Resulta ata estraño escribir que o equipo de fútbol dunha vila pola que pasan milleiros de peregrinos cada ano non atopa o Camiño. Pero é o que lle ocorre ao CSD Arzúa, que vai polo terceiro adestrador da tempada e que se atopa en postos de baixada a Primeira Futgal. Sería o segundo descenso consecutivo.
Con todo, este venres 14 de febreiro a situación volveuse aínda máis preocupante. A concellería de Deportes de Arzúa emitiu un comunicado alertando do risco de desaparición do CSD. «A actual directiva ten a intención de deixar o cargo, sen que exista unha alternativa, o que supón o desafío. A posible desparición do club é unha noticia moi negativa para as arzuás e os arzuáns«, sinalan dende o consistorio.
Dende o departamento municipal de Deportes de Arzúa fan un chamamento á veciñanza para buscar solucións que garantan a continuidade do club. Convocaron unha xuntanza o vindeiro luns 17 de febreiro ás 20:00 horas na Aula CeMit do Concello. «É fundamental actuar con responsabilidade e compromiso«, pódese ler no comunicado.
Tres tempadas á deriva
O primeiro equipo do CSD Arzúa non ergue cabeza dende hai dúas tempadas. Na 2022/2023, en Terceira RFEF, remataron en descenso, pero a ampliación de 16 a 18 equipos unha vez rematada a liga permitiulles continuar na categoría. A seguinte campaña, o Queixo Mecánico xa non tivo salvación posible. Baixaron como colistas destacados, sumando só catro vitorias en liga e 18 puntos, a 25 da permanencia.
No regreso a Preferente tras seis tempadas en Terceira, moitos afeccionados do Arzúa agardaban, por fin, un ano tranquilo, no que o fútbol volvese sorrir no Viso. Pero tampouco desta vez están saíndo ás cousas. A falta de 13 xornadas e do partido pendente da xornada aprazada polo temporal, a situación non pinta ben en absoluto.
O Arzúa, a polo terceiro adestrador
No campo do Viso a presente campaña comezara con ilusións renovadas e o obxectivo de loitar por regresar a Terceira. José Miguens ‘Rati’ fora o escollido para dirixir un cadro de xogadores que presentaba unha revolución total.

Só se mantiveron nun principio algunhas pezas, como Lucas, un dos piares; David Freire, que actúa como porteiro, e Iker Hurtado, o killer que non baixou do barco. Chegaron futbolistas como o centrocampista Hermelo, procedente do xuvenil do Alondras, ou Fabio Grajales, que xogou a anterior tempada en Terceira RFEF co filial do Pontevedra. Tamén os atacantes Rial e Soliño, entre outros moitos.
Con todo, as xornadas pasaban e os resultados non chegaban. Así, a finais de novembro, o club anunciou que Rati deixaba de ser o adestrador do Arzúa, nunha decisión tomada seica de mutuo acordo. O seu substituto fora Marco López ‘Cantu’, que chegou coa intención de endereitar un rumbo que semellaba xa demasiado desviado.
Richi faise cargo do equipo
Cantu non foi tampouco quen de cambiar a dinámica dos arzúans e acaba de presentar a súa renuncia. Dende o club agradécenlle «o seu gran compromiso e profesionalidade» e desexoulle «os maiores éxitos no seu futuro persoal e deportivo«.

Desta volta, no Arzúa non espremeron a cabeza buscando un adestrador de fóra, senón que apostaron por alguén de dentro do club. Neste caso, Ricardo Castiñeiras Leis ‘Richi’ toma o mando para intentar que muden as cousas e que o equipo loite pola permanencia. Richi era o segundo adestrador e o club aposta por el «para garantir a continuidade no traballo».
O Arzúa é o colista e está a dez puntos da permanencia na actualidade. Esta fin de semana recibirá no Viso ao Lemos de Edu Rodríguez.
ACTUALIZADO ás 20:00 horas do 14 de febreiro co comunicado do Concello