O Coruxo vén de vivir un ano sufrido, pero exitoso. Un comezo de temporada difícil, coa chegada dun novo adestrador e a necesidade de cohesionar a todo o grupo de xogadores, lastrou aos do Vao durante as primeiras xornadas. 5 puntos de 27 posibles nas primeiras 9 xornadas poñían en dúbida a capacidade do equipo para manter a categoría.
Chegou a reacción, unha vez máis, do Coruxo
Pero todo cambiou. 7 victorias nas seguintes 8 xornadas, con tan só un tropezo no Vero Boquete de San Lázaro (1-0), deron tranquilidade na clasificación ao cadro olívico. Na recta final da temporada, o conxunto verde aproveitou a súa tradicional solvencia na casa para garantir a permanencia, un ano máis, na Segunda RFEF.
Pezas chave sobre o verde do Vao
Roberto ‘Pitu’ Doncel (Vigo, 1997) viviu desde dentro o proceso de mellora do seu equipo. O mediocentro vigués foi o xogador con máis minutos do cadro dirixido polo ourensán David de Dios, que demostrou unha confianza plena no futbolista. Hoxe, Pitu conversa con nós para analizar como se viviu desde dentro unha temporada convulsa, pero con final feliz.
Futbolingalicia: Que fallaba nas primeiras xornadas?
Pitu Doncel: Había moita xente que chegara nova, tanto xogadores como corpo técnico. Ao principio non é doado encaixar todas esas pezas, leva un tempo e notámolo moito nas primeiras xornadas.
FIG: E que cambiou desde novembro?
PD: O equipo aprendeu dos erros que cometeramos no principio, correxímolos e empezamos a gañar partidos. De feito, sucedía todo o contrario do que pasara antes: saía todo ben, e antes todo mal. Fixémonos moi fortes.
«O ano pasado fixeron dano as expectativas»
FIG: Leva un par de anos o Coruxo xogando con lume?
PD: Pode ser, porque na tempada anterior fixeron moito dano as expectativas que se crearan, porque o club pensaba que tiñamos equipo para xogar a promoción, e no momento que non se deron bos resultados, pesounos moito. Porén, este curso tomámolo con máis calma e cautela, polo feito de facer un equipo novo: arranxamos a situación, pero é certo que as xeiras de partidos nos que puntuamos moi pouco nos fixeron dano.
FIG: Notaches algunha diferencia na entidade desde a túa primeira etapa ata que chegaches en 2022?
PD: É similar, cando eu estiven aínda era Segunda ‘B’ e o Coruxo funcionaba moi ben. Teñen unha forma de traballar moi boa, é un club moi familiar, e logran que a xente de fóra se sinta como na casa.
«A paciencia e o tempo deron os seus froitos»
FIG: Neste curso, foi fundamental a aposta da directiva polo corpo técnico, pese á mala xeira inicial de resultados.
PD: Si, é algo que non adoita suceder. Mantiveron a confianza cando despois de nove xornadas aínda non saían as cousas, así que está claro que foi unha gran decisión por parte do presidente. É certo que tiñamos boas sensacións, pero non se traducía en resultados, pero a paciencia e o tempo deron os seus froitos.
FIG: Un David de Dios que xa confirmou a súa renovación.
PD: Si, a min transmitiume moita confianza desde o comezo e llo agradezo moito, porque cando un adestrador da esa confianza sempre é máis doado mostrar o teu mellor nivel.
FIG: E Pitu Doncel confirma a súa continuidade?
PD: (ri) Aínda non podo confirmar nada. Non falei co club polo momento.
FIG: Houbo algún compañeiro diferencial á hora de acadar a permanencia?
PD: Si, hai moitos. Todo o mundo pensa en Davo e en David Añón porque marcaron a diferenza á hora de facer os goles, pero hai moitos compañeiros que aportaron moito: Dani Vidal, por exemplo… Non quero dicir nomes porque é certo que todo o mundo aportou o seu gran de area, tanto os que xogaron máis como menos minutos… e iso permitiu que nos salvásemos cun pouco máis de tranquilidade.
FIG: Que opinión che merece a Segunda RFEF con respecto á antiga Segunda División B?
PD: É moi diferente. Eu tiven a sorte de xogar en 1ª RFEF e a nivel de estadios, clubs, afección e aforos… hai moito salto entre unha categoría a outra. O Coruxo, se segue a facer as cousas así de ben, penso que pode chegar un ano no que se dea o salto cara arriba.
«É un mérito incrible para o Coruxo levar 14 temporadas consecutivas entre Segunda ‘B’ e Segunda RFEF»
FIG: Que expectativas debería ter o Coruxo de cara á 24/25?
PD: Penso que hai que ser ambiciosos. O Coruxo ten que procurar estar o máis arriba posible na 2ª RFEF, pero tampouco se pode perder a mira: O Vao leva 14 temporadas consolidado en 2ª RFEF-2ª B, e iso é un mérito incrible: o primeiro sempre é acadar a salvación e, desde aí, mirar cara arriba.
FIG: Un mérito que tamén chega polo importante papel que xoga a afección.
PD: Si, está claro que O Vao sempre foi un fortín para o Coruxo. Custounos moito o ano pasado, pero é certo que se nota moito cando a xente vén ao campo para apoiarnos, porque o equipo adoita responder.
Imaxe de Portada: WEB CORUXO FC