Dous descendidos, o As Pontes e o Victoria, son os equipos que, a priori, están chamados ao ascenso no grupo 1 da Primeira Futgal. O grupo, que xunta clubs da zona da Coruña e de Ferrol, non presenta demasiadas variacións con respecto a outras tempadas e os adestradores agardan que sexa “forte e con moita igualdade”, di David Pérez, técnico do Cedeira.
Si é certo que o novo reparto provocou unha pequena división na provincia, enviando ao grupo 2 a equipos como o Carral e o Vizoño. “Non xogaremos contra equipos próximos como eses e teremos oito saídas á área de Ferrol, sendo o desprazamento máis importante a Cedeira”, asegura o técnico do Marte, Rubén, que vaticina “un grupo esixente, máis para nós, que acabamos de ascender”.
Carlos Carro ‘Charly’, preparador do Eume Deportivo, pensa que haberá unha grande «igualdade». Miguel Ángel Mahía, do Numancia de Ares, engade que calquer equipo «pode gañar aos favoritos, sendo unha campaña moi reñida, tanto por arriba como por abaixo, ata a última xornada».
De feito, Carlos García ‘Carlocho’ (Olímpico), asegura que “é un grupo máis forte que en tempadas anteriores, con tres descendidos e algún que inviste económicamente na conformación dos seus cadros de xogadores”. Jano, do Oza Juvenil, sinala que a participación de tantos equipos da cidade da Coruña e arredores na categoría fixo “que reforzarse fose moi difícil”. Con todos estes ingredientes, Adrián Martínez (Cultural Maniños) ten claro que será “unha liga moi bonita e competida”.
Favoritos no grupo 1 da Primeira Futgal
Os descendidos dende a Preferente semellan ir un paso por diante. Son o Eume Deportivo e, sobre todo, o As Pontes e o Victoria. O técnico do Orillamar pensa que, “por historia, instalacións e orzamento que se lle presupón, o As Pontes ten a condición de claro favorito e case a obriga moral de estar arriba”. Fran Caínzos, exfutbolista con pasado no Celta, CD Ourense, Racing Club Ferrol ou Compostela, entre outros, dirixirá o banquiño do Poboado.
O Victoria CF tamén apunta á parte alta da táboa “por estrutura de club e pola combinación de experiencia e xuventude”, di o técnico do Marte. Jano (Oza Juvenil) lembra ademais que o Victoria “xa estivo moitos anos nos postos altos antes de acadar o ascenso a Preferente” e no resto de equipos da cidade herculina asumen que o grande obxectivo das cebras é o ascenso.
Tamén caeu de Preferente o Eume Deportivo, “un equipo moi competitivo e que é moi difícil de batir no seu campo”, asegura Rubén. Na Gándara irán “partido a partido”, sinala Charly. “Temos que facer o máximo de puntos posible e a falta de dez xornadas, ao igual que nos pasou hai dous anos, será cando fixemos o obxectivo”. O técnico eumés considera que o As Pontes “é favorito, pois ficha xogadores doutras categorías sen problema, pero a igualdade vai ser a nota predominante«, e tamén sitúa o Victoria como candidato ao ascenso.
Un ollo ao Olímpico e o Meicende
Ademais dos tres descendidos, nas quinielas dos adestradores aparecen outros equipos. Mahía, míster do Numancia de Ares, pon o ollo tamén na Cultural Maniños; o Sporting Meicende, que aposta pola continuidade, e o Olímpico, que leva anos acariñando os postos de ascenso. O adestrador deste último, Carlocho, recoñece que tentarán “competir con todo os equipos que están obrigados a estar arriba e facernos un oco entre eles”.
Pola súa banda, o técnico do Maniños non cre que ningún equipo da comarca ferrolá teña “o ascenso obxectivo principal, pero hai bos equipos que van a competir cada xornada e, segundo os resultados, poden pelexar nos postos altos”. Juanjo, do Orillamar, inclúe “na festa” ao Cedeira, “que pode estar arriba”. No Beco, David Pérez ten moi claro o obxectivo dos cedeirenses, que non é outro que “mellorar pouco a pouco, competir ben cada partido e adaptarnos á categoría”.
A pola permanencia sen renunciar a nada
No resto de equipos que compoñen este grupo 1 varían os obxectivos. O Marte estréase na categoría con ganas de “traballar e preparar cada semana para buscar a maneira de gañar o domingo e sumar todos os puntos posibles”, di o seu técnico. Rubén pensa que o nivel do equipo determinarano os seus rivais e avanza que eles buscarán ser “competitivos e recoñecibles”.
Tamén o Oza Juvenil sairá a pelexar pola salvación. “Somos un club novo na categoría e agardamos asentarnos nela, buscando ser o equipo máis incómodo posible para os nosos rivais”, apunta Jano. No Orillamar, que afronta a terceira campaña consecutiva na Primeira, queren “dar un pequeno salto«. Iso si, Juanjo sabe que iso dependerá «de como cheguemos ao inicio da tempada e da puntuación que academos nas primeiras cinco ou oito xornadas”.
Na zona de Ferrol, o Numancia de Ares buscará “competir de ti a ti con todos e agardemos que nos dea para salvarnos e afianzarnos nesta categoría, que se presenta moi bonita”. A Cultural Maniños tamén se quere asentar neste grupo 1 da Primeira Futgal e “lograr a permanencia o antes posible”. Aínda que lles gustaría estar o máis arriba posible, Adrián Martínez di que competirán “sen ningunha esixencia”.
Funcionamento do grupo 1 da Primeira Futgal
Un total de 18 equipos compoñerán este grupo. Son Cedeira, Valdoviño, Galicia de Caranza, As Pontes, Cultural Maniños, Numancia de Ares, Perlío, Eume Deportivo, Sporting Meicende, Sporting Cambre, Olímpico, Relámpago, Oza Juvenil, Victoria, Orillamar, Ural, Torre e Marte.
A competición comezará a fin de semana do 7 e 8 de setembro e rematará o 11 de maio. A Federación xa deu a coñecer o calendario deste grupo 1, que podes consultar aquí. Ademais, premendo aquí podes coñecer todos os detalles do novo modelo da Primeira Futgal.