Coa tempada avanzando nas categorías femininas de Galicia, os equipos que ocupan a zona baixa da clasificación enfróntanse a intentar mellorar a súa situación antes do Nadal. En Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP e na Segunda División Galega, a loita por evitar o descenso é intensa, con partidos onde cada punto conta e pode marcar a diferenza entre salvarse ou descender.
Neste artigo, analizamos a situación actual dos equipos das zonas críticas da táboa e os seus retos que poderían determinar o seu futuro.
A outra cara da moeda de Primeira
Na máxima categoría autonómica, os equipos da zona baixa están sentindo a presión dunha competición cada vez máis esixente. Os resultados irregulares e a dificultade por atopar certa estabilidade fan que varios clubs ocupen posicións comprometidas.
A situación máis complexa é a do Amistade Meirás que se atopa en saldo negativo tras non presentarse ao encontro da quinta xornada ante o Lóstrego ‘B’. As de Valdoviño están vivindo unha tempada complicada e sendo derrotadas con resultados avultados.
Empatados a 7 puntos, e cun partido menos ambos equipos, completan a zona de descenso o Atlético Arousana e o Sárdoma B. As de Vilagarcía non están realizando a súa mellor campaña. Tras 6 derrotas consecutivas, acadaron un empate no seu último partido ante o Umia. Un número considerable de lesións é unha das problemáticas que fan que os resultados non melloren. No apartado de boas novas, veñen de recuperar a Miri Señoráns, o que de seguro, axudará ao equipo a atopar a senda do gol e da vitoria.
Polo outro lado, o Sárdoma conta cun conxunto de xogadoras moi novas, con moito potencial, pero con pouca experiencia. Este feito pásalle factura en momentos chave dos encontros e rematan por perder máis puntos dos que quizais poidan merecer. O seu obxectivo pode pasar por consolidar unha liña defensiva máis sólida que axude a frear as ofensivas rivais e ir sumando puntos vitais na casa.
Outros equipos en risco
A loita por evitar o descenso tamén inclúe a outros equipos que contan con algo máis de marxe pero que necesitan continuar sumando vitorias. Nesta tesitura atópanse Umia con 9 puntos, Victoria FC ‘B‘ con 12 puntos e Victoria CF ‘B‘ e SR Calo empatados a 13. O Umia, tralo seu descenso de categoría nacional, perdeu un gran número de xogadoras e agora traballa cun equipo renovado de rapazas de curta idade. Isto mesmo lles sucede aos filiais dos Victoria, onde cada ano experimentan un cambio de xeración e necesitan un período de adaptación.
Distinta é a situación do Calo sendo un dos recentemente ascendidos. Tras 3 derrotas seguidas no inicio de liga, semella van atopando pouco a pouco o seu sitio na categoría. Contan con xogadoras cun gran xogo de pés e con experiencia en fútbol sala, polo que teñen que conseguir reforzar o seu aspecto defensivo e ir pechando os encontros nos que poden sumar puntos.
Os equipos da corda frouxa en Segunda
No Grupo 1, o Silva SD é o que pecha a clasificación. As de Coruña, son un dos equipos con máis goles encaixados da categoría, sendo ese un dos seus principais problemas. Un punto por encima se atopa o Cultural Maniños e, pechando o descenso, o Sporting Meicende. Estas últimas, están empatadas a 7 puntos co Orillamar, cun partido menos, e o filial do Friol.
No Grupo 2, hai un empate técnico na zona baixa. O San Mateo, Lóstrego ‘C’ e Victoria FC ‘C’ suman unha vitoria cada un. O San Mateo sufriu a marcha de varias xogadoras relevantes e estalle pasando factura na Segunda Galega. Preto do descenso está o Xuventú Aguiño con 5 puntos e, algo máis lonxe, Chantada con 8 e Bandeira con 9.