# Hashtag

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira volta (P. II)

Aló foi o primeiro cuarto da tempada! Hai nada estaban a comezar as competicións e agora xa nos atopamos no ecuador da primeira volta. Atrás quedan os dous meses iniciais, onde os diferentes equipos tiveron tempo de demostrar do que son capaces. Pero ollo, non está todo dito e pode haber moitas sorpresas ata o Nadal! Porque na Primeira Futgal todo pode pasar, máis aínda cando os seus xogadores máis Diferenciais se atopan no terreo de xogo…

Salvar os mobles

A estas alturas de campionato non se pode caer en lamentacións. É preciso competir unha e outra vez para saír do pozo, como fixeron estes conxuntos do grupo 4.

No Lemos B xa respiran con alivio, pois os monfortinos fixéronse fortes no seu feudo e leváronse o duelo directo ante o Lamela cun claro 3 a 0. Ningún dos dous equipos quixo renunciar aos tres puntos, pero cando hai un xogador como Diego Pallín no campo o normal é que a balanza se desnivele. Aínda non rematara de asubiar o colexiado e o atacante xa puxera por diante aos seus. O gol deixou ao Lamela na lona, incapaz de reaccionar. Á media hora chegou o 2-0 e, xa na prolongación, Pallín puxo o peche co seu segundo tanto a nivel particular.



Pallín (Lemos B) tenta desfacerse da marca de Alejandro Abonjo (Lamela). FOTO: MARI LUZ FAGÍN

A tranquilidade tamén chegou á Carabina co triunfo do Loñoá ante La Purísima (2-0). Os dous equipos chegaron ao enfrontamento como penúltimo e último clasificado, respectivamente, polo que sumar o +3 era algo absolutamente necesario. Logo dun primeiro tempo igualado e trabado, Manu López fixo o primeiro da tarde e desatou a tolemia na bancada vermella. Trátase da segunda diana para o defensor ourensán, cuxa demarcación non lle impide amosar as súas habilidades de cara á porta. Unha vez por diante, os homes de Xoel Docampo souberon xestionar o ritmo de xogo e sentenciaron o encontro no treito final do mesmo.

E para goleada a vivida nas Eiroas, onde o Velle lle endosou ao Raio 21 un contundente 1 a 5. Boa parte de culpa tivo Javito, quen abriu a lata aos dez minutos. Os de Anxo Valcárcel animáronse co tanto e volveron ver porta, aínda que o seu rival conseguiu reducir a fenda pouco antes de chegar ao tempo de lecer. No reinicio, o Velle volveu á carga e puxo terra de por medio cunha nova contribución de Javito. No reencontro co seu ex equipo, o atacante realizou unha magnífica actuación, selando un fantástico dobrete ademais de axudar aos seus a saír da zona baixa da clasificacións.

Mellor non facer quinielas

Nun grupo tan competitivo como o 5 é mellor non facer pronósticos porque nunca sabes como pode rematar un dos seus enfrontamentos.



Por exemplo, o Soutomaior acadou o seu primeiro triunfo neste curso ao superar por dous goles a un ao San Martín, líder ata entón. Logo dunha primeira parte trabada e sen moitas ocasións, os de Vilaxoán de Arousa foron quen de golpear en primeiro lugar. Non se renderon os branquiazuis, que multiplicaron esforzos ata igualar a contenda. Iván Otero foi o encargado de poñer o 1-1 e, non contento con iso, volveu ver porta na prolongación. O seu dobrete puxo en pé a todo o Graciano Padín, ledo por ver rematar a mala xeira do seu equipo.

Tamén perdeu o inmediato perseguidor do San Martín, o Atlético Combarro. Aos ‘piratas’ non lles saíron as cousas e encaixaron unha avultada goleada por parte do Cidade de Ribeira (5-0). O cadro do Barbanza saíu cunha marcha máis e tomou vantaxe por partida dobre, noqueando por completo ao seu rival. Non quedou aí a cousa e, tras o reinicio, Abi cravoulles a estocada definitiva co terceiro da tarde. O extremo de Boiro volveu a Fieiteira por todo o alto e leva xa tres dianas neste comezo da tempada.

Tivo que pasar un mes para que o Atlético Cuntis volvera sacar os tres puntos. Iso si, o Marcón Atlético non llo puxo doado ao adiantarse no primeiro cuarto de hora. O gol fixo espertar ao combinado amarelo e negro e comezaron a chegar con máis perigo á meta pontevedresa. Lograron o empate antes do entretempo e, unha vez saíron da caseta, déronlle a volta á tortilla por mediación de Folgar. Minutos despois, o killer do Atlético Cuntis sumou outro tanto ao seu haber, certificando o +3 dos seus e asegurándose un lugar entre os máximos artilleiros do grupo.



Van de tapados

Hai entidades que moitas veces pasan por baixo do radar, malia súa capacidade para sorprender. Diso saben no grupo 6.

Pretiño dos play off sitúase o Vila do Corpus tras superar por un claro 4 a 1 ao Vilaboa. Ambos conxuntos protagonizaron un inicio competido e con oportunidades para cada lado, tal e como quedou reflectido sobre o verde de Angoares. Iso si, a igualdade durou pouco cando Pedro Arroyo entrou en ebulición. En só dez minutos asinou un hat-trick para deixar tocado e practicamente afundido ao combinado de Cobres, cuxa reacción foi demasiado tardía. Agora, o Vila do Corpus marcha en cuarta posición, axexando xa o podio da categoría.



O Mosende xa saca a cabeza da queima do descenso. Sen ir máis lonxe, derrotaron ao Ribera por tres goles a un nun partido de emocións intensas, especialmente nos seus primeiros compases de xogo. Miguel Cruz tardou dous minutos en adiantar aos porriñeses, cuxa alegría non puido ser máis efímera. Nun visto e non visto recibiron o empate da escuadra rosalina mais, lonxe de se render, recuperaron o terreo perdido cun novo tanto. Xa na segunda metade, Miguel Cruz sentenciou a un Ribera que acumula xa cinco xornadas sen sumar de tres.

E Sporting Guardés e Domaio tiveron que conformarse co reparto de puntos ao empatar nun duelo de necesitados (1-1). Conscientes da importancia de facerse co triunfo, ningún dos dous equipos quixo concederlle ocasións ao outro. Así foi como a primeira manga  e boa parte da segunda pasaron sen pena nin gloria. Co paso dos minutos, comezaron a aparecer as xogadas de perigo. Os de Miguel del Ojo aproveitaron un autogol para coller unha vantaxe que Aarón Álvarez se encargou de arrebatarlles na prolongación, salvando os mobles dos do Baixo Miño.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira volta (P. II)

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira volta (P. II)

Os Diferenciais superan o ecuador da primeira