Jairo Campo, SD Burela: «A realidade da Mariña impide ter un equipo na Preferente»
A SD Burela está a converterse nun dos clubes referencia da Mariña lucense. Logo dunha época gloriosa na que os da Marosa xogaron unha promoción de ascenso á extinta Segunda División ‘B’, e duns anos en segundo plano, a entidade verde volta ser unha envidia para os veciños e soña co ascenso á Preferente.
Un dos artífices deste éxito é Jairo Campo (Burela, 1994), que compaxina o seu traballo como docente coa presidencia da SD Burela e cunha faceta goleadora que augura moitos éxitos para o club que dirixe. De feito, o capitán burelao rematou a campaña 2023/2024 con 17 goles no seu peto. A maiores, este todoterreo tamén coordina e adestra no fútbol base feminino do Burela FS.
Unha perla agochada en Burela
O futbolista atende hoxe os micros de Futbolingalicia para ensinarnos como organizarse para desenvolver tantas tarefas e, particularmente, como desenvolvelas coa precisión coa que Jairo o fai.
Futbolingalicia: En que momento decide un meterse en tantos compromisos?
Jairo Campo: Na SD Burela fágoo por pertenencia ao club. O ano que xoguei no Ribadeo porque non había liga na Primeira comprometinme a volver e o que era presidente pediume axuda para afrontar a temporada tras a Covid. Empecei coordinando a base de fútbol e ao final desa temporada asumín a presidencia. Liei aos meus colegas: Marrube, Simón, Manuel, Diego, Lorena, Esquerdeiro, Vila, Yeray, Miguel… estou moi ben rodeado e moi contento. O primeiro ano foi máis duro pero a medida que vas aprendendo xa sabes o que hai que facer en cada momento e consigues que o club medre: é a primeira vez na historia que temos todas as categorías dobradas.
Fig: Gústache máis xogar ou exercer de presidente?
JC: Gústame máis xogar. Pero tamén sei que non me quedan moitos anos, os rapaces veñen moi fortes por detrás. O traballo do presidente faise por identidade, por sentimento de pertenza, cariño… e tamén porque queremos darlle aos cativos e cativas todas as posibilidades, que teñan as máximas oportunidades. Gústame máis, ademais, adestrar a fútbol sala, onde montamos a base feminina e temos todos os equipos xa competindo.
Fig: Vai ascender á SD Burela á Preferente máis cedo que tarde?
JC: Oxalá se dea, se o penso como xogador, porque é algo que me gustaría vivir. Pero a realidade da Mariña ten unha realidade que lle impide ter un equipo na Preferente, na miña opinión. O Ribadeo anda aí, pero sempre con xente de fóra… Lemos e Escairón viven situacións similares. Poderiamos comparalo coa cantidade de recursos que gastamos en comparación con equipos de cidade… Sería bonito vivilo e sería un ano fastidiado. Se se da, estariamos encantados, pero non é o obxectivo principal.
Fig: En calquer caso, será sen hipotecar o proxecto: xogadores da casa e da contorna.
JC: Cando pasou a pandemia viñeran adestrar cadetes co primeiro equipo e non sabían o nome dos xogadores do primeiro equipo. Nós queremos que os rapaces veñan aos nosos partidos porque se senten identificados, así tamén van os pais e queremos crear ambiente na Marosa. O obxectivo é que a base estea formada por rapaces con sentimento de pertenza e conseguir estendelo ao primeiro equipo.
Fig: Que lles pides a xente da contorna para que siga medrando?
JC: Estamos tendo moi boa resposta da xente da vila. As empresas axudan, os pais déixannos traballar, cando hai eventos as familias son as primeiras en axudar, como sucede na Marosa Cup. Dos seareiros agardo que sigan vindo á Marosa, porque hai días que se vía espectacular: derbis co Foz, o día que lle ganamos ao Pol… estamos medrando moito e moi contentos.
Fig: Quédache tempo para a vida fóra do campo?
JC: Se non podes ter tempo para o ocio persoal coa parella, familia, amigos… É certo que teño carga de traballo, pero estou moi ben rodeado e iso é moi importante. Cando vexa que non teño tempo libre, farei unha reflexión e mirarei que pasa. A min gústame implicarme e penso que é importante que a xente se comprometa así co deporte.
Veiga
01st Sep 2024Da gusto cando te encontras con xente nova, grandes profesionais honesttos e humildes. Jairo en Unha delas. Grande Jairo