# Hashtag

Confirmado: Arenteiro e Lugo loitarán pola Copa Federación

Tal e como adiantara FutbolinGalicia, o Arenteiro e o Lugo inscribíronse na fase autonómica da Copa Federación. A través desta competición, ambos os dous equipos loitarán por acceder á Copa do Rei. Aos do Carballiño é un torneo que lles gusta e os lugueses aínda recordan con agarimo a visita do Atlético de Madrid o pasado xaneiro ao Anxo Carro.

Así, Arenteiro e Lugo son os dous equipos de Primeira RFEF que competirán nesta fase galega da Copa Federación. O Coruxo representará a Segunda RFEF, mentres que o Compostela está clasificado para a fase nacional, ao rematar sétimo a liga e non poder clasificarse o terceiro, o Rayo Cantabria, por ser o filial do Racing de Santander.

Pola súa banda, once equipos que competirán en Terceira RFEF confirmaron que participarán nesta fase autonómica. Trátase do Arosa, a Sarriana, o Racing Villalbés o Atlético Arteixo, o Estradense, o Barbadás, o Viveiro, o Alondras, o Silva, o Betanzos e o Gran Peña. Este último pode participar ao deixar de ser filial do RC Celta. Caeron da listaxe a UD Ourense e o Somozas, que renunciaron a participar ao considerar que non chegan cos adestramentos suficientes.



Sistema de competición

A fase autonómica da Copa Federación constará de catro eliminatorias a partido único. Para o deseño do cadro primaron factores de proximidade xeográfica. Así, a eliminatoria previa disputarase entre o 31 de xullo e o 4 de agosto e nela non participarán os equipos de Primeira RFEF, que entrarán en cuartos. O Lugo medirase ao gañador do Viveiro – Racing Villalbés, mentres que o Arenteiro enfrontarase ao vencedor do Estradense – Barbadás. En caso de que os partidos rematen en empate, as eliminatorias decidiranse con penaltis.

Os partidos de cuartos xogaranse entre o 5 e 11 de agosto e as semifinais entre o 12 e o 15. A gran final desta fase autonómica terá lugar nunha sede neutral, que será determinada no seu momento pola Federación Galega. O que xa se coñece é a data dese partido decisivo, o 18 de agosto, moito antes que o ano pasado, cando tivera lugar o día 30. O cadro de competición é o seguinte:

Cadro de competición da fase galega da Copa Federación. Futgal

O campión da fase autonómica de Copa RFEF terá dereito a participar na fase nacional deste campionato. E o premio é importante. Os catro semifinalistas da fase nacional desta competición teñen garantida a súa presenza no bombo do sorteo da primeira rolda da Copa do Rei.



A fase galega da Copa Federación

Nos últimos dous anos, os vencedores desta Copa Federación foron equipos de Segunda RFEF que, curiosamente, acabaron logrando o ascenso. En 2022 venceu o Arenteiro, que máis tarde acadaría tamén o título na final nacional ante a UD Alzira.

Foi o 2 de novembro de 2022, cando, no estadio Luis Suñer Picó, a 900 quilómetros de Espiñedo, o equipo entón adestrado por Fran Justo acadaba o seu primeiro título a nivel nacional. Esa Copa Federación foi o anuncio da histórica campaña que tiñan por diante os verdes e que rematou co seu ascenso a Primeira RFEF.

Outro equipo da mesma provincia, o Ourense CF, foi o gañador da fase galega o pasado ano. Os de Rubén Domínguez superaron ao Racing Club Villalbés en penaltis para levantar o título. Con todo, na fase nacional caeron en dezaseisavos, a primeira rolda, eliminados pola Gimnástica de Torrelavega.



A Copa Federación xa está nas vitrinas de catro equipos galegos. Ademais do Arenteiro, que a gañou en 2022, previamente acadaran o título o desaparecido CD Ourense (2007/08 e 2013/14), o Pontevedra (2006/07 e 2017/18) e o RC Celta B (2001/02).

Confirmado: Arenteiro e Lugo loitarán pola Copa Federación

Diario dun mercado Terceira e Segunda RFEF.

Confirmado: Arenteiro e Lugo loitarán pola Copa Federación

Diversidade de preferencias na confección dos grupos

1 comentario

  1. […] Confirmado: Arenteiro e Lugo loitarán pola Copa Federación […]

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *