# Tags

David Páez, director de canteira do CD Lugo: «O sentimento de pertenza é clave»

David Páez (Sarria, 1987) afronta esta tempada un novo reto. Tras finalizar a tempada como técnico do Estradense, incorporouse ao CD Lugo en calidade de director de canteira. Con FutbolinGalicia, analiza a situación da base do club albivermello, os obxectivos que se lle presentan e salienta a importancia de espertar nos rapaces un forte «sentimento de pertenza». En canto ao filial de Terceira RFEF, di que queren sacar xogadores para o sénior e, ao mesmo tempo, salvar o equipo sen renunciar a nada. No Polvorín xoga o fillo de Raúl González Blanco, a quen Páez define como «amable e cercano».

FutbolinGalicia: Como están a ser os seus primeiros meses como director de canteira?

David Páez: «Foron uns meses intensos. Cando chegas a un posto como este, con tantos equipos e tanto capital humano ao teu cargo, tes que facer un traballo inmediato e da mellor maneira posible».



FIG: Supoño que xa vía moito fútbol, pero agora, con esta nova responsabilidade, tócalle ver aínda máis partidos?

D.P.: «A min sempre me gustou ver moito fútbol, pero agora é certo que vexo todas as categorías. Sen ir máis lonxe, a pasada fin de semana comecei na Coruña nun torneo cos alevíns e acabei a tarde do domingo co Polvorín en Ourense. Ao mesmo tempo, vemos os rivais, pois no departamento de captación temos que controlar as potenciais fichaxes en todas as categorías».

Cambio de rol para David Páez

FIG: Levaba os últimos tres anos adestrando en diferentes clubs da Terceira RFEF e mais como seleccionador galego sub-16. Como é de pasar de ser adestrador a director de canteira?



D.P.: «Teño o título de director deportivo pola RFEF dende 2014 e xa estivera noutra etapa de tres anos coordinando toda a canteira do Calasancio [de Monforte de Lemos], de benxamíns a Liga Nacional xuvenil. A diferencia é que no Lugo temos un filial en Terceira RFEF, pero nesa categoría, como dis, adestrei seis tempadas, polo que penso que teño un coñecemento profundo sobre ela.

Ademais, nos últimos cinco anos, como seleccionador galego sub-16, controlaba as xeracións de cadetes a xuvenís. Nas idades de infantís e alevíns estou adentrándome pouco a pouco, dou todo o que podo e outras persoas dentro do organigrama están tamén neses roles.

Tamén traballei dous anos na canteira do Real Club Deportivo, cando estaba o sénior en Primeira División e había moitos medios. Por iso, aínda que sexa un rol diferente ao dos últimos anos, non me colle desprevido. Xa estaba acostumado ao traballo de canteiras. Tamén é importante ter coñecemento da contorna. Eu son de Sarria e xa controlaba a todos os xogadores da canteira do Lugo».



A base albivermella conta con máis de 200 licenzas

FIG: O Lugo anunciou a súa incorporación nun momento de cambios na base. Os dous xuvenís descenderon de categoría a pasada tempada e mudaron moitos adestradores. Que supón isto?

David Páez.: «Eu chego nun momento no que a base acababa de consumar dous descensos en xuvenís, se ben o do B é motivado polo arrastre do A. Somos conscientes de que debemos conseguir o ascenso a División de Honra. Un club profesional como o Lugo nunca pode estar en Liga Nacional. Sabemos que non será fácil conseguir o ascenso, porque nunca o é e hai outros clubs na mesma situación. Para chegar á máxima categoría do fútbol xuvenil temos que traballar moito e niso estamos. Será un camiño longo, pero esperemos conseguilo a final de temporada. Con respecto aos cambios de adestradores, nós apostamos por unhas persoas dende que chegamos, confíamos nelas e imos tratar de seguir todos ata final de temporada polo mesmo camiño».

FIG: Cantas persoas integran a base do CD Lugo na actualidade?

D.P.: En total, hai entre 215 e 225 licenzas en activo. Dentro do departamento temos unhas 30 persoas, entre adestradores, delegados, fisioterapeutas, encargados de material, oficinas e a área educativa, cunha psicóloga e unha psicopedagoga. Temos nove equipos na base: filial, xuvenil A e B, cadete A e B, infantil A e B e alevín A e B. O ano que vén incorporaremos dous equipos benxamíns.

A base como camiño de volta a Segunda División

FIG: Sinte que os rapaces da base teñen interese polo primeiro equipo?



D.P.: «Si e, como é lóxico, os xogadores do fútbol base anímanse máis se ven que hai compañeiros que chegan ao primeiro equipo. A Primeira RFEF non está vinculada ao fútbol profesional, pero moitos clubs, como este, traballan de xeito profesional e iso é atractivo para os rapaces. Nisto, o sentimento de pertenza é clave. Temos que ter xente de aquí, que sinta o club. Para iso, a canteira é o mellor ingrediente. O sentimento de pertenza ao Club Deportivo Lugo faranos chegar ao camiño desexado, que é o de volta ao fútbol profesional».

David Páez
David Páez, nas instalacións do CD Lugo. Cedida

FIG: No cadro de xogadores do sénior hai futbolistas saídos da base, outros que marcharon e regresaron, pero segue a haber moitas caras de fóra. Aínda sen saber se se acadará o ascenso a Segunda División ou non, pensa que hai rapaces na canteira preparados para dar o salto?

D.P.: «A formación dos rapaces é moi importante. En Lugo temos unha boa canteira, bos xogadores e bos adestradores. Xa están saíndo futbolistas e confío en que veñan máis. Jorge González compite asiduamente co primeiro equipo. Tamén están nesa situación Pablo Rubal ou Damián Noya. No filial, nas primeiras xornadas foron titulares dous xuvenís, Mateo Muñoz e Jorge Candal. Vemos gran potencial no fútbol base. Nas chamadas da Selección Galega que saíron esta semana temos tres convocados na sub-16 e dous na sub-14. Penso que imos polo bo camiño. Hai que ter paciencia e o importante é captar bos xogadores e formalos ben».

Héctor, fillo de Raúl González, xoga no Lugo B

FIG: Que meta marca o club para o filial de Terceira RFEF?

D.P.: «O principal obxectivo é que saian xogadores para o primeiro equipo. Esa é a idiosincrasia dun filial. Do coñecemento que podiamos ter da Terceira RFEF, intentamos captar un perfil de xogadores que poidan chegar ao primeiro equipo e, á vez, que nos dean o rendemento desexado na liga. O primordial é formar xogadores e salvar a categoría canto antes, pero non imos renunciar a nada e intentaremos quedar o máis arriba posible».

FIG: No último partido do filial, ante a UD Ourense, estivo no palco do Couto acompañado do emblemático exfutbolista Raúl González Blanco, agora adestrador do Real Madrid Castela, que acudiu a ver ao seu fillo, Héctor, xogador do filial. Que tal foi o trato con Raúl e como se produciu a chegada do seu fillo ao Polvorín?

David Páez: «Raúl é unha persoa moi amable e temos unha boa relación. Desprazouse a ver a Héctor, que está en dinámica do filial e é un xogador máis do club. Agradecémoslle que nos viñera a ver, pois é moi cercano, como demostrou o domingo. A fichaxe de Héctor estimámola oportuna no departamento de captación. Viña en dinámica de División de Honra, dende o Leganés, que rematou terceiro en liga e chegou a cuartos de final da Copa do Rei. É un moi bo xogador ao que lle queda moito por percorrer; é mozo, ten ganas e estamos moi contentos de que estea con nós».

FIG: Un aspecto importante para o desenvolvemento da base semella ser a cidade deportiva. Hai tempo que non se fala dela. Como evoluciona o proxecto?

D.P.: «Esa non é unha área que me competa a min. Pero sei que se está facendo o necesario para chegar a ter esa cidade deportiva. Creo que sería importante ter as instalacións e os materiais de xeito unificado, pero de momento non me compete a min e obviamente está en mans do equipo directivo».

David Páez, director de canteira do CD Lugo: «O sentimento de pertenza é clave»

Oito equipos con pleno de vitorias no

David Páez, director de canteira do CD Lugo: «O sentimento de pertenza é clave»

O terceiro tempo. Episodio 2

Leave a comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *