Unha das críticas máis repetidas respecto a organización do fútbol feminino é a pouca estabilidade das competicións. As categorías femininas sofren constantes modificacións ante o crecemento do número de equipos, a desaparición doutros ou a escaseza dun proxecto a medio-longo prazo por parte das federacións.
Para a tempada 25/26 a Real Federación Española de Fútbol volverá a realizar cambios en Segunda RFEF, Terceira RFEF e categorías rexionais, afectando de maneira directa ao desenvolvemento da Primeira Galega. Esta alteración dos torneos está xerando debate na comunidade futbolística e non só no panorama galego.
A partir de Segunda RFEF, categoría onde milita o Atlético Villalonga, comezan as afectacións de cara a esa nova organización malia que se mantén o formato da competición. De cara a campaña 2025-2026 ampliarase a 3 grupos con 14 equipos cada un, dando un total de 42 equipos. Un hipotético ascenso das de Sanxenxo afectaría aos equipos galegos do resto de categorías seguintes.
O cambio principal e que máis afecta aos equipos galegos é a idea de que a 3ª RFEF pase a ser puramente autonómica. Pasaría a contar con 18 grupos de 12 equipos que xogarían nas súas respectivas comunidades autónomas.
Transforma e descende así o nivel dunha liga que ata o de agora albergaba un campionato interautonómico. O Grupo 1 onde a pasada tempada xogaban Umia, Mos, Lóstrego, Victoria FC, Victoria CF, Deportivo Abanca B, Sárdoma, Friol e Lugo contaba tamén con equipos de Asturias e Castela e León.
Esta remodelación fai descender tamén o interese da Primeira Galega na que ata o de agora só ascendía un equipo tras disputar o playoff, e a partires da tempada que vén, ata 8 ou 9 equipos (dependendo dos ascensos e arrastres) poden chegar a xogar na Terceira Federación. Unha tempada de trámite que convirte á competición Arzúa-Ulloa DOP nunha especie de liga ascensor.
Dúas caras dunha mesma moeda
Cando falamos da inexistencia dun proxecto a longo prazo referímonos tamén á falla de coordinación entre federacións. No ámbito galego, fai dous anos que se someteu a remodelación a competición de Segunda Galega para poder crear a nova Terceira. Isto levou a que equipos que loitaban por ascender acabaran nese último chanzo.
Por outra banda, esta reforma tamén trae consigo beneficios. No último ano, tan só ascendía o primeiro clasificado de cada un dos seis grupos da 3ª RFEF. Agora, o farán o campión e subcampión de cada un deles, máis catro que sairán dunha eliminatoria entre os seis terceiros e os dous mellores cuartos. Aumentan así as posibilidades de poder desfrutar de máis equipos galegos ao carón do Villalonga.
Esta reestruturación por parte da Federación Española parece unha medida que, malia ben intencionada ante o crecemento do deporte, podería non ter as consecuencias desexadas. En lugar de fortalecer as ligas inferiores e crear un sistema máis competitivo, existe o risco de debilitar tanto a Terceira Federación como a Primeira Galega.
Para un desenvolvemento sostible do fútbol feminino é necesario atopar un equilibrio que permita a súa expansión pero tamén certa continuidade. Esta nova organización fai que os proxectos dos clubs poidan verse frustrados e obrigados a cambiar os obxectivos. Agardamos que se siga invertendo en apoiar o crecemento das xogadoras á par que se lles outorga un espazo estable de competición.
Motores en marcha para os equipos galegos da 3ª RFEF - FutbolinGalicia
22nd Ago 2024[…] Unha nova reestruturación para o fútbol feminino […]
Comeza a batalla polo reinado galego - FutbolinGalicia
05th Sep 2024[…] Unha nova reestruturación para o fútbol feminino […]