A Terceira RFEF, en plena transformación: quen vai a máis e quen se frea?
O Boiro alcanzou o liderado da Terceira RFEF na terceira xornada e, desde aquela, ningún equipo foi quen de arrebatarlle a primeira posición nin sequera de igualalo a puntos. Os de José Tizón contan cunha vantaxe de catro puntos que lles permite afrontar algún tropezo, como a derrota ante o Barco na undécima xornada. Este resultado fai que, malia seguir no máis alto da clasificación, o Boiro xa non sexa o equipo que atravesa a mellor dinámica da categoría.
Ese posto ocúpao precisamente o Barco, que, ademais de derrotar o líder, sumou outras dúas vitorias e un empate nas últimas catro xornadas. En total, dez dos doce puntos posibles, a mesma cifra que o Silva, que encadeou tamén tres triunfos e un empate.
A continuación aparece o Pontevedra B, con nove puntos neste último tramo, mentres que o Boiro, o Somozas e o Arenteiro sumaron sete. O Viveiro, malia ocupar o penúltimo posto da clasificación, ofrece motivos para o optimismo ao conseguir seis dos doce puntos en xogo. Con cinco sitúanse a Sarriana, o Lalín, o Arteixo, o Céltiga e o Gran Peña, mentres que o Racing Villalbés e o Portonovo sumaron catro, un terzo dos puntos posibles. Na outra cara da moeda están o Estradense e o Alondras, con só dous puntos, e o Montañeros, que aínda non conseguiu puntuar nas últimas catro xornadas.

Os mellores do primeiro cuarto
A Terceira Federación conta con 34 xornadas, polo que xa se disputou aproximadamente un cuarto da competición. Neste primeiro treito, o Boiro foi o equipo máis destacado, con 19 puntos. Seguírono a Sarriana e o Lalín, con 14, e o Antela e o Estradense, con 13.
Porén, a clasificación pode cambiar moito en poucas semanas. O Estradense é un bo exemplo: hai catro xornadas ocupaba a quinta posición e agora sitúase na duodécima. Repasamos a evolución dos equipos seguindo a orde actual da clasificación.
Boiro: só dous tropezos
O líder comezou ben a tempada: puntuou nos catro primeiros partidos, con tres vitorias consecutivas e un empate ante o Racing Villalbés, ata que chegou a primeira derrota, por 3-2 fronte ao Estradense. Pese ao golpe, os de José Tizón reaccionaron e encadearon cinco xornadas consecutivas sen perder. O Somozas foi quen de frear parcialmente o ritmo dos boirenses cun empate no cuarto partido desa serie. Despois chegou o Barco, que atravesa un gran momento de forma, para derrotalos de novo. Estes dous equipos foron os únicos capaces de facer ceder o líder, que non puido sumar todos os puntos en xogo nas últimas catro xornadas.

O balance do Boiro é de oito vitorias, dous empates e dúas derrotas, uns números que lle permiten manterse no máis alto da clasificación cunha vantaxe de catro puntos. Na vindeira cita tocaralle desprazarse a terras do Deza para medirse no Anxo Cortizo a un Lalín que buscará facerse forte na casa.
O Boiro é o equipo máis realizador da categoría. Nas primeiras xornadas destacaron Yago Insua, con tres dianas, e Juanma e Gonzalo Landeira, con dúas cada un. Porén, Landeira asumiu o protagonismo no último treito ao anotar catro tantos nos últimos catro encontros, o que o converte no máximo goleador do conxunto, con seis goles.
O Barco desata a súa mellor versión
Os de Valdeorras comezaron ben a liga, cunha vitoria ante o Arenteiro, pero na segunda xornada o Silva fíxoos perder o seu primeiro partido da tempada. Porén, desde esa segunda cita non volveron caer ata a oitava xornada, encadeando cinco encontros sen derrota, nos que gañaron dous partidos e empataron tres. Tras o tropezo en Arteixo, o equipo atravesa un gran momento: é o que mellor progresión amosa nas catro últimas xornadas, nas que gañou tres encontros e empatou o outro.

Con seis vitorias, catro empates e dúas derrotas, o Barco confirma a súa capacidade para competir con regularidade. Ademais, é o conxunto que máis partido saca dos goles en propia porta dos rivais, pois ata en tres ocasións un tanto en contra subiu ao seu marcador. Un deles permitiulles empatar ante o Antela.
De cara ao gol, o principal protagonista dos últimos tempos é Raúl Arias, que asinou catro dianas nos últimos catro partidos para situarse como o máximo artilleiro do conxunto, con cinco tantos en total. Pese ao cambio no banco, tras a marcha de Agustín Ruiz á UDO, a chegada de Brais Prados non trastocou a boa xeira actual.
O Silva consegue regularidade
O equipo coruñés, que durante o verán viu ameazada a súa continuidade na categoría, comezou o curso puntuando nas dúas primeiras xornadas, ata que se atopou co líder. Non foi quen de encadear máis de dúas datas seguidas sumando durante as oito primeiras xornadas, pero no último mes deu un paso adiante. Nos catro encontros máis recentes tan só cedeu puntos no último, cun empate ante a Sarriana.
O Silva suma seis vitorias, tres empates e tres derrotas, uns números que reflicten a súa mellora tras un inicio irregular.
No apartado ofensivo, Rodri Parafita é o máximo anotador do conxunto, con cinco tantos, impulsado por unha gran regularidade que o levou a marcar un gol en cada un dos últimos catro partidos. Nas primeiras xornadas, Pablo Agulló foi outra peza clave en ataque malia xogar como defensa, pero co paso das semanas foi perdendo protagonismo. Aínda así, mantense como o segundo xogador que máis goles achegou ao equipo, con tres dianas.

Pontevedra B busca continuidade
O filial pontevedrés comezou forte na categoría: debutou cunha vitoria por 2-6 ante o Alondras, pero na segunda xornada non puido superar o Gran Peña. Despois recuperou a boa dinámica cun empate e unha vitoria, antes de encadear tres derrotas consecutivas. Desde entón, o equipo non consegue sumar máis de dúas xornadas seguidas sen perder.
O Pontevedra B acumula seis vitorias, un empate e cinco derrotas, uns resultados que amosan a súa irregularidade ao longo destas primeiras xornadas. Esta semana terá a oportunidade de cambiar a dinámica se consegue puntuar ante o Céltiga.
Sarriana, firme no ‘play-off’ malia os altibaixos
O primeiro posto ten nome, pero o resto son unha loita constante. A Sarriana mantívose sempre entre os cinco primeiros, aínda que sen atopar unha regularidade plena. Comezou gañando os dous primeiros partidos, pero no terceiro perdeu ante o Alondras e volveu caer dúas xornadas despois fronte ao Somozas. A partir da sexta xornada deu comezo a súa mellor xeira: encadeou cinco encontros sen perder ata que chegou o Antela para derrotala na undécima. Ese tropezo provocou a saída de Alberto Mariano e o regreso de Jaime Paz ao banco, que tentará reconducir o rumbo cara á loita polo ascenso.
Actualmente, o conxunto sarrián ocupa a quinta posición, con cinco vitorias, catro empates e tres derrotas. Na vindeira xornada recibe o Arteixo, que chega cunha dinámica semellante, nun duelo esixente para manterse nos postos de promoción.
No apartado ofensivo, Adrián Rodríguez foi un dos protagonistas dos de Sarria no primeiro cuarto de competición, no que conseguiu asinar catro tantos. Porén, xa leva catro xornadas sen demostrar o seu instinto goleador. Nese apartado están a destacar agora Álex Pérez, con catro dianas en total, e Iago Parga, con tres, xa que ambos lograron ver porta en dúas ocasións nos últimos catro encontros.
O Lalín atopa o seu sitio tras a remodelación
O Lalín adaptouse ben á Terceira Federación tras remodelar o equipo despois do ascenso. Comezou con dúas vitorias consecutivas, pero na terceira xornada tropezou co Arenteiro. Volveu puntuar nas dúas seguintes, cun empate e unha vitoria, antes de caer ante o Silva.
Despois, nun treito de tres partidos bastante igualados, gañou pola mínima ao Pontevedra B e empatou co Antela e coa Sarriana. Tras esa serie, volveu caer ante o conxunto arteixán. Actualmente, encadea dúas xornadas sen perder, coa vitoria por 1-0 ante o Montañeros e empatar 0-0 ante o Céltiga. Na seguinte xornada afrontará un reto esixente ante o Antela, que, malia estar a vivir o seu primeiro ano en categoría nacional, está a obter bos resultados.
O Lalín suma cinco vitorias, catro empates e tres derrotas, uns números que lle permiten asentarse na categoría e mirar con ambición as próximas xornadas.
Arteixo, exemplo de superación ante a incerteza
O Atlético Arteixo tivo que comezar practicamente de cero o pasado verán, despois de que boa parte do cadro de xogadores marchase a outros equipos polos problemas de impagamentos da pasada tempada. Pouco a pouco, o conxunto de Noé López conseguiu sobrepoñerse ás adversidades. O seu primeiro cuarto de competición foi relativamente asequible, xa que a maioría dos rivais aos que se enfrontou ocupan hoxe postos da metade baixa da clasificación. Porén, paradoxalmente, perdeu contra o Alondras e o Gran Peña, situados na zona baixa, mentres que foi quen de gañar a equipos fortes como o Barco.
O Arteixo encadeou cinco xornadas sen perder entre a sexta e a décima, cunha serie de tres vitorias e dous empates, ata que caeu fronte ao Pontevedra B na undécima. Na última cita empatou a un tanto co Antela e nas vindeiras semanas tocaralle medirse a conxuntos da zona alta, como a Sarriana e o Silva.
O equipo arteixán suma catro vitorias, cinco empates e tres derrotas. Boa parte deste éxito explícase pola mestura de xuventude e veteranía, capaz de decidir partidos. De feito, Frank Uwumiro, chegado do Bergantiños, é o máximo goleador do equipo, con sete dianas nesta campaña. No apartado realizador tamén destacan Jairo Riveiro, con catro goles, e Antonio López, con tres.
Cinco partidos consecutivos para empezar
O Racing Villalbés comezou moi ben a campaña, encadeando cinco partidos consecutivos sen perder, cun balance de tres empates e dúas vitorias. Foi o Estradense, na sexta xornada, quen puxo fin a ese bo arranque. Despois tamén se cruzaron no seu camiño o Somozas e o Barco, os únicos outros dous rivais contra os que caeu. De feito, os lucenses foron a última vítima dos de Valdeorras.
Nos últimos catro encontros estalles a custar sumar: só gañaron un partido, pola mínima ante o Gran Peña, e empataron sen goles co Arenteiro, ademais de sufrir as derrotas fronte ao Somozas e ao Barco. O Racing Villalbés suma tres vitorias, seis empates e tres derrotas.
No apartado ofensivo, Adrián Castro lidera o equipo como máximo goleador, con cinco tantos, aínda que tamén destaca Borja Míguez, que xa suma tres dianas. A vindeira fin de semana visitan o Portonovo, un rival que non llo poñerá nada fácil.
O Céltiga intenta recuperar a boa xeira
Os da Illa non comezaron da mellor maneira posible: empataron o primeiro encontro co Silva, pero perderon nas dúas xornadas seguintes. Tras ese inicio complicado, conseguiron encadear cinco xornadas puntuando, aínda que en moitos deses partidos tiveron que conformarse cun empate ou gañar pola mínima.
Foi o Arenteiro, que atravesaba un bo momento de forma, quen puxo fin a esa xeira. Desde entón, o Céltiga tenta recuperar a súa mellor versión e nos últimos tres partidos conseguiu sumar ante o Barco, o Portonovo e o Lalín.
O equipo acumula tres vitorias, seis empates e tres derrotas, uns números que reflicten a súa tendencia a competir en encontros igualados. O obxectivo agora será transformar esa capacidade para puntuar en máis triunfos.

Boas sensacións no Portonovo
Outro dos equipos que se estrearon este ano na Terceira Federación é o Portonovo, que deixou moi boas sensacións desde o comezo. Debutou cun empate ante o Somozas e unha vitoria fronte ao Arenteiro. Polo camiño atopouse cun Barco que non perdoou, pero despois volveu gañar ante o Silva.
O Lalín impediu que sumase ao vencelo pola mínima, aínda que o Portonovo se recuperou superando tamén o Pontevedra B por un gol de diferenza. A continuación, empatou co Antela e plantoulle cara á Sarriana malia perder, antes de volver puntuar en dous partidos consecutivos.
Agora mesmo, encadea dúas derrotas seguidas, a última ante o líder. O seu rexistro é de catro vitorias, tres empates e cinco derrotas. Tampouco terá un rival doado esta semana, xa que recibe o Racing Villalbés, aínda que contará coa vantaxe de xogar na casa.
O Estradense perde folgos tras un bo treito
O Estradense non comezou a tempada do mellor xeito, pero foi de menos a máis. Tras caer ante a Sarriana, iniciou unha pequena remontada cun empate fronte ao Arteixo e unha vitoria contra o Montañeros. O Céltiga freou esa progresión, pero o conxunto estradense reaccionou con dous triunfos de mérito ante o líder, o Boiro, e o Racing Villalbés. Porén, o Silva puxo fin á súa xeira de vitorias.
A única vez que conseguiu encadear tres xornadas consecutivas puntuando foi entre a oitava e a décima, cun rexistro dunha vitoria e dous empates. Agora atravesa o seu peor momento da tempada, con dúas derrotas consecutivas ante o Somozas e o Arenteiro.
O Estradense suma catro vitorias, tres empates e cinco derrotas, uns resultados que contrastan coa boa dinámica que chegou a amosar durante varias xornadas. O próximo compromiso tampouco será doado: enfrontarase ao Barco, un reto esixente para tentar deixar atrás esta mala xeira.
Somozas medra a partir da regularidade
O Somozas suma tres vitorias, cinco empates e catro derrotas no que vai de tempada, uns números que reflicten a súa dificultade para transformar a competitividade en triunfos. Comezou a liga cun empate sen goles ante o Portonovo e unha derrota pola mínima fronte ao Lalín. A pesar dos resultados, mantívose sempre preto dos seus rivais, xa que nunca perdeu por máis dun gol de diferenza.
A súa mellor xeira chegou entre a oitava e a undécima xornada, cando sumou dous empates, un deles ante o líder, o Boiro, e dúas vitorias fronte ao Racing Villalbés e ao Estradense. O Viveiro puxo fin a esa boa dinámica na última xornada, aínda que os de Somozas volveron caer pola mínima, por 2-1.
Agora, o reto será recuperar as boas sensacións e volver sumar para gañar estabilidade na clasificación.
O Arenteiro colle impulso tras un inicio complicado
O Arenteiro tampouco o está tendo fácil esta tempada despois de todo o sucedido no verán. Tras descender dúas categorías, tivo que comezar de cero, cunha plantilla nova que precisaba tempo para adaptarse. Os ourensáns suman catro vitorias, dous empates e seis derrotas. A primeira chegou na terceira xornada, ante o Lalín. Despois perderon dous partidos consecutivos e empataron coa Sarriana.
Remataron outubro cun triunfo na oitava xornada e, desde aquela, só caeron ante o líder, o Boiro. Ademais, gañaron outros dous encontros e empataron un. Así, malia a súa posición na clasificación, o Arenteiro atravesa unha boa dinámica nas últimas xornadas, un sinal de que o equipo comeza a atopar o seu sitio na categoría.
O Alondras busca recuperar o rumbo
Pola contra, ao Alondras non lle están saíndo tan ben as cousas. Non gaña desde a cuarta xornada e encadea catro derrotas e outros tantos empates. No conxunto da tempada suma tres vitorias, catro empates e cinco derrotas.
Os seus tres triunfos chegaron de maneira consecutiva entre a segunda e a cuarta xornada, cando os de Cangas viviron a súa mellor xeira, con Manufre como protagonista destacado ao marcar nos tres encontros. Desde entón, o equipo non foi quen de repetir aquela versión. Aínda así, os resultados amosan unha notable igualdade: só o Pontevedra B, na primeira xornada, conseguiu gañarlle por máis dun gol de diferenza. O reto agora será poñer fin á mala xeira e recuperar a eficacia que lle permitiu sumar nove puntos nas primeiras catro xornadas.
Gran Peña recupera sensacións
O Gran Peña tamén está recuperando sensacións neste último mes. Tivo como rivais varios equipos próximos na clasificación, como o Viveiro, ao que venceu, e o Estradense e o Alondras, cos que empatou. Antes desta mellora, porén, encadeara catro derrotas consecutivas.
Ao longo da tempada conseguiu tres vitorias, ante o Pontevedra B, o Arteixo e o Viveiro. O seu rexistro complétase con tres empates e seis derrotas. A pesar das dificultades, conta nas súas filas co segundo máximo goleador da competición, Robert Carril, con seis tantos. Unha cifra especialmente destacable se temos en conta que o equipo suma 14 goles en total, polo que Carril asinou case a metade deles.

O Viveiro agárrase ás últimas vitorias
Na penúltima posición da táboa está o Viveiro, que suma tres vitorias, dous empates e sete derrotas. A última vitoria chegou ante o Somozas o pasado fin de semana. Antes, tamén conseguira gañar ao Alondras e ao Montañeros na cuarta xornada.
Os resultados deixan entrever unha gran igualdade nos seus partidos, xa que apenas encaixa derrotas abultadas. Só a Sarriana foi quen de vencelo por máis dun gol de diferenza. Estes datos ofrecen un pequeno motivo para a esperanza nun equipo que precisa encadear resultados positivos para saír da zona baixa.
O Montañeros necesita reaccionar
Na última posición está o Atlético Montañeros, ao que lle falta dar ese último paso para transformar partidos igualados en puntos. O pechacancelas da categoría tampouco acumula demasiadas goleadas: só o Estradense (3-1), o Barco (4-0) e o Pontevedra B (2-4) conseguiron rematar os seus encontros cunha vantaxe superior a un gol.

Pola contra, o Montañeros tamén foi quen de gañar partidos axustados, por un gol de diferenza ante o Somozas e o Alondras, e por dous fronte ao Gran Peña. As tres vitorias chegaron de maneira consecutiva entre a quinta e a oitava xornada, un treito no que os coruñeses pareceron espertar e comezar a sumar puntos.
Desde entón, porén, a situación complicouse. Sen ningún empate no seu rexistro, acumulan tres vitorias e nove derrotas, uns números que os manteñen no fondo da clasificación. O equipo precisa urxentemente volver puntuar se quere ter opcións de saír da zona de descenso.
FOTO PRINCIPAL: @jose.b_1970

























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































