# Hashtag
lucía ameal victoria fc

Lucía Ameal, Victoria FC: «Competimos ben e estamos máis preto de marcar e puntuar»

O Victoria FC afronta a segunda volta da tempada en Terceira Federación coa mirada posta en poder mellorar a súa posición na táboa. Actualmente, o equipo da capital galega ocupa a décima posición con 20 puntos, pero sen conseguir sumar de forma consecutiva.

Hoxe falamos coa porteira Lucía Ameal, quen analiza a tempada e os retos que teñen por diante.

Un equipo que compite pero sen premio

O Victoria de Santiago non está pasando pola súa mellor xeira de resultados. O equipo rojillo leva 3 puntos dos últimos 15 posibles. Segundo Lucía, as sensacións dentro do vestiario seguen sendo boas: «O equipo está traballando ben. É certo que non se ve todo o que nos gustaría nos resultados, pero estamos competindo ben e intentando reverter a situación».



victoria fc
O once inicial do último partido disputado na casa. Instagram Victoria FC

Un dos aspectos que máis lles está penalizando é a falta de pegada no último terzo do campo. «Fáltanos contundencia á hora de finalizar xogadas. Xa son moitos os partidos nos que non conseguimos marcar ningún gol, malia que conseguimos ter bastantes chegadas en moitas ocasións».

Esa falta de acerto está condicionando moitos dos seus encontros, e a mellora na definición será chave para transformar as boas sensacións en puntos. As rojillas conseguiron gañar ante algúns rivais directos como o Sporting de Gijón e conseguiron un empate ante o Lóstrego, pero non acadaron premio ante o Oviedo.

Seguir mellorando como obxectivo principal do Victoria

A segunda parte do campionato preséntase como unha nova oportunidade para o Victoria FC. O obxectivo do equipo é claro: «Seguir traballando en corrixir eses pequenos detalles e intentar escalar na táboa o máximo posible».



Este ano o equipo picheleiro sufriu a marcha de nomes importantes como Lúa Arufe ou Laura Ruiz, entre outras. Na pasada tempada remataron na oitava posición e este ano buscarán situarse preto desa marca. Os goles de xogadoras como María Jiménez, con 7 tantos no que vai de liga, serán de gran importancia para sumar puntos.

A actitude do equipo nos últimos partidos xa reflicte unha evolución positiva, malia que os resultados non acompañasen: «Non os gañamos pero competimos como un bo equipo e estamos máis preto de marcar e conseguir puntuar», comenta Lucía.

victoria fc
Gañaron ante rivais directos como o Sporting de Gijón pero non ante o Oviedo. Instagram Victoria FC

Porteiras de nivel na Terceira Federación

Como gardameta, Ameal tamén analiza o nivel das súas compañeiras de posición na Terceira Federación. Se ben adoitan destacar as porteiras dos equipos da zona alta, ela sorprendeuse gratamente co rendemento dunha rival da parte baixa da clasificación.



«Normalmente destácanse as porteiras dos equipos de arriba, pero a min sorprendeume gratamente a porteira do Parquesol. Malia a súa situación, contra nós fixo un moi bo partido, evitando en numerosas ocasións o gol».

O Victoria FC enfila o que resta de tempada con ganas de reverter a súa situación e de converter en puntos o bo traballo. Nesta próxima xornada terán un gran desafío por diante. Collerán o autobús ata As Relfas para xogar ante o cuarto clasificado, o Sárdoma CF.

Lucía Ameal, Victoria FC: «Competimos ben e estamos máis preto de marcar e puntuar»

Hugo Sanmartín, antigo adestrador do Umia CF:

Lucía Ameal, Victoria FC: «Competimos ben e estamos máis preto de marcar e puntuar»

Dani Rosas, Gran Peña: «É unha honra

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *