# Hashtag
Diferenciais FutbolinGalicia 2024 2025

Os primeiros Diferenciais de 2025 nunha emocionante Primeira Futgal

Reanudouse a Primeira Futgal tras o parón de Nadal e neste 2025 volven os Diferenciais de FutbolinGalicia. Un repaso que abrimos desta volta co grupo 5, no que vivimos unha xornada con moitos goles e goleadas. Unha delas foi a do Ribadumia, que pasou por riba do Flavia (5-0) con senllos dobretes de Félix e Cheri. O Soutomaior fíxolle seis goles ao Taragoña e San Martín e Unión Dena agasallaron aos afeccionados cun partidazo que rematou 5-4.

Con todo, a principal noticia deste grupo 5 é que non gañaron nin o primeiro nin o segundo clasificado. De feito, o Puebla sufriu a primeira derrota da tempada, ao caer 2-1 ante o Cordeiro. Manu abriu o marcador aos 14 minutos de xogo para os de Valga. Confiaba en recortar distancias co líder o Unión de Asados, pero o Marín empatoulle no minuto 88 con gol de Joaquín. O Puebla segue primeiro con 44 puntos, seguido do Unión (38) e o Cordeiro (35).

No grupo 6 rematou con empate o agardado partido entre o líder Tyde e o Alertanavia. Abraham foi protagonista na vitoria do Erizana ante o Arenteiro ‘B’. O xogador do cadro de Baiona logrou empatar o partido na primeira metade e darlle a vitoria aos seus no engadido. Goleada no Monte da Mina a cargo do Racing Castrelos, que venceu 5-1 ao Progresista, con dobrete de Hugo Cruz incluído. O Goián conseguiu un importante triunfo para manter o oco co descenso. Remontaron o 2-0 inicial do Caldelas e levaron o partido 2-3 cun destacado David Alonso.



Os grupos da Coruña reciben o 2025

Seguimos co grupo 1, que está a ver como comeza a levantar o voo o As Pontes, que empezara moi mal, con varias semanas en postos de descenso. Na última xornada da primeira volta, os de Fran Caínzos derrotaron a todo un Sporting Meicende 2-3, anotando un dos goles o xuvenil Xandre.

Escala posicións na táboa o Oza Juvenil, que se mantén cun colchón de cinco puntos os postos de descenso. Os coruñeses levaron os tres puntos do Pote, onde superaron 1-2 á Cultural Maniños con dobrete de Cotelo. Pola parte baixa, o Ural sumou unha traballada vitoria de cara á loita pola permanencia. Venceron 3-4 ao Torre e Gonzalo Ferreiro foi autor de dous goles.

O grupo 2 arrancaba o ano co derbi de Teo. O Calo levou o encontro disputado no Rebordelo ao vencer 2-1 ao Praíña, que recurtou distancias no treito final. Jony fixo o primeiro do Calo e sumou o seu cuarto gol esta tempada. Pola súa banda, o Boimorto segue na loita polo play-off e queda a un punto deses postos privilexiados tras vencer 1-2 ao Fisterra con dobrete de Manu Casal. Salientamos tamén o triunfo do Castriz 3-0 ante o Bertamiráns. Borja Gándara, que abriu o marcador, suma xa once dianas.



O inicio do ano nos grupos de Lugo e Ourense

Viaxamos ata a provincia de Lugo, onde o Burela comezou o ano afianzándose no liderado ao superar á Residencia a domicilio. No treito final, Yago rematou con acerto un córner para poñer o único gol do partido. Tamén o Lourenzá colleitou unha importante vitoria para afastarse da zona vermella. Superaron 2-0 ao Santaballés con dous goles de Yago Cruña. Segue na súa xeira positiva o Xove Lago, que venceu 0-1 ao Outeiro de Rei cun gol solitario de Cora cando xa se acariñaba o asubío final do colexiado.

En terras de Ourense, o Muíños recupera postos de play-off tras sacar adiante o difícil compromiso ante o Nogueira (2-0). Adrián Varandela foi o encargado de inaugurar o marcador e suma o cuarto gol nunha tempada na que acumula 12 participacións, con tres titularidades.

Nesa pelexa polos postos de promoción cedeu o Polígono San Cibrao, que caeu 1-0 ante un Cartelle que sumou un triunfo balsámico para saír do descenso grazas ao gol de Jorge Dias. O Córgomo segue coa súa espectacular xeira de resultados. Golearon 5-2 ao Velle na casa e Samu asinou dous tantos.



Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.



Os primeiros Diferenciais de 2025 nunha emocionante Primeira Futgal

A segunda volta da Terceira RFEF xa

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *