# Hashtag

Os máximos goleadores da Primeira Futgal antes do Nadal

Rematou 2024 e a Primera Futgal xa consumiu as súas primeiras 16 xornadas, de xeito que só resta unha para finalizar a primeira volta. Polo momento, estes son os equipos que van en cabeza en cada grupo.

Antes do parón de Nadal anotáronse máis de 2.600 goles nos arredor de 860 encontros celebrados (algúns partidos que foron suspendidos polo temporal están programados para esta primeira fin de semana de xaneiro). En FutbolinGalicia quixemos buscar quen son os autores deses goles, e velaquí os máximos anotadores de cada grupo:

Isaac – 19 goles (Grupo 2)

O rei do gol na Primeira Futgal xoga no Arasolís. O futbolista do Fisterra Isaac Fábregas xogou os 16 partidos de liga -todos eles saíndo de inicio- e suma 19 goles. Aos seus 23 anos e tras unha vida coa camiseta verde, malia temporadas no Calasanz e no Cee, Isaac marca diferenzas na categoría. Este grupo 2 é no que máis goles se marcaron ata o Nadal. Tamén leva unha morea de goles Diego Estévez, do Dumbría (18 goles en 14 partidos), e Adrián García, do Calo (17 tantos en 15 encontros).



Pato – 14 goles (Grupo 4)

Ángel García, máis coñecido nos campos como Pato, é, con diferenza, o máximo goleador do grupo ourensán. O dianteiro do Polígono San Cibrao suma 14 tras un gran inicio de liga tanto a nivel individual como colectivo, co seu equipo terceiro, a só un punto do segundo, o Celanova, rival ao que superaron na última xornada do ano. O ‘9’ dos amarelos anotou ademais dous tantos en Copa Deputación.

Jorge Pereira – 14 goles (Grupo 3)

Tamén con 14 goles no peto chegou ao parón o futbolista da Residencia Jorge Pereira, no grupo lucense. Xa na segunda xornada anotou un dobrete, e repetiu con outros dous goles na terceira semana de liga e na xornada 11. No último partido antes do Nadal foi o autor do tanto que deu a vitoria á Residencia no engadido para que o conxunto da Cheda coma o turrón asentado na segunda praza.

Ismael Cerqueiras – 14 goles (Grupo 5)

Ao igual que os tres anteriores, tamén figurou nas listaxes dos Diferenciais Ismael Cerqueiras, xogador do Unión de Asados. É o máximo goleador do grupo 5, con 14 goles en 16 partidos xogados. Cerqueiras, de 23 anos, acumula unha longa traxectoria no equipo de Rianxo. No ‘ranking‘ de goleadores do grupo, Juan García, do Puebla, ségueo de preto, con 13 dianas en 15 partidos.



Diego Quiza – 12 goles (Grupo 1)

En Cedeira os goles son cousa de Diego Quiza. O xogador de 19 anos de Cariño xa levaba dúas tempadas moi goleadoras e desta volta (no seu primeiro curso no Beco) non está fallando. Especial mérito tivo, por exemplo, a súa actuación na vitoria do Cedeira 1-4 ante o Sporting Cambre, un duelo no que Diego fixo un ‘hattrick‘. Ante o Torre anotou un dobrete. Quiza chegara ao equipo para «batir as redes rivais co seu olfato goleador». Dito e feito.

Gorka Davila – 12 goles (Grupo 6)

Na súa estrea na Primeira Futgal, o Progresista está asentado na zona media da táboa dun grupo esixente grazas, entre outros aspectos, ao acerto goleador de Gorka Davila, con 12 tantos en 16 partidos xogados. Chegou a Salvaterra este verán dende o Juvenil de Ponteareas ‘B’ e destaca pola súa técnica e a súa entrega no terreo de xogo. Na listaxe de goleadores deste grupo ségueno de preto Víctor Fernández, do Sporting Guardés, e David Somoza, do Alertanavia.

Os goleadores da categoría son Diferenciais

FutbolinGalicia segue cada semana a Primera Futgal para escoller os Diferenciais, eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.

Os máximos goleadores da Primeira Futgal antes do Nadal

Balance do ano para os equipos da

Os máximos goleadores da Primeira Futgal antes do Nadal

Diego Rodríguez, Boiro: «Tiven a sorte de

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *