A ‘Champions ourensá’, como bautizou o grupo 4 da Primeira Futgal o director deportivo do A Peroxa, está a piques de arrancar. Os clubs coinciden en que será unha tempada igualada e competida. Celebran que o grupo inclúa só equipos de Ourense: “así mantense a esencia do fútbol provincial e as rivalidades ourensás”, di Miguel Saa, técnico do Maceda. Pero tamén saben que isto podería cambiar nos vindeiros anos. De feito, o Ribadavia e o Arrabaldo xa quedaron encadrados este ano fóra da provincia, o que motivou a renuncia de ambos.
A igualdade –máis que a pasada tempada– semella que será a tónica do campionato. “En principio non vexo ningún equipo por riba dos demais”, di o adestrador do Nogueira, Toño Rexá, que agarda un grupo de seis ou sete equipos pelexando o ascenso.
Da mesma opinión é Guillermo González, do Loñoá, pero advirte que os favoritos “van deixar moitos puntos, máis dos que cren, no resto de campos”. Milo, á fronte do Seixalbo, pensa que non se decidirá nada “ata a última xornada, pois calquera pode gañar a calquera. Todos os equipos están moi ben preparados tanto física como tecnicamente”.
O grupo dos elixidos
Nese grupo de elixidos, hai algúns que se repiten segundo as respostas que deron os adestradores a FutbolinGalicia. “Antela, Allariz, Velle, Nogueira, Celanova e Monterrey sempre son moi fortes e con aspiracións claras ao ascenso”, sinala Manuel Rodríguez ‘Canexón’, técnico do Sporting Carballiño. O Polígono é outro conxunto que se repite nas quinielas. O Melias tamén “está a confeccionar un bo cadro de xogadores, e logo hai outros que poden dar a sorpresa”, di Canexón.
En xeral, considera Ángel Mociño, do Sporting Celanova, “o nivel medio dos equipos vai ser maior, se ben non haberá equipos dunha capacidade tan alta como eran Verín e Cented”.
Con todo, si neste grupo 4 da Primeira Futgal si hai conxuntos “de renome, que estiveron en Preferente e ante os que costará sacar bos resultados”, di Daniel Prado ‘Dany’, adestrador dun Cartelle que este ano presenta un novo modelo. O club cambiou de directiva hai poucas semanas e agora busca “asentar as bases para, en anos vindeiros, ser un equipo sólido na Primeira Rexional e un equipo apetecible para que a xente fiche por este club”.
O Córgomo Vilamartín estréase na Primeira Futgal na terceira tempada desde a súa creación. Renovou David Pérez, o técnico do ascenso, que incide no nivel da categoría: “Moitos xogadores de Ourense cidade que poderían militar en categorías superiores quedan alí na casa e moitos equipos teñen dous ou tres futbolistas destes”. Para o resto de equipos, os valdeorreses son os grandes descoñecidos. Pérez avisa: “Se nos gañan, será porque son mellores, non porque corran, pelexen ou loiten máis que nós”.
O Antela quere regresar a Preferente
“Favoritos son os que teñen a posibilidade de meter cartos”, di o adestrador do Maceda. Asegura que “poder fichar axuda moito a estes equipos, que, ademais de ter un renome na provincia, teñen este plus á hora de confeccionar os cadros de xogadores”. Nese grupo de favoritos, todos os enquisados coinciden en varios nomes: Antela, Velle, Celanova, Nogueira e Polígono. Outros engaden Allariz, Melias e o Monterrey.
Entre eles, semella destacar o Antela, que “ten un punto más de obrigación por orzamento e por ser un acabado de descender”, di Mociño, do Sporting Celanova. Dende o conxunto de Xinzo de Limia téñeno claro. “Por suposto”, responde Bruno Gómez, o seu adestrador, ao preguntarlle se se ven como favoritos. “O obxectivo do Antela é volver canto antes a Preferente. É difícil, pero estamos mentalizados de que o podemos conseguir. O club ten capacidade para estar en categorías superiores, cunha directiva moi ben organizada e masa social detrás”, di o técnico, que relevou a Óscar Sabucedo no banco.
Sobre o seu equipo, Gómez considera que foi chave renovar “xogadores importantes, como Joni, Pedro, Breixo e Tiago, que son a columna vertebral do equipo. Sobre todo, porque sabiamos que co descenso de categoría había xogadores que era moi difícil que continuasen”.
A eles sumáronse contratacións de nivel: “o club fixo un esforzo importante coas fichaxes de Lois, Oliver, Caneiro, Boan e Bruno Pio”. O Antela está cheo de mocidade, “pero con xogadores con moito potencial. Cremos moito en rapaces como Xabi Lamas, Cole, Antón, Hugo e Victor Cacharrón, sen olvidarnos de Alex, Jorge e Izan, aínda en idade xuvenil”.
A pelexa no grupo 4 da Primeira Futgal
O resto de favoritos tampouco agochan os seus obxectivos. No Sporting Celanova admiten que queren estar “na pelexa, nese grupo de aspirantes ao cambio de categoría ata o final e tratar de dar ese último paso que nos faltou os últimos anos, cando quedamos ás portas do play-off”. A SD Nogueira tamén pelexará polos postos privilexiados, ao tempo que buscarán “medrar como equipo con xente da casa”.
Buscará abrise paso entre os favoritos o Sporting Carballiño. “Queremos consagrarnos nos postos de cabeza, coa finalidade de ter opcións ata o final da tempada, consigamos ou non quedar entre os tres primeiros, pero, polo menos, estar na loita. Temos un equipo en reconstrución e cremos que xa nos toca dar un paso adiante, ainda que claramente sexamos o equipo de menor orzamento da categoría e sexa difícil pelexar con outros que si poden efectuar fichaxes e pagar salarios”, sinala o seu adestrador, Canexón.
Entre os equipos que se estrean na categoría está o Muíños. “Somos un club en crecemento, queremos asentarnos na liga e ir medrando co paso das xornadas”, di o seu ténico, Diego González ‘Cerezo’. No seu caso, agardan unha liga “moi competida e bonita”.
A pola salvación
Outro bo número de equipos tentará asinar a permanencia o antes posible. “Temos un equipo con xente da casa e imos con moita ilusión”, di Diego Rodríguez ‘Pirlo’, que cambiou o terreo de xogo polo banquiño dun Viana que regresa á Primeira Galicia. Tamén busca amarrar a salvación canto antes o Cartelle, que tratará de deixar “catro ou cinco equipos por baixo na táboa e non facer loucuras a nivel deportivo”, di Dany. O Loñoá sairá a loitar “por facer 38 ou 40 puntos cantos antes, e dende aí desfrutar e pasalo ben; somos un equipo mozo e o camiño vai ser longo”, di Guille, o seu técnico.
No Maceda, o obxectivo “non é outro de chegar nas mellores condicións posibles ao inicio» da competición neste grupo 4 da Primeira Futgal». O seu adestrador quere «ver como o equipo se adapta a nós e viceversa, o resto está por vir”, di, e non quere, polo momento, mirar máis alá.
Sobre a superficie de terra do Carqueixal, o Seixalbo de Milo aposta por salvarse canto antes “e logo, como sucedeu o ano pasado, quedar o máis arriba posible na táboa”. Iso en canto a resultados. Polo demais, desexa que o Seixalbo siga “crecendo como club, que os xogadores desfruten xogando, se divirtan no campo e progresen tanto individual como colectivamente, sobre todo os máis mozos (este ano incorporáronse moitos) e non noten o cambio de categoría de onde veñen”.
Funcionamento do grupo 4 da Primeira Futgal
Un total de 18 equipos compoñerán este grupo. Son Córgomo, Viana, Monterrey, Antela, Muíños, Sporting Celanova, Allariz, Cartelle, Seixalbo, Maceda, Polígono San Ciprián, Loñoá, Melias, Velle, A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Maside e Sporting Carballiño.
A competición comezará a fin de semana do 7 e 8 de setembro e rematará o 11 de maio. A Federación xa deu a coñecer o calendario deste grupo 4, que podes consultar aquí. Ademais, premendo aquí podes coñecer todos os detalles do novo modelo da Primeira Futgal.