A cociña da Primeira Futgal bota fume e non é para menos. Aquí só se serven pratos coa intención de deleitar o padar dos seareiros máis incondicionais do fútbol galego. Eses que botan a mañá ou a tarde do domingo agardando por un bo menú, mentres toman o vermú no caso da sesión matinal, ou o café na vespertina. Consumidores exquisitos das categorías rexionais, só poden contentarse coa mellor versión deses xogadores capaces de poñer en pé a unha bancada. Por iso piden sempre unha ración de Diferenciais para comezar a semana!
Se é da casa mellor
Pedir un viño ou unha tortilla caseña, nótase. E xogar no propio feudo, tamén. Que llo digan a estes conxuntos do grupo 4.
Un mes despois chegou a primeira vitoria da Peroxa, logo de bater ao Francelos por catro goles a dous. O apoio do Marco animou aos seus nos primeiros compases de xogo collendo unha vantaxe de dous tantos, un deles asinado por Oli. Pasan os anos pero ‘o vello rockeiro’ do fútbol ourensán non perde o seu olfacto goleador. Con todo, a ledicia desta segunda anotación durou ben pouco, pois os ribeiraos reduciron a diferenza antes de chegar ao entretempo. Tras outro ida e volta de ambos equipos, o conxunto ourensán sentenciou finalmente o partido no seu último treito.
Os irmáns Valcárcel volveron enfrontarse unha temporada máis e nesta ocasión a fortuna sorriulle a Anxo. Así é. Con claridade e sen ceder nin un ápice de intensidade, o seu Velle goleou a La Purísima, adestrado polo seu irmán Diego (4-1). Íker abriu a lata para os do Monte da Aira e, lonxe de estar conforme, volveu á carga para selar un dobrete na súa conta particular. O cadro verde non quedou cos brazos cruzados e respondeu inmediatamente, aínda que non puido evitar encaixar outros dous tantos nos últimos instantes.

Continúa a boa xeira do Maceda ao impoñerse por 2 a 0 ao Monterrei. Coa lembranza da Copa Deputación aínda presente, os homes de Toño Rexá saíron dispostos a vingarse do seu verdugo no torneo do K.O. Os seus esforzos non deron froito no inicio mais, á volta da caseta, Pablo Hermida conseguiu poñer aos macedaos en vantaxe. Unha vez por diante comezaron a ter máis control do xogo, anotando un segundo tanto para pechar o encontro e sumar así o seu terceiro triunfo consecutivo.
Cumprir coas metas
Se non se pode preparar un prato excelente, non importa. Basta con cumprir os obxectivos como no grupo 5.

Custoulle, pero o Cidade de Ribeira rematou por impoñerse ao Ponte Caldelas por dous goles a un. A igualdade foi a tónica do partido durante o seu inicio, marcado polas escasas oportunidades e o xogo trabado. Non foi ata a segunda metade cando os barbanceses conseguiron facer o primeiro da tarde. Pero pouco lles durou a ledicia, xa que o empate tardou dez minutos en chegar. Neses minutos finais, Manuel Ángel deu entrada a Isma e o atacante do filial respondeu á confianza do míster cun golazo, asegurando os tres puntos para o Ribeira.
Sorrí o Campo Lameiro despois de acadar os tres puntos por primeira vez nesta temporada. Iso si, a escuadra dos petróglifos debeu remontar a diana inicial do Atlético Cuntis para levarse o premio final (3-1). Ese tanto chegou ao cuarto de hora de iniciarse o enfrontamento e, lonxe de tombalo sobre a lona, fíxoo reaccionar. Devolveron o golpe antes da pausa e xa no segundo tempo encomendáronse ao bo facer de Ángel para darlle a volta á tortilla. O mediocampista non adoita anotar moitos tantos, pero iso non significa que non posúa talento abondo como para deixarse ver en posicións máis ofensivas!
Unha das sensacións neste inicio de curso futbolístico é o Monteporreiro, que vén de derrotar ao Marcón Atlético por 3 a 1. Alentados pola bancada do Municipal, os pontevedreses saíron cunha marcha máis e abriron a lata por mediación de Yago Rivas. A igualada dos visitantes chegou sobre a bucina, mais isto non desanimou ao Monteporreiro. De volta no terreo de xogo, souberon refacerse e anotaron por partida dobre para deixar ao seu rival sen ningunha opción de remontada.

Unha de chocos
Polas terras do grupo 6 non hai nada como comer chocos de temporada…
Porque o Choco volveu gañar, desta vez ante o Sporting Guardés (0-1), e lidera a táboa clasificatoria con doce puntos de doce posibles! Axustado como poucos, o encontro resolveuse nunha acción puntual rematada por Couñago, quen fixo o primeiro e o único gol nos noventa minutos. Tras unha mangífica temporada no xuvenil choqueiro, o mediocentro quere volver ser protagonista no seu primeiro ano como futbolista senior.
Pretiño deles atópase o Colegio Hogar. Os vigueses impuxéronse ao Ribera por catro goles a tres e ratifican o seu gran comezo de temporada. Antes de chegar ao tempo de lecer, comandaban o electrónico cun 2-0 no luminoso. Iso si, non lles foi doado manter a vantaxe porque os rosaleiros subiron as súas prestacións co paso dos minutos. Tras varias idas e voltas, Ricardo desfixo a igualdade na prolongación, desatando a tolemia na bancada da Pirucha.
E no duelo de necesitados entre o Mosende e o Tyde, os porriñeses resultaron vencedores ao gañarlle ao seu rival pola mínima (1-0). Nada máis comezar, Sergio Ramilo converteu a primeira ocasión clara do combinado dirixido por Juan Pérez. A partir de entón só tiveron que defender coa pelota e xestionar o ritmo de xogo, cousa que fixeron á perfección. Chega así o primeiro +3 para un Mosende que escapa dos postos de descenso onde se atopa agora o Tyde.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































