# Hashtag

Alberto ‘Tiko’ Estévez, CJ Cambados: «Temos todo o necesario para loitar polo ascenso»

O CJ Cambados é un dos principais candidatos a loitar por unha das prazas que dan acceso a xogar a fase de ascenso. O cadro de Burgáns, que vén de eliminar ao Céltiga nos oitavos de final da Copa Deputación de Pontevedra, é actualmente o sexto clasificado da Preferente Sur e atópase a un só punto do Cultural Areas

A pasada fin de semana, o conxunto que dirixe Pénjamo derrotou ao Atlántida de Matamá por 1-3 tras remontar o tanto inicial local. Alberto ‘Tiko’ Estévez foi o autor de dous tantos e hoxe pasa pola nosa web para repasar a súa tempada en Cambados, os seus obxectivos e o seu pasado.

Futbolingalicia: Este domingo lograstes remontar o partido fronte ao Atlántida de Matamá con dous goles teus. Que valoración fas do partido?



Alberto Estévez: «A valoración do partido é positiva. Comezamos perdendo 1-0 pero despois do descanso fomos capaces de remontar ese resultado. Eu puiden facer eses dous últimos goles e estou contento coa actitude do equipo en xeral e coa forma na que o estamos a facer».

FIG: Custouche entrar no once de Pénjamo pero nos últimos partidos estás a ser indiscutible. Que tal está a ir este primeiro ano en Burgáns?

AE: «Esta primeira tempada no Cambados está sendo moi enriquecedora para min. Estou moi contento coa directiva, o corpo técnico, os compañeiros… Todo o mundo me acolleu como un máis desde o primeiro día e estou moi ilusionado con este proxecto».



FIG: O equipo segue preto dos postos de fase de ascenso. Cres que o Cambados loitará por ascender?

AE: «Estou convencido de que temos todo o necesario para loitar polo ascenso. A calidade, o traballo e a mentalidade que estamos a demostrar son chaves para ese obxectivo. Sabemos que é un camiño longo e centrámonos en sacar os tres puntos cada fin de semana».

FIG: ⁠Sería a primeira vez que o Cambados xoga na Terceira no século XXI. Notas á afección ilusionada?



AE: «A verdade é que si, que a xente está moi ilusionada e iso é algo que nos motiva para seguir loitando por ese obxectivo. Cada fin de semana en Burgáns veñen bastante persoas e sentímonos moi arroupados, ata fóra de casa porque tamén se desprazan moitos afeccionados. Agradécese moito esta ilusión».

FIG: No apartado persoal levas catro goles. Tes algunha meta individual neste sentido?

AE: «O meu obxectivo principal é axudar ao equipo en todo o que poida e seguir mellorando futbolisticamente. Marcar goles sempre é bonito, pero eu creo que é traballo e esforzo de todo o equipo. Algunhas veces lle entra a un, outras veces a outro. Son xeiras. Se o equipo está unido e é forte creo que é o máis importante».

FIG: Esta fin de semana enfrontádesvos ao Juvenil de Ponteareas, o teu anterior equipo. Que esperas do encontro?

AE: «Sempre é chulo xogar un partido contra un antigo equipo. Agardo un encontro moi igualado e moi intenso. Tentarémonos facernos fortes no noso campo e dar o mellor cada un de nós. Queremos os tres puntos para seguir loitando polo ascenso».



FIG: Na túa época no fútbol base destacan os pasos polo Val Miñor e polo Celta. Que importancia tivo isto na túa evolución como futbolista?

AE: «Recordo esas dúas etapas con moito cariño porque foron moi importantes no meu desenvolvemento futbolístico. A esixencia no Celta de render ao máximo nivel e a posibilidade de poder acudir a torneos internacionais en lugares como Doha é algo que recordarei toda a miña vida. Ao igual que cando estiven en dinámica de primeiro equipo e puiden xogar un amistoso con eles. Son cousas que recordarei sempre».

FIG: Os teus outros anos como sénior foron no Pontellas, co que debutaches en Terceira. Como recordas esa etapa?

AE: «Esa etapa foi moi especial. Eu acababa de saír de xuvenís e dar ese pasiño a sénior, a un equipo de Terceira División, dábame un pouco de vertixe. Se boto a vista atrás agora creo que esa decisión fíxome crecer moito». 

FIG: ⁠Cres que nun futuro podes estar xogando en categorías máis altas?

AE: «Creo que con traballo, constancia e esforzo podo conseguilo. Eu estou moi ilusionado e pensando en facelo o mellor posible no día a día no Cambados. Quero mellorar e dar o equipo o máximo posible, pero sempre estou preparado para calquera oportunidade que poida xurdir».

Alberto ‘Tiko’ Estévez, CJ Cambados: «Temos todo o necesario para loitar polo ascenso»

Os Diferenciais dunha Primeira Futgal que non

Alberto ‘Tiko’ Estévez, CJ Cambados: «Temos todo o necesario para loitar polo ascenso»

As goleadoras da Terceira Galicia

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *