O Atlético Escairón, en Lugo; o Cented Academy, en Ourense, e o Beluso, en Pontevedra, son novos equipos da Preferente Galicia. Os tres acadaron o salto de categoría logo de superar nos play-off a SD Chantada, Nogueira e San Martín, respectivamente. E celebraron o ascenso con Futbolin Galicia.
No caso do Escairón, a ledicia foi máxima. Regresan a Preferente dúas tempadas despois tras asinar unha gran campaña e vencer os dous partidos da fase de ascenso. «Foi un ano largo e duro, pero pagou a pena«, recoñece o capitán do equipo do Saviñao, Denis López.
Malia manterse regulares, non foron quen de dar caza ao Pol. Acabaron segundos, a dez puntos do líder, e cos mesmos 77 puntos que unha SD Chantada que non lles puxo as cousas doadas. «Tivemos que pelexar moito no play-off, que foi incrible. Houbo un grande ambiente tanto en Chantada como en Escairón. Dende que se inaugurou, nunca vira tanta xente no Municipal do Saviñao como no partido de volta«, sinala Denis.
O obxectivo para o vindeiro ano está claro: armar un equipo competitivo. Chegarán reforzos, pero a primeira necesidade do club do Saviñao é buscar adestrador. O actual, o ourensán Iván González, non continuará no banquiño, ao ter outras ofertas na súa zona de residencia. Falta por ver se seguen os xogadores que chegaran con el ao principio da tempada, como Josu, Rucho ou Vilachá.
Coa emoción do ascenso aínda no corpo, o Atlético Escairón pensa xa no seguinte reto: a Copa Deputación de Lugo. O domingo mediranse a domicilio ao Foz. Se acadan o pase á final, que se disputará en Taboada, podería reditarse o encontro do play-off, xa que a SD Chantada tamén buscará o billete para gran final nun emocionante derbi ante o Chantada Atlético.
O Cented foi quen de darlle a volta
Sen dúbida, unha das eliminatorias máis vibrantes é a que deparou o grupo ourensán. O Nogueira de Ramuín impúxose ao Cented Academy na ida nun partido tolo, con catro goles nos primeiros 12 minutos. «Comezamos o partido de ida realmente mal, perdendo 1-3 cun menos dende o minuto 12 por expulsión. Finalmente acabamos 3-4«, sinala Adrián Blanco, o 9 do Cented.
Así que lles tocou dalo todo no encontro de volta, que xogaron como visitantes. Nese duelo, di Adrián, «saímos os dous equipos con moito respecto. Fomos ao descanso coa sensación de que podiamos gañar e marcamos ao pouco da reanudación. Logo anotamos o 0-2 e soubemos ser un equipo e sufrir«. O marcador non se movería e o Cented sumou o seu segundo ascenso consecutivo.
É a recompensa a un play-off que afrontaban «con ilusión e incerteza a partes iguais«, sinala Blanco. A temapda comezara para eles de xeito complicado. «Deixamos moitos puntos polo camiño. Logo sumamos once partidos sen derrota e fixémonos fortes«, afirma o futbolista arxentino Nico Peruzzo.
Na fase de ascenso, Peruzzo ten claro que houbo un momento que o cambiou todo: «Foi chave o que falamos no grupo: non tiñamos nada que perder e si moito que gañar. Esa frase foi a que nos sacou moita tensión«.
O Beluso defendeu a súa renda
No grupo pontevedrés, o Beluso fixo valer a vantaxe que obtivera no partido de ida como local nas Laxes. Partían de dous goles a favor e adiantarse a domicilio no encontro de volta, con gol de penalti de David Portela, facilitou as cousas. Porén, o San Martín no dixera a última palabra. Antes do descanso anotaron dous goles que deixaban aberta a eliminatoria.
Malia todo, os únicos dous goles da segunda metade levarían a sinatura do Beluso. Jorge no minuto 72 e David Calo no 90 pecharon o marcador e permiten ao Beluso regresar a Preferente un ano despois.
Falta un por sumarse á festa da Preferente
Nos grupo 1 e 2, o da Coruña-Ferrol e Santiago, aínda haberá que agardar algo máis dunha semana para coñecer o equipo que logra o ascenso a Preferente. A pasada fin de semana disputouse o partido de volta das semifinais. Por unha banda, o Puebla impúxose 1-2 ao Carral, ao que xa vencera no encontro de ida. Pola outra, xogarán o Órdenes foi quen de superar ao Cordeiro.
Así que entre Órdenes e Puebla está o ascenso a Preferente que aínda falta por confirmar. O partido de ida xogarase este domingo ás seis da tarde no feudo verde, o Municipal Vista Alegre. A volta será sete días despois, no Campo da Alta.
Mentres o play-off de ascenso continúa, a Primeira Galicia segue con dúbidas de cara á vindeira tempada. Sobre todo no relativo á confección dos seis grupos que haberá, un máis que ata o de agora. Como se explica neste artigo, desaparece a división provincial. Seguirase un criterio de proximidade xeográfica para repartir os 108 equipos que competirán.
Manu Cerón, Cented: «Apostamos por Marcos porque é un home de club» - FutbolinGalicia
23rd Jun 2024[…] Atlético Escairón, Cented e Beluso celebran o ascenso […]