O talentoso atacante do RC Vilalbés Javi Rey, é un dos grandes protagonistas no bo inicio de curso do novo Racing Villalbés. O mediapunta e perruqueiro lucense atendeu a chamada de FutbolinGalicia. Con el falamos da súa volta ao club, o ascenso e a tempada en Segunda RFEF… Tamén tivemos tempo para analizar a estrea na campaña actual tanto do equipo como a título individual.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Esta é a túa cuarta tempada, dentro dunha segunda etapa, no Racing Villalbés. Como foi a chegada ao club dende o Viveiro en 2021?
Javi Rey (en adiante JR): «É a cuarta tempada si, mais xa con anterioridade estivera outras dúas campañas. Recibín a chamada de Simón, que miraba moitos xogadores da provincia de Lugo; a pesar de que o Vilalbés ficha moito en A Coruña ou na costa».
«A Simón parecíalle un xogador interesante. Eu xa estivera en Vilalba pero con Gilsanz non tivera tantos minutos. Simón Lamas víame para volver, convenceume rápido e eu tiña ganas de volver».
FIG: Na 22-23 conseguistes un ascenso histórico a Segunda RFEF. Que recordos gardas dese día?
JR: «Foi un momento moi bonito. Xa tivera a sorte de ascender de Preferente a Terceira, mais o salto de categoría de Terceira a Segunda RFEF gustoume máis. Goceino moítisimo!»
«Había arredor de 300 persoas de Vilalba. O feito de que se desplazara tanta xente do pobo foi algo increíble. E, ao final, desfrutar dun play-off nun equipo no que teño moitos amigos foi unha experiencia que quedará no recordo para sempre».
FIG: Cal sería o teu resumo do curso pasado en Segunda RFEF?
JR: «Aínda que se descendeu, o equipo competiu moi ben e fixo moitas cousas boas. Creo que empezamos nunha boa dinámica e dando, por así dicilo, un pouco a «sorpresa». Mais para min non era tanta sorpresa xa que estabamos a competir en tódolos partidos».
«Tiñamos un estilo moi definido de contraatacar, manter resultados curtos e estar concentrados no encontro os 90 minutos. A nosa idea era esa, ademais de chegar sempre ao final con posibilidades de gañar o partido ou de poder rascar algo positivo».
«Foi unha pena ter acabada a tempada co descenso. A Segunda RFEF é unha liga complicada na que hai equipos que cren que estarán na loita por ascender e acaban pelexando por non baixar. Descenden cinco máis un que ten que xogar play-out; polo que é unha categoría na que lograr a permanencia é difícil. Fixemos unha gran tempada na cal non se nos pode recriminar nada».
FIG: No verán chegaron un novo staff técnico e varios futbolistas. Como se están a acoplar todas as partes?
JR: «Este ano hai moito cambio, comezando polo corpo técnico e por unha decena de xogadores novos. Aínda estamos en construción por moito que empezaramos a liga conseguindo os tres puntos».
«Creo que iremos a máis xa que non estamos feitos ao 100% como equipo nestes momentos. Falta terminar por conxeniar ben todas as pezas do quebracabezas. Levamos unicamente un mes, queda moita tempada e esperamos ir a máis. Estamos en boa dinámica e crecendo como equipo».
FIG: O inicio da competición non puido ser mellor: vitoria a domicilio por 0 a 3 e un dobrete teu. Cales son as sensacións xerais e individuais tras o partido ante o Betanzos?
JR: «Puxémonos por diante cedo, preto do minuto 15. Isto deunos confianza para levar o partido ao noso terreo, ao que nos queriamos facer. E como dices non hai mellor maneira de empezar que cunha victoria así fóra de casa. Non é habitual que haxa resultados deste tipo durante o curso. Na Terceira RFEF adoita haber resultados curtos e máis ao xogar coma visitante. Deuse así e estamos moi contentos a nivel equipo».
«Individualmente a sensación de ledicia é a mesma. Todo o que supoña axudar ao equipo, ben sendo con goles, asistencias ou da maneira que sexa, é benvido».
FIG: Tralas dúas primeiras xornadas, tedes 4 puntos de 6 posibles. Onte empatastes na casa ante un dos equipos chamados a estar na zona noble da tabla. Como foi o transcurso do partido ante a UD Ourense?
JR: «Foi un partido de moito nivel no que os espectadores gozaron moito. O encontro estivo aberto, mais nós atopámonos cómodos nel. Houbo fases para ambos equipos pero penso que merecemos máis xa que para min o mellor xogador da UD Ourense foi Álex Cobo, o seu porteiro. Tivemos ocasións e creo que se alguén mereceu levar os tres puntos, fomos nós».
FIG: A que aspira esta campaña o Villalbés?
JR: «O obxectivo é quedar o máis arriba posible, sen marcarnos nada en concreto. Eu polo menos véxoo así. Temos que desfrutar cada día, cada semana, cada adestramento e que chegue o domingo e competir para gañar. Como xa dixen, creo que o equipo irá medrando e a partir dese crecemento verase onde seremos capaces de chegar».