# Hashtag
#Fútbol Feminino #Terceira Galicia Feminina

A Terceira Galicia xa coñece os seus grupos tras semanas de espera

A Real Federación Galega de Fútbol publicou finalmente os grupos da Terceira Galicia, unha categoría que tivo que atrasar o seu inicio respecto das datas previstas inicialmente. A competición arrancará o 4 de outubro, despois dunhas semanas nas que os clubs descoñecían aínda contra quen competirían esta temporada.

Finalmente a categoría queda configurada en catro grupos, cun número de equipos diferente en cada un deles: 16 no grupo 1, 14 no grupo 2, 14 no grupo 3 e 15 no grupo 4, para un total de 58 equipos.

A publicación chega despois de que a Segunda Galicia tamén tivese que atrasar unha semana o seu inicio pola demora na configuración dos grupos e calendarios.



Desde a propia Federación apuntaron á complexidade da situación, marcada pola baixa de varios equipos que, segundo explicaron, comunicaron nas últimas semanas a súa decisión de non competir. A configuración definitiva das categorías obrigou así a prolongar os traballos antes de poder facer públicos os calendarios.

A paciencia dos equipos chega ao límite

Mentres tanto, os clubs e as xogadoras levaban semanas preparando unha temporada que non sabían cando comezaría nin contra quen disputarían os seus primeiros partidos.

«Pretemporada planificada pensando que arrancabamos o finde do 26/27 e aquí estamos sen saber contra que equipos xogamos, a data de inicio no calendario. Tremenda falta de respecto tanto para os clubs e os adestradores como, sobre todo, para as xogadoras desta categoría, que levamos meses preparando a volta aos campos e seguimos e seguiremos esperando», explica unha futbolista dun equipo galego da Terceira, cuxa identidade preservamos.



Outra xogadora entende a dificultade que supón configurar unha categoría na que se produciron baixas, pero considera que a demora foi excesiva.

«Podo entender que haxa certo descontrol ante a baixa de equipos, pero tanta demora a estas alturas denota falta de interese e de organización. Ademais de certo desprezo cara á categoría, cara ao fútbol feminino e cara aos clubs que contan con ditas seccións, que non poden planificar a temporada ou os desprazamentos que van ter que facer», sinala outra xogadora.

A situación volve poñer sobre a mesa os problemas que arrastra o fútbol feminino galego. A falta de estabilidade fai que cada temporada desaparezan equipos, neste caso con exemplos como Sárdoma ou Domaio, entidades con traxectoria no fútbol feminino que non estarán esta campaña nas competicións.



Configurar as categorías non é unha tarefa sinxela nun escenario no que cada vez hai máis dificultades para manter equipos, pero as xogadoras consideran que os problemas organizativos acaban xerando un desgaste que se repite temporada tras temporada.

«Énchense a boca con discursos de igualdade e visibilidade sobre o fútbol feminino e, cando chega a hora da verdade, sempre quedamos en segundo plano», critica unha terceira xogadora consultada.

A espera tamén chega ás categorías base

A situación non se limita ás categorías sénior. As competicións de base tamén continúan sen estar completamente estruturadas, cando queda menos dunha semana para a data prevista inicialmente para o seu inicio.

Unha cuestión especialmente relevante nun momento no que a propia Federación está a impulsar o crecemento do fútbol feminino desde as categorías inferiores e mesmo incorpora novas competicións, como a categoría xuvenil.

«Para que o fútbol feminino medre fai falta que a Federación lle preste un mínimo de atención que non lle dá. A día de hoxe, as competicións base, incluída a nova categoría xuvenil, están sen organizar», explica un club galego que tamén prefire manter a súa identidade no anonimato.



A Terceira Galicia xa ten definida a súa estrutura e coñece a data de inicio, pero o atraso deixa atrás varias semanas de incerteza para clubs e xogadoras. Agora, coa competición fixada para o 4 de outubro, os equipos da Terceira xa poden poñer o foco definitivamente no inicio dunha nova temporada.



A Terceira Galicia xa coñece os seus grupos tras semanas de espera

Os Vintage: SD Chantada B 2015/2016

A Terceira Galicia xa coñece os seus grupos tras semanas de espera

A Terceira Galicia xa coñece os seus