# Hashtag

Os Diferenciais do inicio da segunda volta na Primeira Futgal

A Primeira Futgal alcanza o ecuador. A xornada desta pasada fin de semana supuxo o inicio da segunda volta e toca repasar os Diferenciais de FutbolinGalicia. No grupo 1, o Sporting Cambre venceu 1-3 a un As Pontes en liña ascendente e aproveitou o picazo do líder Orillamar, que empatou, para igualalos a 37 puntos no máis alto da táboa. Pablo Garaboa foi o encargado de inaugurar o marcador a prol do Cambre cando se consumiran só once minutos.

Tamén se achega ao liderado o Victoria CF, terceiro con 3 puntos, tras superar 3-0 ao Cedeira con dobrete de Alberto Benito. Pola parte baixa, o Galicia de Caranza aférrase á esperanza da permanencia logo de conseguir unha traballada vitoria ante o Oza Juvenil (2-1), sendo Daniel Quintela quen anotou o primeiro.

Goleou 5-0 o Club do Mar, líder do grupo 2 e único equipo da Primeira Futgal que aínda non perdeu un só partido. Neste mesmo grupo, na loita por fuxir da zona vermella, a Esteirana superou 4-2 ao Agolada, con senllos dobretes de Pablo Rama e Kevin Rial. Precisamente, nesa loita por evitar o descenso, o Bertamiráns colleitou un punto de mérito ante todo un Boimorto, 1-1 grazas ao gol de Adrián Arnejo.



Os grupos 5 e 6 reciben a segunda volta

Tras poñer fin á súa increible xeira na anterior xornada, o Puebla volveu facer o que mellor se lle dá: gañar. Superaron a domicilio 1-3 ao Campo Lameiro con dobrete de Hugo Suárez incluído. Deste xeito, os branquiazuis aumentan a vantaxe sobre o Unión, que non puido pasar do empate na casa ante o Caldas (1-1). Salva, que fixo o gol dos visitantes, é outro dos Diferenciais. No duelo da zona media da táboa, o Flavia remontou ante o Valiño grazas a un tanto de Santi Carneiro no tempo extra.

No grupo 6 houbo picazo para o primeiro e o segundo clasificado. O líder Tyde non puido pasar do empate na casa ante a Milagrosa (1-1). O conxunto lugués suma este punto grazas ao gol de Miguel Arias e segue na loita por saír do descenso. Empatou tamén o segundo, o Gondomar, que visitaba ao Racing Castelos (1-1). No Monte da Mina, Martín Ubeira anotou o gol local. O Vila do Corpus comezou moi ben o 2025 e segue abrindo fenda coa zona de descenso. Golearon 3-0 ao Chaín, sendo Xavier o encargado de abrir a contenda.

O inicio da segunda volta en Ourense e Lugo

Sorpresa no grupo ourensán. O líder indiscutible, o Antela, comezou a segunda volta con derrota ante un equipo da parte baixa, o Maside, que deu a badalada (2-0) e consegue saír do descenso. Adrián Sotelo anotou o segundo dos goles, ademais de completar un grandísimo partido. Por abaixo aperta tamén o Loñoá, tras golear 4-0 ao Allariz; Loren fixo o primeiro. Vitoria chave do Velle, que mallou 0-4 a un rival directo polo play-off o Muíños, cunha actuación destacada de Unai Gómez.



En terras luguesas, a segunda volta comezou marcada polas baixas temperaturas e a choiva. Rois abriu o marcador na goleada 4-0 da Residencia ante un Chantada Atlético en cuxo banco sentou por última vez Edu Rodríguez, novo técnico do Lemos de Preferente. No derbi, o Castro superou ao Outeiro (1-3) tras adiantarse axiña no marcador, sendo Marco Díaz o autor do primeiro. O Santaballés volveu ao camiño da vitoria grazas a un gol de Palomo na recta final no partido ante o Guntín (0-1),

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.

Os Diferenciais do inicio da segunda volta na Primeira Futgal

O Valladares remonta e sae do descenso

Os Diferenciais do inicio da segunda volta na Primeira Futgal

Pablo Lede, Portonovo SD: «A mellor imaxe

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *