# Hashtag

Os Diferenciais despiden o verán con goles

Rematou o verán, si, pero os afeccionados ao fútbol estamos de sorte porque xa volveu a Primeira Futgal. A competición raíña do fútbol rexional regresou por todo o alto e estanos a agasallar con auténticas exhibicións en cada xornada. Xa é a hora de trocar o chiringuito e pasar a encher os estadios dos nosos arredores, onde poderemos desfrutar dunha boa ración dos Diferenciais. Eses futbolistas capaces de facernos esquecer o estío en tempo récord e, ademais, contaxiarnos a paixón polos domingos.

Un saco de goles

A fin de semana deixou partidos no grupo 1 cun bo feixe de goles. Basta con botarlle un ollo aos seguintes emparellamentos.

Ao Sporting Coruñés non lle supuxo ningún problema bater ao Cultural Maniños, goleándoos cun claro 0 a 4. Iso si, o primeiro treito do encontro foi ben igualado, sen que ningún dos dous conxuntos fora quen de acertar coa meta rival. Todo cambiou na segunda manga, cando os herculinos subiron as súas prestacións de maneira espectacular. Os branquiazuis colleron unha vantaxe de dous tantos en apenas cinco minutos e, xa no tempo engadido, Jorge de Pedro sentenciou as cousas cun dobrete na súa conta particular.



Custou, pero por fin chegou a primeira vitoria do Numancia de Ares a costa do Perlío (3-5). Os vermellos saltaron ao céspede dos Pinares dispostos a dalo todo e vaia se o fixeron! Cun 0-3 favorable aos seus intereses, os homes de Mahía puideron marchar á caseta sen ningunha preocupación. Pero nada máis lonxe da realidade, xa que o seu rival reaccionou e chegou a poñelos contra as cordas. Foi entón cando apareceu Varela para asinar a súa segunda diana da tarde e darlle ao Numancia os tres primeiros puntos do campionato.

Imperator e Cedeira asinaron as táboas logo de empatar a dous goles. Se ben os primeiros compases de xogo non contaron cun claro dominador, os de Ferrolterra conseguiron adiantarse pouco antes do entretempo. No reinicio, Reimúdez igualou a contendo, aínda que o seu tanto quedou en auga de borralla por culpa dunha nova ofensiva exitosa das ‘cebras’. Os herculinos non baixaron os brazos e finalmente atoparon o 2-2 nun penalti transformado polo propio Reimúndez.

Sempre hai tempo para levantarse

Podes caer unha e outra vez, pero o importante é ter folgos sempre para levantarte e continuar. Tal e como lle sucedeu aos seguintes participantes do grupo 2.



Gañar no Dani Mallo non é doado, mais o Luaña logrou impoñerse por dous goles a catro ao Sporting Cambre. Aínda non rematara de asubiar o colexiado e os ‘lobos’ xa conseguiran poñerse por diante. O combinado coruñés non tardou en espertar e aproveitou unha oportunidade para reequilibrar a balanza momentos antes do remate da primeira metade. Aos de amarelo e azul non lles afectou o golpe e abriron unha boa fenda no reinicio grazas ao bo facer de Diego Suárez. Chegado desde os xuvenís do Milladoiro, o atacante quere despuntar na súa primeira aventura como senior e, polo de agora, estao a facer.

Non defraudou o derbi de Teo. Calo e Cacheiras enfrontáronse nunha nova rolda desta mítica rivalidade e a cal caeu, neste ocasión, para o lado da parroquia de San Xoán (3-2). Ninguén deu o brazo a torcer e mesmo cando os xogadores adestrados por Pájaro tiveron o partido na súa man, aí estivo o seu rival para evitar o triunfo anticipado. Así e todo, Pichu entrou desde o banco para acabar coas esperanzas do Cacheiras e desatar a tolemia na bancada de Rebordelo ao converter o 3-1.

Para goleada a vivida no Municipal, onde o Bertamiráns lle endosou un contundente 5 a 0 ao Xallas. Boa parte de culpa tivo Adrián Otero, autor das dúas primeiras anotacións amarelas e negras. O inicio de campaña do centrocampista ordense é brillante, pois xa leva tres goles en tres xornadas. Grazas ás súas aportacións na ofensiva local, o ‘Berta’ fíxose co liderado no choque e desde entón non o soltou, negándolle a oportunidade de puntuar aos de Santa Comba.



Dar un golpe na mesa

Hai xente no grupo 3 que quere facerse escoitar e por iso decidiu esta fin de semana dar un bo golpe na mesa.

Como por exemplo, a Residencia. Os pupilos de Rafa Casanova aínda non estrearan o seu cadro de vitorias ata vencer ao Folgueiro por cero goles a tres. Para os capitalinos non foi un encontro sinxelo, pois o seu rival mantívoos á raia durante boa parte do mesmo. Non foi ata o último treito cando a ‘Resi’ pechou por fin as cousas grazas a un tanto anotado por Javi Calderón. Ledicia por partida dobre para o killer lucense, que volveu encontrarse co gol despois de nove meses.

Máis apertado foi o Atlético EscairónMonterroso, resolto en favor dos da Ulloa por un axustado 0 a 1. O Saviñao acolleu un enfrontamento parello en tódolos aspectos do xogo. Calquera das dúas escuadras contou con oportunidades para inaugurar o electrónico, sen sorte. Ata o asubío final. Burgo abriu a lata xusto cando os tres puntos podían caer para calquera dos dous bandos, outorgándolle aos de Fer Sánchez o primeiro triunfo da presente temporada.

Julio (Atlético Escairón) intenta zafar da marca de varios xogadores do Monterroso. FOTO: MARI LUZ FAGÍN

Finalmente, o Ribadeo derrotou ao Brollón (4-1) para situarse á cabeza da clasificación empatado con outros tres equipos. Os mariñáns forons os primeiros en adiantarse, aínda que a súa alegría foi efémera. Nun visto e non visto, volveron á carga e xa nos últimos instantes veu a sentencia desde as botas de Óscar. O dianteiro respondeu unha vez máis á confianza de Dani Moirón e sumou un dobrete na súa conta particular para certificar o segundo +3 consecutivo do Ribadeo.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Os Diferenciais despiden o verán con goles

Gran igualdade na terceira xornada

Os Diferenciais despiden o verán con goles

Os Diferenciais despiden o verán con goles