# Hashtag

Javi Vila, Cultural Areas: «Espero que a oportunidade de volver xogar na Terceira se dea, pero que sexa aquí»

O Cultural Areas foi un dos equipos que disputou a xornada 13 pese ao mal tempo. O conxunto adestrado por Yago Yao venceu por 1-2 ao Atios, unha das revelacións da tempada, e Javi Vila anotou un dos goles. Neste inicio de curso, o dianteiro vigués xa leva oito goles e actualmente é o máximo goleador do grupo xunto a Vicente Cemin, do Xuvenil de Ponteareas, e a Manu Galego, do Pontevedra B. 

Cunha dilatada experiencia na Preferente Sur, a pesar de ter tan só 26 anos, Javi Vila reflexiona en Futbolingalicia sobre o seu momento actual de forma, o inicio de tempada e a participación na Supercopa Galicia do Cultural Areas, o seus primeiros pasos no fútbol sénior, os tres grandes anos que pasou no Villalonga ou a súa difícil etapa no Xuvenil de Ponteareas en Terceira RFEF na que acabou deixando o fútbol por uns meses.

Futbolingalicia: Nunha xornada marcada pola suspensión de catro partidos polo temporal, o Cultural Areas venceu en Atios 1-2. Como foi o partido?



Javi Vila: «Pois notamos bastante o vento, sobre todo á hora do quecemento. Por esa razón, falamos co noso capitán no partido para comentarlle que escollese primeiro o campo que tiña o vento a favor. Si que é verdade que, durante o partido, creo que se notou en certos momentos pero non chegou a ser un factor determinante. Tivemos a oportunidade de chegar ao descanso 0-2 e, na segunda parte, eles marcan rápido o 1-2. Aí pasámolo peor sen o balón pero o equipo estivo de 10 defensivamente e levamos tres puntos vitais dun campo complicado como é o Carballo».

FIG: ⁠O teu gol no Carballo colócache como máximo goleador do grupo xunto a Vicente Cemin e Manu Galego. Que significa iso para ti e como te estás a atopar neste inicio de tempada?

JV: «A verdade é que tanto na casa como algún compañeiro vacílanme un pouco con iso e andan máis pendentes ca min. Eu voume atopando ben e por sorte os goles van entrando. Mentras os goles sirvan para seguir sumando puntos, eu estou encantado, especialmente se son como neste último partido no que todos estivemos moi ben».



FIG: ⁠O Cultural Areas é oitavo con 18 puntos. Que valoración fas do rendemento do equipo ata este momento?

JV: «Inda o falamos estas semanas. Somos un grupo de xogadores aos que lle gusta ter o balón e ser protagonistas. Creo que na maioría dos partidos estamos a conseguilo pero tamén é certo que os resultados , sobre todo na casa, non acaban de ser todo o positivo que nos gustaría, especialmente polas sensacións que tivemos en moitos deles. Pese a estes resultados, temos tranquilidade porque sabemos os xogadores que temos e o traballo que se está a realizar. Intentaremos que a dinámica na casa troque porque somos os primeiros que queremos estar nos postos de arriba e que mellor forma que conseguir puntos que diante da nosa xente para poder darlle as alegrías que se merecen».

FIG: Que obxectivo vos marcades como grupo e te marcas ti individualmente?



JV: «O primeiro obxectivo está claro, mellorar os números na casa. Por sorte, somos un equipo que está a conseguir bastantes puntos fóra, pero se queremos estar un pouco máis arriba na táboa, a chave está en mellorar e conseguir puntos na nosa casa. Individualmente non son de marcar ningún obxectivo. Se podo axudar con goles e conseguir que eses puntos caian do noso lado pois perfecto e benvido sexa».

FIG: ⁠Comezastes a tempada moi cedo pola disputa da Supercopa Galícia, na que vos eliminou na final o San Tirso. Que sensacións vos deixou esta competición?

JV: «⁠Pois a verdade é que foi unha pena. Ao meu parecer non nos mereciamos ese resultado na final. Sobre todo na ida, onde merecemos gañar. Tivemos moitas ocasións e o fútbol foi así. No momento no que mellor estabamos, tocounos perder. Na volta conseguimos adiantarnos e, posteriormente, expulsan a un xogador noso. Intentámolo pero era moi difícil darlle a volta. Pese á mágoa de non acadar o obxectivo, o equipo estivo moi ben e xeramos moito perigo, incluso neses momentos que xogamos cun xogador menos».

FIG: Supoño que é moi amargo ver como o voso rival nesa final acabou enfrontándose a un equipo de Primeira División non?

JV: «É difícil ver que nesa situación poderiamos ter estado nós. Sobre todo, vivindo a experiencia de poder competir contra xogadores profesionais. Foi un momento que xa pasou e o bonito deste deporte é que este ano temos outra oportunidade de loitar por ese obxectivo. Se non é neste ano, ogallá sexa noutro».



FIG: ⁠Repasando a túa carreira, as túas tres primeiras tempadas como senior foron en Primeira Rexional e non destacaches demasiado no apartado goleador. Como recordas eses primeiros anos?

JV: «Recordo eses anos como a transición e o momento no que ves o troco de que xa non xogas contra rapaces e pasas a competir contra xente que igual che saca 10-15 anos. Alégrome desa etapa porque coincidín con xente espectacular en vestiarios moi bos. Precisamente, grazas a un dos meus ex compañeiros, Alex Cuesta, prodúcese o meu fichaxe polo Villalonga. Faloulle o adestrador do club preguntando por xogadores que xogasen en varias posicións de ataque e el deu o meu nome. Sempre lle vou a estar agradecido por falar tan ben de min e conseguir que o Villalonga contactara comigo para fichar alí».

FIG: Alí duras tres cursos e anotas 13 goles na túa primeira campaña. Como foron eses anos en San Pedro?

JV: «Recordo eses anos cun cariño tremendo. A primeira tempada vivín os dous lados do fútbol. Na primeira volta estabamos nos postos de descenso e, polo contrario, na segunda, fixemos un traballo espectacular, xa que gañabamos case todo e por sorte metín bastantes goles. Xogar en San Pedro é espectacular, sempre llo digo a toda a xente coa que falo de fútbol. É un club e un estadio no que vives con paixón o fútbol e volves a recuperar a ilusión por este deporte. Nos dous seguintes anos tiven a sorte de estar nos postos de arriba ata que o coronavirus parou a liga e quedamos sen ascenso cando iamos terceiros ou cuartos, precisamente co Cultural Areas tamén nesas posicións. A pasada tempada cando xogamos alí tiven a sorte de marcar e cando me cambiaron na segunda parte non esperaba que todos me fosen a aplaudir como o fixeron. Recordo que nese momento ata o meu pai, que vai a todos os partidos, díxome: “Viches como aplaudiron? Quérenche”. Desexo que este ano logren a permanencia, merécense estar en Terceira».

FIG: ⁠⁠Saes do Villalonga cara ao Xuvenil de Ponteareas de Terceira RFEF, pero non consegues marcar ningún gol. Que pasou nesa tempada?

JV: «⁠Pois todo o contrario que no Villalonga. Funme de San Pedro porque me chamou o Xuvenil para xogar en Terceira e para min iso era unha oportunidade que non podía desaproveitar. Por desgracia, foi o ano no que competín a máis alto nivel, xa que era o meu primeiro ano en Terceira, e tamén foi o ano no que peor o pasei neste deporte. No inicio da tempada alternei titularidade e suplencia ata finais de ano. Pero, a partir de xaneiro, non xogaba practicamente nada e ata en varios partidos non fun convocado. Nese momento decidín plantar o fútbol. Viñeron varios equipos de Preferente ofrecéndome xogar pero eu non estaba para nada. Notaba que o fútbol en vez de darme alegrías, producíame todo o contrario e a miña familia era a primeira en notalo. Cheguei a un punto no que odiei todo o que tiña que ver co fútbol. Non quería volver a xogar e desconectei por completo de todo».

FIG: ⁠Volves no Céltiga e estás un curso na Illa. Logo fichas polo Cultural Areas e fas 17 goles no primeiro ano. Esta campaña xa levas 8. Cales son as claves para que rendas tan ben neste club?

JV: «Pois as claves son varias a verdade. A principal pasa pola confianza que depositaron en min desde o primeiro día que me chamaron. É un club no que a xente, sobre todo a nosa presidenta, traballa moito para dar o mellor aos seus xogadores. Ademais, tanto o ano pasado como este, temos un vestiario no que a maioría somos amigos fóra do campo. Sei que soa a tópico pero a verdade é que iso, queiras ou non, fai moito e trasládase logo ao campo. Temos xogadores que nas súas posicións son dos mellores da categoría, incluso algún con pasado en Terceira, e que perfectamente podería competir e render nesa categoría. Eu, por sorte, aprovéitome diso e a maioría dos goles veñen de balóns nos que eles practicamente fan todo para poñerme man a man co porteiro. Podo dicir que é un cúmulo de circunstancias que se dan para que eu estea tranquilo, a gusto e rendendo ben».

FIG: Ollando ao futuro, tes ganas de recibir unha nova chamada de Terceira RFEF e resarcirte daquela tempada en Ponteareas?

JV: «Eu a verdade é que non diría resarcirme. Foi unha tempada que se deu así e na que estou coa conciencia tranquila porque sei que dei todo o que tiña e por desgracia non se viu recompensado o meu traballo. Eu estou moi a gusto neste equipo e, por experiencia, non é fácil atopar un sitio onde se dean todas as circunstancias para que poidas render ben e tranquilo. Eu espero que a oportunidade de volver xogar na Terceira se dea algún ano, pero que sexa co Cultural Areas. Iso significará que conseguimos devolver ao club a onde se merece, que é a Terceira RFEF».

Javi Vila, Cultural Areas: «Espero que a oportunidade de volver xogar na Terceira se dea, pero que sexa aquí»

Os Diferenciais dunha Primeira Futgal con moitos

Javi Vila, Cultural Areas: «Espero que a oportunidade de volver xogar na Terceira se dea, pero que sexa aquí»

Louzán sitúase como o principal candidato a

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *