A Terceira RFEF deixou outra xornada trepidante. Unha das sorpresas foi a vitoria do Alondras na Estrada, cun solitario gol de Fran López no ecuador da segunda metade. Os do Morrazo seguen nunha boa dinámica de resultados; unha soa derrota neste comezo de ano permítelles soñar con achegarse aos postos de play-off.
No Municipal de Barreiro, a Sarriana conseguiu o máis difícil: remontar un partido que se lles puxo moi costa arriba. Para iso, só necesitaron os últimos dez minutos. O Gran Peña gañaba por un tanto a cero cando no 82′ Millán abriu a lata para os visitantes. Xa é o seu undécimo gol. Os vigueses acusaron o esforzo e o empate supuxo a súa sentenza. Seguidamente, remataron a faena Guitián e Boedo nun abrir e pechar de ollos (1-3). Os adestrados por José Antonio Rodríguez ameazan a segunda posición e distáncianse do Estradense, ao que reciben a vindeira xornada na Ribela.
O Villalbés perde en San Pedro dous puntos no último suspiro
E se hai un culpable de que a Sarriana se achegue un pasiño máis ao segundo posto é indirectamente o Villalonga, que está a facer de San Pedro un auténtico fortín nos últimos meses e un pesadelo para os seus rivais. Tanto é así que o Rácing Villalbés non puido saír coa vitoria de Sanxenxo (2-2). Un gol de cabeza de Hugo Abalo no último minuto provocou que os chairegos perdesen o coliderado que mantiñan coa UD Ourense. Ademais, no conxunto celeste estreouse a súa flamante fichaxe, o centrocampista Josiño Filgueira.
Atlético Arteixo e UD Ourense foron os máis madrugadores o domingo, como tamén foi o gol de Osian (2′) que bastou para que os de Borja Fernández levasen os tres puntos do Novo Ponte dos Brozos (0-1). O seu próximo rival a bater nesa carreira polo ascenso directo será o Arosa. Os vilagarciáns tiveron que xogar no Manuel Jiménez contra o Betanzos debido ás malas condicións da Lomba. Non lles foi mal. Un penalti anotado nos últimos minutos por ‘Compa’ decantou o encontro para o conxunto arlequinado, que se asenta nos postos de play-off, distanciándose do Noia en seis puntos. Dous partidos baixo a batuta de Perú, dúas vitorias.
Así está a zona baixa
Na Gándara, Valladares e Polvorín protagonizaron un auténtico partidazo (3-3). Os albivermellos lograron empatar o partido a última hora, logo de estar toda a segunda metade cun xogador menos pola expulsión xusto antes do descanso de Héctor González, fillo do exfutbolista Raúl González.
O derbi das rías, entre o Boiro e o Noia deixou un empate sen goles (0-0). O porteiro Chema Leobalde foi o mellor dos noieses, que fixeron gala da súa capacidade defensiva nunha primeira metade de dominio local. Levan tan só 15 goles encaixados en 22 xornadas desputadas. Soamente a UD Ourense (14) e o Rácing Villalbés (15) están á altura nesta estatística.

E na parte baixa, o Viveiro volveu puntuar despois de tres xornadas. Fíxoo contra o Somozas no Alcalde Manuel Candocia (1-1). Un punto insuficiente despois da vitoria do Barbadás ante o Silva (2-1) e con máis valor no eido anímico que no numérico. Aínda así, un respiro para os xogadores e o seu adestrador Adrián Benavides, que lles permite preparar con máis confianza o vindeiro partido en Cantarrana.
Foto de portada: Viveiro CF
