Hoxe FutbolinGalicia trae unha entrevista cun «one club men«, un xogador que leva toda a súa vida deportiva vestindo a mesma camisola. Non é outra que a do equipo do pobo de onde é natural. Tomás Vila Estévez, centrocampista de 32 anos de e do Valladares, recorda con nós o ascenso a Terceira RFEF conseguido no verán ou o que está a deparar a actual pretempada. Tamén hai tempo para anécdotas e falar dos obxectivos a alcanzar neste curso. A continuación as declaracións dunha persoa unida a un club dende hai bastante tempo: o seu avó foi presidente e seu irmán e seu pai tamén foron xogadores do Valladares.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Supoñemos que tras tantos anos no club, serán moitas as anécdotas e os grandes momentos que podes contar. Compartes algún con nós?
Tomás Vila (en adiante TV): Unha boa foi cando o adestrador meteume no campo na segunda metade e sacoume ao pouco tempo de ter entrado por pensar que me puxera de titular. Non o podía crer!
Gardo un gran recordo do ascenso en etapa xuvenil, así como do salto de Primeira a Preferente no primeiro ano como sénior. Por suposto teño bos recordos, tamén fóra do campo, cos compañeiros.
FIG: Que significa o Valladares para Tomás Vila?
TV: Moito. Algunha vez tiven a oportunidade de marchar a outro club mais non creo que xogue nunca noutro equipo. Sempre quixen estar aquí e desfruto moito xogando, especialmente na casa contra a portaría da cantina.
Penso que somos un club especial, centenario e que está moi ligado á parroquia e as nosas tradicións. Facemos as cousas dunha maneira distinta ao habitual no fútbol de hoxe en día. É difícil de explicar.
No Valladares xogaron meu pai e meu irmán. Inclusive meu avó foi presidente hai moitos anos!.
FIG: Ser o capitán do primeiro equipo para alguén do pobo coma ti deber ser moi especial, non?
TV: É un gran orgullo, sen dúbida. Non son un líder, o único que intento é transmitir aos xogadores que van chegando o que significa o Valladares.
Penso que xogar no mesmo lugar no que vives é algo distinto. Cada día atopaste con veciños que falan con nós do equipo ou cos que comentamos o último partido. Aquí séguennos moito. Se das pena o domingo, mellor que non salgas da casa (risa).
FIG: Desde a tempada 2012/2013 estivestes na Preferente. Que destacas desta categoría durante as 12 campañas que xogaste nela?
TV: A Preferente é unha categoría moi igualada. O normal é que sacando un par de equipos que non suman moito, o resto se atopen en poucos puntos.
As tempadas, ás veces, pódense facer algo longas se te encontras en metade da táboa e sen xogarte nada. Xa é unha categoría de bo nivel e na que hai bos xogadores.
FIG: O histórico ascenso a Terceira RFEF chegou hai uns meses. Como foi a campaña?
TV: Aínda que non o pareza, xa que logramos o salto de categoría, foi unha tempada moi complicada. Tivemos lesións graves, aínda por riba dos mellores xogadores do equipo. Ademais unha mala e longa xeira de resultados parecía deixarnos sen opcións de ascenso.
Afrontamos con moita unión todas estas situacións. Fomos atopando o noso xogo e rematamos o curso moi fortes. Nos últimos catro meses unicamente perdemos un partido. Creo que merecemos o ascenso.
FIG: Imaxinamos que as sensacións do día do ascenso a Terceira RFEF serán difíciles de explicar pola emotividade do momento, non?
TV: Recordo que o día rematou moi tarde. Na última xornada saímos moi concentrados e o partido púxose de cara moi pronto. Nós fixemos o noso traballo.
O Céltiga xogaba na casa contra o Ribadumia, que estaba descendido. Parecía imposible que o Céltiga perdera. No medio do partido escoitamos que ían perdendo 0 a 2 e cando o árbitro pitou o final desatouse a loucura.
FIG: Como está indo a pretempada?
O equipo adestra con moita intensidade e hai ganas de chegar na mellor forma posible ao inicio da competición. Tivemos tamén algúns partidos amigables que serviron para afinar detalles nos que estamos a traballar.
É certo que se nota moito a carga física nas pernas pero sabemos que é parte do proceso para chegar ben ao comezo da liga.
FIG: Cal é o obxectivo do Valladares neste curso 24-25?
TV: Obviamente é manter a categoría. Aínda que moita xente di que é un ano para gozar, nós non pensamos desa maneira. Coñecémonos moi ben e confiamos moito nas nosas fortalezas. Tamén sabemos que non podemos ver máis alá da seguinte xornada e así é como afrontaremos a tempada.
Foto de portada: VIGO FOTOGRAFÍA ARTE
Jandry Rego, Viveiro CF: «Antes todo o mundo quería xogar o máis arriba posible, agora cambiou» - FutbolinGalicia
08th Sep 2024[…] Tomás Vila, Valladares: «Se das pena o domingo, […]