# Hashtag

O temporal deixou 270 partidos suspendidos nas categorías sénior do fútbol galego

O paso da borrasca Herminia por Galicia deixou un regueiro de incidencias polo temporal na comunidade, algunhas tamén nos campos de fútbol, e obrigou a suspender unha morea de encontros nas categorías da RFGF para os que xa se buscan novas datas. De feito, este mesmo martes xa se recupera un partido na Terceira Futgal viguesa e hai outros previstos durante a semana.

Ata 272 partidos de categorías sénior foron aprazados a pasada fin de semana a causa do mal tempo e as alertas por vento. Do total de encontros anulados, 216 son de categorías do fútbol masculino e 56 do caso do fútbol feminino. Onde máis respectou o tempo foi no interior de Lugo, mentres que nas zonas costeiras non houbo actividade deportiva.

No fútbol masculino, 216 suspensións. Non houbo xornada na Terceira RFEF, cos 9 partidos aprazados. Íase xogar o sobranceiro, entre a UD Ourense e o Racing Villalbés –primeiro contra segundo–, pero acabou caendo. Tamén caeron os 9 encontros previstos na Preferente Sur e 8 no grupo norte, xa que si se disputou o Galicia de Mugardos 2 – 2 Miño. En canto á Primeira Futgal, suspendida a totalidade da xornada nos grupos 1, 2, 5 e 6. No grupo de Lugo xogáronse tres dos nove partidos, e no de Ourense, catro.



O temporal afectou a Segunda e a Terceira Futgal

Na Segunda Futgal caeu a xornada ao completo nos seguintes grupos: Pontevedra, Vigo, A Coruña, A Coruña Costa, Ferrol, Santiago 1 e Santiago 2. No caso de Ourense, a xornada transcorreu pasada por auga, pero foi posible celebrar sete dos nove encontros da xornada. En Lugo, a zona norte da provincia, a máis afectada polo temporal, concentrou as catro cancelacións do grupo 1. No grupo sur lucense non se xogou o Ferreira-Brollón, xa que o campo do Baliño quedou sen luz e o colexiado ordenou a suspensión.

Houbo tamén unha morea de cancelacións de partidos na Terceira Futgal, categoría na que só puido celebrase con normalidade a xornada no grupo do sur de Lugo. En cambio, non se xogou ningún encontro dos seguintes grupos: A Coruña 1, A Coruña 2, A Coruña 3, A Coruña A Costa, Santiago 1, Pontevedra 1, Pontevedra 2, Vigo 1 e Vigo 2.

No grupo Santiago 3 xogouse un e suspendéronse catro partidos; mentres que en Santiago 4 caeron tres encontros e púidose celebrar un o sábado. No norte de Lugo suspendéronse tres duelos e xogáronse o dous. Dúas cancelacións en Ourense 1 e outra en Ourense 2.



Máis de 50 cancelacións no fútbol feminino

Caeron 56 encontros no fútbol feminino, todos os previstos menos tres. Na Primeira División Galega caeron os oito encontros previstos para esta pasada fin de semana. No grupo 1 da Segunda División xogouse o sábado o Xallas 1 – 0 Cultural Maniños, pero caeron os partidos do domingo. No grupo 2 desa mesma categoría puido xogar o líder Antas en Chantada, mentres que se anularon o resto de encontros.

En canto á Terceira División Galega, suspensión total da xornada no grupo 1 (A Coruña – Ferrol), grupo 2 (Costa da Morte), grupo 4 (Santiago – Salnés) e grupo 5 (Pontevedra – Vigo). No grupo 3 (Santiago – Lugo) só se xogou un partido o domingo pola mañá en Carballedo, no sur da provincia lucense

Buscando datas no calendario

Na Segunda Futgal de Santiago, a xornada 17 ao completo está programada para o 2 de marzo ás 16:00 horas, á espera de posibles modificacións acordadas entre os clubs. En Vigo, o Caselas – Vincios xa está reprogramado para o 1 de marzo. En Ferrol, o Estrella A Solaina-CD Narón xogarase, en cambio, o 28 de febreiro, ás oito da tarde.



No grupo Vigo 1 da Terceira Futgal hai reprogramacións en diferentes datas. Por exemplo, este mesmo martes xogarase o Teis – Chapela, ás 21:15 horas. O Rápido de Bouzas ‘B’ – San Esteban será mércores á noite, á espera da chegada dun novo temporal que podería condicionar a súa celebración. O xoves ás 21:30 horas neste mesmo grupo está previsto o Moledo-Coia. Na Terceira santiaguesa, a RFGF decidiu retrasar unha semana o seu calendario dende aquí ata o final de liga. Deste xeito, a última xornada será o 9 de febreiro, en lugar do día 2 dese mes.

Na Segunda División feminina, o Meicende – Tordoia será este venres á noitiña. Na Terceira, o Esteirana – Catoira será o sábado ás dez da mañá.

Efectos do temporal nos campos

Unha das incidencias que acaparou máis olladas en Galicia foi o rexistrado na Pobra do Caramiñal, no campo de Cadreche, despois de que o vento lle levantase parte da cuberta (imaxe sobre estas liñas).

Dende o Crocha, club que emprega o campo xunto coas categorías inferiores do Puebla, sinalan que «por fortuna non houbo que lamentar danos persoais, pero hai que tomar nota do sucedido«.

No concello pontevedrés de Ponte Caldelas aprenderon de episodios anteriores e, desta volta, o complexo deportivo de Chan da Barcia non se viu asolagado. «A limpeza das martes do río Verdugo foi un gran acerto. Con todo o que leva chovido, non se inundou o campo de fútbol«, dixo Andrés Díaz, rexedor local.



O temporal deixou 270 partidos suspendidos nas categorías sénior do fútbol galego

Como lle está indo aos nosos emigrados

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *