo con opcións de loitar por entrar en play-off.»

Que leva a un preparador físico a cambiar de equipo?

«Hai moitos motivos, cada un sabe as súas realidades. O que teño claro é que intento renovar nun club no que me sinto útil, no que teño facilidades no día a día, no que hai unha liña metodolóxica de traballo, unha conexión co corpo técnico e unha directiva que confía en min, no que me escoiten. É dicir, ter un papel activo. Se das con todo isto, de aí non escapes. É un consello que lle daría a todo o mundo: non escapes de aí a non ser que veña o Real Madrid (risas). Se polo contrario, non se confía no teu traballo e non te deixan facer practicamente nada sen darche medios ou recursos, non apostan por ti… todo iso producirá desgaste no día a día. Se a situación é así, obviamente non se dan as condicións favorables necesarias para renovar.»

«Outro motivo é que a todos gústannos os doces. Se te chaman dunha categoría superior, por moi cómodo que te atopes, pódeche apetecer probar e buscar un crecemento. Pode darse o caso contrario e non dar o paso. Recordo un ano que baixamos de Preferente a Primeira Futgal e renovei sen ningún problema. Nese momento non valoraba a categoría na decisión a pesar de ter opcións máis atractivas en canto á competición na que participaba o equipo. Estar cómodo e que se aposte pola miña metodoloxía e a miña forma de traballar vaime levar a renovar.»

«Por último, tradicionalmente os adestradores levan consigo os seus propios corpos técnicos. Se o míster que está no club vaise, corres o risco de que o novo non quera que te quedes xa que seguramente teña ao seu preparador físico de confianza. Neste caso estás fastidiado e terías que marchar. Habería que esperar a chamada dun adestrador co que xa traballaras ou un que ten boas referencias túas. Así é como van surxindo novos proxectos».

Influencia e conexión adestradror – preparador físico

«Os adestradores poden chegar a condicionar, claro está. Non hai verdades absolutas. Cada adestrador ten a súa forma de xogar, o seu modelo de xogo e unha maneira de entender e poñer en práctica o que quere realizar entre semana.»

«Cando empezo cun adestrador novo, intento explicarlle un patrón para enfocar a semana: que días teñen que ser os de máxima esixencia, como orientar as tareas en cada sesión, espacio, número de xogadores… Trátase de intentar chegar a un consenso. Con algún técnico é fácil e con outros non é tan doado posto que existen moitas formas de traballar.»

«Os preparadores físicos temos que ter a capacidade de adaptarnos ao corpo técnico. Temos que ver que tipo de tarefas acostuma a realizar o adestrador e analizalas para ver que esixencias van a ter sobre os xogadores. Se detectamos que nos falta algun estímulo por traballar, debemos meter un pouquiño máis a man dentro do noso terreo.«

«Hai adestradores que piden traballos máis descontextualizados, que teñen unha crenza de que a preparación física debe ser así e non sei o motivo. Por outra banda están os técnicos que optan por un polo oposto e que todo sexa integrado. Ubícome nesta segunda opción. Gústame traballar moitos aspectos da forza en ximnasio ou en sala, mais a nivel de tarefas no campo diséñoas para que o xogador sexa esixido pero con balón de por medio. Eles bautízano coma ‘fartlek escondido’.»

Anécdotas e mellores anos de tanto fútbol

«Cóntoche unha da etapa no Viveiro. Estabamos no peor momento dende a nosa chegada ao club e tiñamos que visitar ao Barco coa necesidade de puntuar. Non puiden asistir ao partido porque esa semana pillei o covid. Foi unha semana de moitos nervios para min. Escoitei o partido dende a casa e ía falando coa miña moza e o corpo técnico. Nos minutos finais, froito dos nervios, propúxenme a min mesmo deixarme bigote se ganabamos ou sacabamos un punto. Na vida o levei, nin tan sequera perilla. Ese día sacouse o empate contra o Barco.

«A semana seguinte presenteime en Cantarrana con mostacho e no quencemento xogadores coma Marino, Edgar ou Tichu non tardaron en botar a rir. Nese momento díxenlles que o bigote estaría comigo ata que nos derrotasen nun partido. Ante estas palabras todos eran pesimistas por mor da mala serie de encontros que estabamos atravesando. Pero os xogadores fixéronme levar o bigote durante 13 xornadas seguidas. Ata a última data de liga non volvemos coñeccer a derrota. A min, ao principio, non me gustaba e tiven que aguantar a miña parella e a miña nai… pero nalgún outro momento deixeino de novo a raíz desta situación. No instituto os alumnos non mo vían porque estabamos na época das máscaras polo covid, senón as risas estaban aseguradas.»

«En canto ao mellor momento, sen dúbida, foi o Campionato de España coa selección galega sub-16. Estiven catro anos con eses xogadores, que eran boísimos. Disfrutaba dos partidos, olvidábame que estaba alí coma preparador físico. Adicábame a velos xogar e era alucinante. David e Rubén fixeron un scouting incrible e conseguiron que os rapaces pillasen todo o que tiñan que facer no campo. O corpo técnico e a Federación facilitáronnos moito o día a día: concentración en hoteis, en entrenos… Manu, director deportivo, Páez, os mencionados David e Rubén, Jorge, os fisios… foi unha etapa moi bonita. Desexo que algún deses rapaces chegue arriba no fútbol.«

Regreso a un club que xa coñeces

«Volvo por fin a Vilalba, con moita ilusión. Levaba anos dicindo ao meu entorno que sería bonito voltar. Estiven na tempada 2013-2014. Foi un salto moi ilusionante a Terceira División nos meus inicios. Ao final de tempada non continuei. Quería comerme o mundo pero atopeime coa realidade do fútbol. Pode haber problemas en forma de destitucións e acabarse esa experiencia. Quedoume sempre esa espina de regresar e desfrutar xa que é un club que me parece unha ´pasada´

Esta tempada Héctor será o preparador físico dos da Magdalena Twitter RC Villalbés

«Alberto púxose en contacto conmigo. Este ano non contaba, en principio, con adestrar. En Sarria non ía a continuar xa que o meu traballo está en Pontevedra. Mais Alberto faloume do proxecto e non dubidei en decidirme. Estaba moi ilusionado a pesar das distancias a percorrer por mor do traballo. Levo sufrido a Alberto moitos anos e encántame como compiten os seus equipos. Son moi agresivos e intensos. É un técnico coas ideas moi claras e considero que conxeniaremos bastante na maneira de traballar durante a semana e de como competir o domingo. Estamos empezando cos adestramentos e xa dende o primeiro día a intensidade está aí. Estamos xa desexando que arrinque a competición.»

¿Esperas encontrar algunha novidade con respecto a túa anterior etapa no club, xa sexa na forma de traballar ou nunha maior profesionalización?

«O club nestes anos creceu moítisimo. Os medios e a infraestrutura da que vou poder desfrutar en Vilalba nunca a tiven na miña man. Neste aspecto é o club no que máis se invertiu de todos nos que formei parte. Os recursos materiais e as persoas que o rodean son doutra categoría. Temos un ximnasio moi ben equipado e cun gran material. Xusto ao lado están facendo outro o triple de grande e que en breves estará dispoñible. Temos dispositivos XPS, que é algo máis habitual no fútbol profesional.

«Moitas persoas colaboran no día a día para facernos o traballo máis fácil. Produce ledicia ver que un club no que xa estiveches pegou un salto e está en crecemento. Todo isto é mérito das persoas que pasaron dende a miña etapa: presidentes, directores deportivos, adestradores, preparadores físicos; que o máis seguro é que se preocuparon por adquirir novo material e invertir e coidar aos xogadores. Todo isto é froito de xente que quere ao RC Villalbés e que traballou para logralo.»

Hector, un preparador físico que irradia paixón

Héctor (Villalbés), preparador físico: «O noso rol é cada vez máis importante»

O Noia de Iván Carril apunta alto

Héctor (Villalbés), preparador físico: «O noso rol é cada vez máis importante»

Diario dun Mercado. A Preferente Norte xa

1 Comentario

  1. […] Héctor (Villalbés), preparador físico: «O noso rol é […]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *