# Hashtag

Javi Silva, Juvenil de Ponteareas: «Sinto que estou atopando a confianza e a continuidade que necesitaba»

Na nosa entrega do pasado 1 de xaneiro, en Futbolingalicia repasabamos nomes da Preferente Sur que podían dar que falar nesta segunda volta. O elixido no Juvenil de Ponteareas foi Javi Silva, un lateral esquerdo vigués de tan só 20 anos que acumulaba grandes minutos na primeira volta, logo de chegar en verán a Pardellas procedente do Alertanavia.

Cun amplo pasado na canteira do Coruxo, o defensor zurdo estreou este domingo a súa conta particular tras anotar un gol na contudente vitoria do equipo de Ponteareas en Moaña, que permite ao equipo abrir un bo oco cos postos de descenso. Javi Silva atende hoxe a nosa chamada para evaluar a tempada no eixo persoal e colectivo e para repasar outros temas de interese na súa curta carreira.

Futbolingalicia: Protagonizastes a gran goleada da xornada ao vencer por 0-4 en Moaña. Cales foron as claves da vitoria?



Javi Silva: «O partido empezou cun dominio do rival, pero nós logramos facer moito dano xogando ás costas e sendo verticais. Tivemos moito acerto de cara ao gol e puidemos ter unha gran vantaxe na primeira parte. No comezo da segunda parte fomos listos e fomos quen de ler o partido para non perder a vantaxe no marcador».

FIG: Estreaches a túa conta goleadora cun tanto. Como te estás a atopar nesta tempada?

JS: «Persoalmente estou moi contento. O club trátanos da mellor maneira posible e temos un gran grupo onde cada un é consciente da situación na liga. Eu sinto que estou atopando a confianza e a continuidade que necesitaba grazas a que o club e os meus compañeiros me dan ese apoio. É unha tempada na que estou desfrutando moito, competindo en todos os partidos, sendo consciente de que cada fin de semana nos xogamos moito e tratando de sacar a mellor versión de min en cada xornada».



FIG: O equipo está situado no undécimo posto con oito puntos de marxe sobre o descenso e a sete da fase de ascenso. Cara onde mira este Juvenil de Ponteareas?

JS: «Ao inicio da tempada comezamos con moitas dúbidas, cambiando de adestrador na segunda xornada e con malas sensacións, pero pouco a pouco fomos gañando confianza e traballando en grupo cara unha mesma dirección. Con todo isto, fixemos unha gran primeira volta e agora estamos nun punto no que o noso obxectivo é conseguir o máximo de puntos posibles para lograr a permanencia, sendo sempre un equipo unido e remando todos xuntos».

FIG: ⁠En xaneiro sufristedes a baixa de Vicente Cemin, que era o xogador máis destacado do equipo e marchou cara Vilalba. Como influiu isto no equipo?



JS: «Vicente é un gran xogador, profesional e ambicioso. Dábanos moito dentro do campo, pero, como xa dixen antes, estamos traballando como un equipo unido. A súa baixa foi complicada pero estamos a traballar moi ben nestes últimos meses, sendo capaces de competir en todos os partidos e gañando partidos claves».

FIG: É o teu segundo ano como sénior na Preferente. Cales son os teus próximos obxectivos na túa carreira?

JS: «Se algo me caracteriza na miña carreira é que son un xogador que traballa, que dá o máximo e que loita por crecer cada ano. Ogallá nun futuro poida aspirar a máis e poida xogar en categorías máis altas».

FIG: Tiveches algunha oferta de categoria superior?

JS: «A verdade é que non tiven a oportunidade de que me chamasen dalgunha categoría superior. Agora mesmo estou centrado e traballando para conseguir o obxectivo da permanencia co meu equipo, pero nun futuro nunca se sabe. Como xa dixen, estou crecendo en cada xornada para poder conseguir os meus obxectivos».



FIG: ⁠⁠O ano pasado debutaches como sénior no Alertanavia e non lograstes a salvación. Como definirías esa tempada?

JS: «A tempada pasada foi moi dura a nivel persoal e deportivo. Tiñamos un gran grupo, pero a situación do club non era fácil, posto que era o único club da Preferente que non pagaba e iso dificultaba moito o fichar a un xogador ou outro. A nivel persoal tiven unha lesión que me apartou dos terreos de xogo durante dous meses aproximadamente e custoume volver ao meu máximo nivel. En resumo, a tempada pasada fíxose longa pero lévome grandes amigos e lembranzas dese ano».

FIG: Eres canteirán do Coruxo. Como recordas toda esa etapa na base do club vigués?

JS: «O meu primeiro recordo no Coruxo foi xa en benxamíns. Alí comecei a formarme como xogador. Pasei por todas as categorías, onde destaco especialmente os anos no Cadete de División de Honra e os anos de xuvenil, onde era uns dos capitáns. Gardo grandes recordos como o do ascenso a División de Honra xuvenil e a permanencia nela o ano seguinte, tendo un papel importante. O Coruxo é un club que me tratou ben e aínda agora recordo a etapa con moito cariño. Foi unha etapa inesquecible da miña vidal».

FIG: Cres que podes volver nun futuro e ter esa oportunidade no primeiro equipo?

JS: «A verdade é que sería unha gran oportunidade para a miña carreira. Ogallá. Eu traballo para chegar o máis alto posible. Aínda agora vexo partidos do Coruxo onde teño compañeiros cos que xoguei e sinto un gran orgullo por eles». 

FIG: ⁠En verán anunciouse a túa fichaxe polo Rápido de Bouzas, pero, como xa se sabe, houbo problemas. Como afectou isto ao teu apartado persoal?

JS: «Os días seguintes foron moi duros, porque, de repente, atópome sen equipo a finais de agosto con todos os clubs practicamente pechados. Sentía que incluso podía quedarme sen xogar na categoría na que eu quería e onde eu merecía xogar. Intentei moverme e atopar unha solución canto antes. Con axuda de grandes amigos, aparece o Juvenil de Ponteareas, ao cal lle estou moi agradecido por brindarme esta oportunidade».

Javi Silva, Juvenil de Ponteareas: «Sinto que estou atopando a confianza e a continuidade que necesitaba»

Os Diferenciais da Primeira Futgal nunha xornada

Javi Silva, Juvenil de Ponteareas: «Sinto que estou atopando a confianza e a continuidade que necesitaba»

A Unión Guardesa celebra 25 anos do

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *