En novembro de 2023 o desbordamento do río Verdugo levou por diante Chan da Barcia, o campo da SCD Ponte Caldelas. Daquela, disputadas nove xornadas, o equipo ocupaba a décimo terceira posición. Xa acusara o cambio de adestrador, logo da marcha de Cristóbal Filgueira ao corpo técnico de Ángel Rodríguez no Hércules. Con todo, quedar sen campo foi o golpe definitivo para o Ponte Caldelas, que acabou perdendo a categoría.
O Verdugo xa se asomara noutras ocasións por Chan da Barcia, pero con efectos moito menores. O campo, artificial e que fora renovado só catro anos antes, quedou totalmente inservible. Unha onda de solidariedade arredou o club durante as semanas posteriores á catástrofe. Abriuse un ‘crowdfunding’ e equipos da zona trasladaron o seu apoio ao Pontecaldelas.
Un deles foi o do concello veciño da Lama. E Racelo, o seu campo, converteuse na nova casa do equipo. Con todo, as condicións eran diferentes, cun terreo de xogo gastado, que provocou “unha chea de lesións musculares”, lamenta Pedro Rodríguez, presidente do Ponte Caldelas. O tempo que puideron competir en Chan da Barcia sumaron oito puntos de 15 posibles. No desterro, de 36 posibles, só acadaron dez.
Sucedéronse os problemas
“No noso campo a afección apertaba máis como é lóxico”, explica Rodríguez. Tamén os desprazamentos comezaron a notarse. “Son dez quilómetros dende Ponte Caldelas, parece que non, pero nótase”, afirma. Os principais problemas tivérono os rapaces da base. O club conta con equipo feminino e unha decena de conxuntos en categorías inferiores. “Antes ían camiñando. Chan da Barcia está no centro da vila. Para ir a Racelo precisaban que os levasen”, di.
Os problemas sucedéronse. O porteiro Carlos Martínez Arias, ‘Totti’, falecía o pasado febreiro logo dunha enfermidade, causando unha fonda dor entre o cadro de xogadores e en todo o municipio. No deportivo, a contratación de Milo Abelleira como adestrador non tivo o efecto agardado. Iso levou a un segundo cambio de técnico na tempada. A pesar de que o equipo se afundía na táboa, Pedro Rodríguez asegura que “sempre estivemos unidos”.
Pero non foi suficiente. O Ponte Caldelas, que a pasada campaña xogara fase de ascenso a Preferente, descendeu a Segunda Galicia. “Perder o campo tivo moito que ver, foi decisivo”, pensa o presidente. Expón que en Chan da Barcia eran “case invencibles”. Só contradí esa afirmación a malleira do Santa Mariña na xornada tres, que lle endosou un 0-7 aos verdes. “Ese resultado foi inaudito”, recoñece Pedro Rodríguez.
Un campo novo en camiño
Segundo o presidente do Ponte Caldelas, o novo campo xa está en camiño. A obra xa foi adxudicada e barallan a posibilidade de que estea listo en xullo. E pelota está no tellado do Concello. En todo caso, confían en iniciar en Chan da Barcia a vindeira tempada. O campo seguirá na mesma localización, pero, segundo din, será máis resistente en caso de repetirse as riadas. Grupos ecoloxistas alzaron a voz para pedir o traslado das instalacións, ante o risco de que o caucho do campo chegue ao río.
O futuro do club é ilusionante. Malia o descenso, o presidente asegura que están traballando na “continuidade do bloque principal do cadro de xogadores”. De 23 futbolistas, só tres son baixa confirmada para a vindeira campaña. O obxectivo está claro: “regresar a Primeira Galicia, a categoría que penso que nos corresponde”. Pedro Rodríguez quere que este paso atrás sexa o anticipo a “dar dous cara a adiante”.