# Hashtag
#Blog #Fútbol Feminino #Primeira Galicia Feminina #Segunda Galicia Feminina #Terceira Galicia Feminina

A Copa Vigo toma a dianteira

Quedan dúas semanas para que comecen as competicións ligueiras. Con todo, hai equipos que aínda teñen algunha débeda pendente, como no caso da Copa Deputación da Coruña, que se disputará o fin de semana do 6 de setembro, ou outros que xa van adiantando traballo. É o caso da Copa Vigo, que botou a andar esta semana.

O trofeo olívico, adoita coñecer o seu gañador antes de que remate o ano e xa deixou os primeiros protagonistas desta edición. Nesta primeira rolda, correspondente xa aos cuartos de final, Valladares e Cabral conseguiron superar as súas eliminatorias e avanzar na competición.

O Valladares, campión da Copa Deputación de Pontevedra non tivo demasiados problemas para superar ao Atlético Huracán de Zamáns por 1-5. Para as locais era un día especial, o primeiro partido da historia dun equipo que nace esta temporada e que xa deu os seus primeiros pasos sobre o céspede.



As recén ascendidas a Primeira Galicia tiveron en Paula Ramos a súa gran protagonista. A dianteira asinou un póker de goles, aos que se sumou outro tanto de Anouk Soto, para certificar o triunfo do Valladares.

Máis emocións tivo o outro encontro da eliminatoria. O Cabral conseguiu o pase ante o actual campión, o Teis, despois dun partido que tivo que resolverse desde os once metros.

As verdibrancas chegaron ao descanso con dous goles de vantaxe, pero o Cabral non baixou os brazos. No minuto 55 recortou distancias e, cando todo parecía camiñar cara á vitoria do Teis, chegou o empate no 87. Os penaltis decidiron finalmente o duelo e déronlle ao Cabral o billete para as semifinais.



A seguinte parada será este domingo, cando quedarán definidos os dous finalistas. O Cabral medirase ao Lóstrego B, mentres que o Valladares fará o propio ante o Balaídos.

Aposta pola continuidade e novos reforzos

O Valladares chega á Copa Vigo cun bloque que mantén boa parte das pezas da pasada temporada. A capitá, Noe Lorenzo, continuará á fronte dun equipo no que tamén renovaron Jimena Gil, Antía Salgueiro, Daniela Bugallo, Lucía Vila, Sofía Romero, Fátima González, Paula Domínguez, Noa Aguayo, Adri Poceiro, Clau Rodríguez, Paula Ramos, Irene García e Elva Collazo.

Entre as continuidades destaca especialmente Lucía Vila, que vén de completar unha temporada goleadora. Os seus 37 tantos convertérona na máxima realizadora do Valladares e tamén na máxima goleadora do grupo 2 de Segunda Galicia, quedando cuarta na clasificación xeral da categoría.



Á continuidade do bloque súmanse varias incorporacións procedentes doutros equipos vigueses. Judith Vaqueiro, Paula González, Ares Lea e Elba Rodríguez chegan desde o Sárdoma, mentres que Jimena Oliveira, tamén procedente do club, disputou a pasada temporada no Cabral tras deixar o conxunto blanquiazul. Desde o Teis incorpórase Anouk, mentres que Paula Santamarina chega procedente do Lóstrego.

O Sárdoma tamén ten o seu protagonismo neste mercado. Varias das xogadoras que formaban parte do seu plantel emprenden agora novos camiños, mentres que o club non se presentará esta temporada para competir en Primeira Galicia.

O Valladares afrontará así a videira temporada na Primeira Galicia, despois de conseguir o ascenso o pasado curso, cun bloque que mantén boa parte das súas pezas e varias incorporacións para afrontar o novo reto.

Seis caras novas

O Cabral tamén aproveitou o mercado para introducir novas pezas no seu plantel. Chegaron Aldana Ponteprimo, procedente do Sárdoma B, e María González, porteira que chega desde o Domaio FC B.

O Teis é, porén, a principal fonte dos seus reforzos. Xela Laranxeira, Helena López e Sara Alonso cambian de camiseta para incorporarse ao Cabral, mentres que Doaa Imanni chega tamén desde o Domaio.



Seis incorporacións para un Cabral que xa comezou a súa participación na Copa Vigo e que este domingo buscará unha praza na final fronte ao Lóstrego B.

Continuidade no campión

O Teis, actual campión da Copa Vigo, afronta a nova temporada mantendo boa parte do grupo que conquistou o trofeo. O club anunciou as renovacións de María Moguel, Carol González, Ainhoa Dinis, Sara Alonso, Ainhoa Molanes, Sofía Caride, Nai Carrasco, Enzo López, Silvia Álvarez e Paula Liño.



Á continuidade súmanse tamén novas caras. Ana Belén chega procedente do Balaídos CF, mentres que Jhoss Brito incorpora experiencia no fútbol de Venezuela. O club tamén aposta por unha xogadora con experiencia no fútbol colombiano coa chegada de Lizz.

Outra das novidades é Andrea Chaga, que regresa ao fútbol campo despois dun ano centrada no fútbol sala.

O Huracán de Zamáns estrea a súa historia

O Atlético Huracán de Zamáns afronta esta temporada o reto de construír un equipo desde cero. A Copa Vigo supuxo, esta semana, o primeiro partido da historia dun proxecto que reúne xogadoras con experiencia en diferentes equipos da contorna e outras que afrontarán por primeira vez unha competición deste nivel.

Entre as incorporacións figuran a porteira Aroa Bande, procedente do Porriño Industrial, e Lucía Comesaña, do San Roque Casablanca. Tamén chegan desde o Gondomar Gabriela Fernández Brea, Lara Figueroa, Ángela Mené e Sabela Suárez, mentres que Carla Figueroa e África Salgueiro recalan desde o Valladares.

A lista complétase con Lía Lamas, do Porriño Industrial; Liliana Puertas, do Balaídos; Irene Rial, do Lóstrego; Silvia Rodríguez e Ainara Sousa, procedentes do Teis; e Mireya Vila, que chega ao fútbol campo despois de competir no fútbol gaélico co Turonia.

A estas xogadoras súmanse outras para as que esta será a súa primeira temporada, completando un plantel que acaba de dar os seus primeiros pasos.

A Copa Vigo toma a dianteira

Os Vintage: SCD Milagrosa 2014/2015

A Copa Vigo toma a dianteira

A Copa Vigo toma a dianteira