Renderse non é unha opción e moito menos cando hai tanto en xogo. Os inicios de temporada poden ser traizoeiros, pois asinar un bo comezo non che asegura nada de cara a finalizar nos primeiros postos da táboa clasificatoria. E ao mesmo tempo, relaxarte pode significar botar por terra as túas aspiracións nas cinco primeiras xornadas. Asegurar un ritmo de competitividade continuo vólvese esencial se un quere conseguir os obxectivos. Por iso os equipos da Primeira Futgal botan man dos seus xogadores máis Diferenciais, os seus metrónomos particulares.
Festival… de goles
Nas terras ourensás do grupo 4 pasaron a fin de semana entre escenarios, mais houbo quen preferiu acudir á súa cita dos domingos no campo de fútbol.
Chegan boas noticias á Uceira, xa que o Sporting Carballiño rachou coa súa mala xeira a costa do Loñoá (4-1). Iso si, deberon remontar o tanto inicial dos homes de Xoel Docampo, anotado ao cuarto de hora de comezar o encontro. A resposta branquiazul foi rápida e non tardou en chegar a igualada para, minutos antes de chegar ao tempo de lecer, poñerse por diante grazas ao bo labor de Isra. Xa no reinicio, o mediocampista carballiñés non parou ata selar o hat-trick na súa conta particular, acabando coas esperanzas dun Loñoá incapaz de frealo.

Máis igualado estivo o Francelos – Monterrei, cuxo resultado final foi de empate a dous goles. A bancada ribeirá tivo que agardar ata a segunda metade para celebrar o primeiro da tarde, obra de Róber. Nun abrir e pechar de ollos, o atacante de Cortegada asestou outro golpe para certificar o seu dobrete e poñer terra de por medio… Ou iso crían en Francelos, porque o seu rival refíxose no último treito. Primeiro, reduciron a distancia e, na prolongación, igualaron a contenda, rescatando un valioso punto a domicilio.
La Purísima e Atlético Vilariño asinaron unha oda ao fútbol rexional na cal os de Pereiro de Aguiar resultaron vencedores ao gañarlle aos seus contrincantes por un axustado 3 a 4. Tras unha primeira metade ben igualada, os xogadores de Héctor Conde deron un paso adiante e tomaron a iniciativa no marcador. O cuadro verde non tirou a toalla e devolveu os golpes en apenas dous minutos. Foi entón cando apareceu Juan Mayo para transformar unha pena máxima a prol dos visitantes e asegurar así a consecución dos tres puntos para o Atlético Vilariño.
Aquí compiten todos
O grupo 5 poderá ver modificada a súa configuración, mais nel participarán sempre equipos competitivos.

Ao San Martín non lle tremeu o pulso para desfacerse do Unión (3-0). Decidido a facerse co triunfo, o combinado de Vilaxoán de Arousa saíu ao terreo de xogo con moita intensidade e non tardou en lograr o que quería. Hugo Soto furou as redes barbancesas ao cuarto de hora e, non contento con iso, decidiu repetir o obxectivo cando quedaban segundos para marchar á caseta. O guion non mudou á volta e o San Martín puxo a sentenza cunha terceira e definitiva diana. Agora, sitúanse como segundos clasificados logo de encadear catro vitorias consecutivas.

Custou, pero por fin chegou o primeiro +3 do Flavia. Os pupilos de Camilo Perol tiraron de épica para bater ao Abanqueiro, ao cal derrotaron in extremis por dous goles a tres. Logo de varias idas e vidas por parte de ambos equipos, o encontro entrou na súa fase final coa igualdade no luminoso. A escuadra de Padrón precisaba dun milagre e este chegou nas botas de Luís, quen declinou a balanza a favor dos seus intereses. No último suspiro, o mediocentro furou as redes rivais para darlle aos seus a primeira ledicia da temporada.
Pola súa parte, o Caldas impúxose por un claro 3 a 1 a un Sport Team Estrada que se afunde no fondo da táboa clasificatoria, onde ocupa a posición de pechacancelas. A Román bastáronlle vinte minutos para abrir a lata e poñer en vantaxe aos arlequinados. Ao pouco aumentaron a súa diferenza, aínda que a reacción rival foi case instantánea. Cun 2-1 e a primeira manga chegando á súa fin, Román viu porta de novo para manter a raia aos estradenses e encarrilar as cousas para o seu Caldas.

Loitar ata o final
Dá igual se é o grupo 6 ou é outro porque, en calquera caso, é obrigado loitar ata o final.
Malia sufrir un chisco nos últimos minutos, o Chaín aguantou o tipo e impúxose ao Colegio Hogar pola mínima (2-1). Ningún dos dous equipos quixo ceder nin o máis mínimo e isto traduciuse nunha escaseza de oportunidades. Porén, todo mudou no reinicio, cando Adrián inaugurou o marcador a prol da escuadra do Val Miñor. O atacante foi máis aló e encargouse de ampliar a renda dos seus, aínda que o Colegio Hogar volveuna reducir ao pouco. Aos vigueses faltoulles un chisco máis de agresividade en ataque para levantar o encontro.
No Álvarez Durán xa se comezan a ver sorrisos e non é para menos, pois o seu Tyde acadou o primeiro triunfo da temporada ao endosarlle un 4 a 1 ao Gondomar. Abde Jato cumpriu coa lei do ex e fixo o primeiro da tarde, celebrando efusivamente polos seareiros tudenses. Os rapaces de Alejandro Alonso devolveron o tanto inicial desde os once metros, pero o Tyde non se rendeu e soubo recompoñerse tras a igualada. Foi así como botaron man dun inspirado Abde Jato, autor do 3-1 e principal artífice do +3 do Tyde.
Ribera e Vila do Corpus asinaron táboas ao empatar a tres goles. O encontro tivo dúas partes ben diferenciadas, e nunca mellor dito. E é que os rosaleiros saíron ao campo cunha marcha máis, anotando tres goles nos primeiros corenta e cinco minutos. No descanso, Álex Cuesta axustou aos seus e deu coa tecla correcta. Fixo entrar a Pedro Arroyo e o ponteareán respondeu á súa confianza como mellor sabe facer: con goles. Seu foi o hat-trick que lle permitiu aos amarelos salvar un punto na súa visita á Mata.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































