Nos últimos días, dous equipos tomaron decisións chave para enderezar o rumbo das súas tempadas. En Terceira Federación, o Bergantiños decidiu prescindir de José Pastoriza como adestrador, mentres que en Primeira Galega, o Atlético Arousana tamén optou por un cambio, incorporando a Diego Rivas para tratar de evitar o descenso.
Hoxe en FutbolinGalicia analizamos estes movementos e falamos dos dous equipos.
Un cambio coa permanencia asegurada
O Bergantiños competía pola salvación, pero a retirada do Romanón da competición aseguroulle matematicamente a súa permanencia en Terceira Federación. A RFEF informaba a finais de xaneiro da renuncia do equipo asturiano que xa non se presentara a xogar no partido ante o Oviedo ‘B’.
No grupo 1 da Terceira Federación, onde se atopan os equipos galegos, só había unha praza de descenso, polo que automaticamente todos conservan a categoría. Malia este alivio na clasificación, o club tomou a decisión de separar o seus camiños do de José Pastoriza, o técnico que dirixira o equipo ata o momento.

O relevo de Gueli Cotelo
José Pastoriza chegou no inicio de campaña tomando o relevo Gueli Cotelo que deixaba o primeiro equipo tras oito anos para ser o coordinador da estrutura do feminino. O Bergantiños FC acadou a pasada tempada o ascenso á Terceira RFEF tras 3 anos de intentos. Este ano o desafío está sendo complexo, pois dos 20 partidos disputados, tan só acadaron 9 puntos.
Con esta permanencia asegurada, o reto do Bergantiños agora pasa por pechar a tempada con boas sensacións, mellorar o seu xogo e comezar a sentar as bases do seu futuro cun novo adestrador.

O Arousana aposta por Diego Rivas para saír da zona baixa
En Primeira División Galega Arzúa – Ulloa DOP, a situación do Atlético Arousana é máis delicada. O equipo acumula sete derrotas consecutivas, o que provocou a destitución do seu adestrador Brais Bretal.
Para intentar cambiar a dinámica, o club confirmou a contratación de Diego Rivas, que asumirá o reto de evitar o descenso. Diego é coñecido polo seu traballo nas categorías inferiores da selección galega xunto con Vicky Vázquez, actual adestradora das Celtas.

A súa chegada busca aportar un novo impulso ao vestiario e reverter a complicada situación clasificatoria na que se atopan.

Un histórico en apuros
O Atlético Arousana está pasando por un dos momentos máis delicados da súa historia. Atrás quedan os anos competindo en categoría nacional, enfrontándose agora á realidade de loitar por salvarse na primeira autonómica. Con 10 puntos sitúanse como penúltimas e están a 6 puntos do Umia, que pecha a zona de descenso. Actualmente, a salvación certifícaa o Sárdoma con 19 puntos.
O obxectivo principal do equipo será recuperar a confianza e conseguir resultados que permitan ao Arousana manter a categoría nas 10 xornadas que quedan de competición.
