Se preguntan por unha das mellores estreas na historia da Preferente probablemente apareza, desde este domingo, a de Poli Romero como local no Atlético Arnoia. Aínda que o seu debut perante o Choco no partido aprazado que se disputou o 4 de xaneiro non foi cousa doutro mundo, o extremo ourensán realizou unha actuación memorable esta fin de semana ao meterlle tres goles ao Verín tras saír ao campo no minuto 64.
O que foi xogador do Melias durante a primeira volta chegou neste parón de Nadal ao conxunto da Queixeira (actualmente en reformas) e xa está a dar puntos moi importantes para as aspiracións do equipo dirixido por Manel Vázquez. Hoxe, en Futbolingalicia, Romero fala sobre o seu pasado na categoría e no club, o seu presente logo da súa formidable actuación e das súas vistas de futuro.
Futbolingalicia: Chegaches neste parón de Nadal ao Atlético Arnoia e anotas un hat trick no teu primeiro partido na casa a pesar de entrar no minuto 64. Entendo que non hai unha mellor forma de comezar o ano non?
Poli Romero: «A verdade é que si. Non contaba con este debut na casa e non me podo queixar».
FIG: Como se desenvolveu ese derbi ourensán fronte ao Verín?
PR: «Foi un encontro típico dun derbi que puido decantarse para calquera dos dous lados. Foi un partido moi físico e moi igualado. Nós estivemos máis acertados pero eles fixeron tamén un bo partido».

FIG: Xa xogaras no partido aprazado ante o Choco. Como te estás a sentir nesta volta a Preferente?
PR: «Pois a verdade é que me estou a sentir ben. Noto que me falta un pouco de ritmo, xa que veño dunha categoría menos e iso afecta. Estou adaptándome ao novo grupo e aos adestramentos, onde me estou a atopar moi ben».
FIG: A primeira parte da tempada xogáchela no Melias. Que motivos fixeron que firmarás no Arnoia neste xaneiro?

PR: «Pois a miña idea é intentar xogar o mais arriba posible mentres a miña vida e o meu traballo mo permita. Manel fíxome unha boa proposta, xa que no verán non tivera ningunha atractiva, e considerei que era unha gran oportunidade para min. A Preferente é unha liga moi bonita de xogar e tamén é moi competitiva».
FIG: Que esperas da segunda volta neste novo club?
PR: «Pois o noso primeiro obxectivo é conseguir a permanencia o antes posible. Despois, intentaremos quedar o máis arriba posible».
FIG: Tras este gran inicio, márcaste algún obxectivo en concreto?
PR: «Os meus obxectivos son totalmente colectivos. Se podo axudar con goles mellor, pero non me marco ningunha meta de cifras».

FIG: O equipo acaba a primeira volta empatado a puntos coa fase de ascenso. Pensas que é posible alcanzala?
PR: «Todo vai depender de nós. Se seguimos fortes atrás no defensivo e acertamos nas nosas oportunidades, estamos empatados a puntos coa fase de ascenso e claro que é posible loitar polo ascenso porque dependemos de nós mesmos».
FIG: Non é á túa primeira experiencia en Preferente co Antela en dúas tempadas. Como recordas esa etapa?
PR: «Foi a miña mellor experiencia no fútbol provincial e na que máis amigos me levei. Teño un moi bo recordo tanto a nivel futbolístico como a nivel persoal, sobre todo na primeira temporada. A segunda campaña quedou un pouco marcado polo último partido (no que o equipo acabou descendendo en Redondela pola remontada do Choco no desconto), pero, en xeral, teño moi bos recordos e espero que o Antela volva a subir ao lugar que merece».
FIG: Tamén xogaches algún partido co Arnoia na tempada 20/21. Cres que chegas agora sendo un xogador máis feito?
PR: «Por suposto. Son moito mellor xogador e persoa desde esa tempada, xa que foi a única na que non participei moito. Contar pouco para o adestrador non foi nada fácil pero iso fíxome entender que ninguén é imprescindible e que hai que mirar sempre o mellor para o equipo. Lévome un bo recordo porque fun un dos poucos privilexiados que podía saír da casa para adestrar e xogar cando había restricións polo coronavirus».
FIG: Aínda que non eres novo na categoría, na túa traxectoria destacan varios anos entre Primeira e Segunda Galicia. Hai moita diferencia de nivel entre estas ligas e Preferente?
PR: «Hai moita diferencia de nivel. Para min, o maior salto que hai é de Primeira á Preferente. Estou orgulloso de tocar esas categorías porque sei o que é baixar ao barro e teño moito respecto por elas».